post

A asociación Íntegro aposta pola renovación dos convenios de colaboración cos concellos bergantiñáns adheridos ao PIMD Rural

108 mulleres do rural, na súa maioría con diversidade funcional, beneficiáronse deste programa dende xaneiro de 2015  

Nas vindeiras semanas a asociación Íntegro retomará a actividade do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional no ámbito rural (PIMD Rural). Para elo, procederase a contactar cos concellos xa adheridos a este programa dirixido a mulleres, maioritariamente con disCapacidade, que está cofinanciado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE), e deseñado e executado pola entidade ata o pasado día 30 de setembro. O primeiro paso para a posta en marcha da segunda edición pasará pola renovación dos convenios de colaboración cos municipios de Malpica, Laxe, Cabana e Ponteceso, que xa forman parte do mesmo dende comezos de ano.

Grazas á implicación e ao compromiso institucional, o PIMD Rural experimentou un notable crecemento na comarca de Bergantiños chegando a consolidarse como o principal grafico-3servizo de atención e intervención para un dos colectivos máis vulnerables da sociedade. Dende que botou a andar en xaneiro de 2015, 108 mulleres beneficiáronse das diferentes accións formativas levadas a cabo para erradicar a discriminación e a desigualdade de oportunidades mediante o desenvolvemento de actividades que facilitan o seu empoderamento e reforzan o seu papel no ámbito rural ata acadar unha situación de normalidade. Neste sentido, os resultados non poden ser mellores! O 69% das usuarias lograron mellorar a súa situación persoal e/ou laboral mentres que un 18% acadou a súa plena integración en materia de educación e formación e o 7% conseguiu a obtención dalgunha cualificación. Ademais, o 6% das participantes acadou o seu primeiro emprego mellorando así a súa calidade de vida.

 Balance

grafico-1Por outra parte, os servizos de orientación, formación e a busca de emprego foron os máis solicitados polas beneficiarias do PIMD Rural acadando un nivel de participación do 81%. Así, o 36% das mulleres fixo uso do programa de orientación e información individual en materia de diversidade, e un 23% decantouse pola adquisición de competencias e habilidades profesionais. Outra das accións con gran aceptación entre as usuarias foron as encamiñadas á orientación laboral e acompañamento na procura de emprego, demandadas no 22% dos casos. A asistencia psicolóxica (11%) e a mediación familiar (8%) pechan a listaxe de prestacións ofrecidas dende os diferentes puntos de intervención, situados nas concellerías de servizos sociais e no Centro de Recursos de Nantón.

grafico-2

A adhesión de catro concellos bergantiñáns ao PIMD Rural, a primeiros de ano,  posibilitou o achegamento de novos recursos a mulleres con diversidade funcional da zona rural. De feito, Ponteceso e Malpica son os municipios nos que se rexistran un maior nivel de participación, cun 33% e un 27%, respectivamente, seguido de Cabana (16%) e Laxe (14%) fronte ao 5% de Vimianzo ou Zas.

Dada a boa acollida que esta iniciativa está a ter na Costa da Morte e ante a crecente demanda de usuarias procedentes doutras localidades, en Íntegro seguimos traballando para ampliar o ámbito de actuación do PIMD a outros municipios e incrementar así a nosa colaboración cos servizos de proximidade á cidadanía.

Permanecede atentas porque moi pronto estaremos de volta!

grafico-todos