post

A Diverescola de Íntegro entrou nas aulas de infantil do CEIP de Bormoio-Agualada cargada de xogos e diversión

No Día Internacional das Persoas con Diversidade, varios usuarios/as da entidade foron, xunto á súa monitora de ocio e tempo libre, os encargados/as de conducir os obradoiros dirixidos aos máis cativos/as

Con motivo da celebración do Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade, celebrado o pasado luns, a asociación Íntegro quixo achegar aos máis pequenos/as a realidade das persoas con diversidade funcional a través dunha nova edición da Diverescola, unha iniciativa de carácter didáctica incluída no programa Capacíta-T, encamiñado a concienciar ao alumnado de educación infantil en materia de diversidade e inclusión. Desta volta,  varios usuarios e usuarias da nosa entidade desprazáronse, acompañados/as da monitora de ocio e tempo libre Lucía Blanco, ata o CEIP de Bormoio, en Agualada (Coristanco), para celebrar unha xornada de sensibilización na que non faltou o xogo e o entretemento.

Nesta ocasión, Dora, Luisa e Fran foron os encargados de dar a coñecer a un grupo de nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos auténticas leccións de vida e superación a través das súas propias experiencias. As actividades, adaptadas á idade dos/as participantes, comezaron a primeira hora da mañá cun conto moi ameno e ilustrativo titulado “Por cuatro esquinitas de nada”, no que se aborda a diversidade como un elemento enriquecedor da sociedade, afondando na idea de que todos e todas somos únicos e diferentes.

O momento máis divertido chegou cando tocou pasar á acción e poñer a proba a súa habilidade e destreza. E o certo é que non se lles deu nada mal! Todos os/as participaron superaron, e con nota, un circuíto de mobilidade no que tiveron que realizar un pequeno percorrido collendo varios obxectos cos ollos tapados para poñerse así na pel das persoas que sofren discapacidade visual. Facer un sándwich cunha soa man e realizar un debuxo con diferentes partes do corpo sen empregar a man que usan habitualmente, foron outros dos exercicios acadados con éxito e cos que deron exemplo da súa gran capacidade de empatía. Ao longo da mañá, os cativos/as aproveitaron para preguntarlle aos nosos usuarios/as polo seu día a día facendo gala dunha gran naturalidade e espontaneidade. 

 

 

 

 

 

 

Desde Íntegro queremos agradecer a participación de todos os centros educativos da Costa da Morte neste proxecto co que se pretende promover unha aprendizaxe en valores e unha aposta pola educación inclusiva dende a infancia.