post

A Fundación ONCE concede unha axuda para a formación de persoas con diversidade funcional en materia de agricultura e xardinería

Esta nova acción formativa, co-financiada polo Fondo Social Europeo, pretende promover a inclusión social e incrementar as contratacións de colectivos en risco de exclusión  

A Fundación ONCE vén de resolver favorablemente unha axuda económica para a posta en marcha dunha nova acción formativa denominada “actividades auxiliares de agricultura e xardinería”, que se desenvolverá ao longo do ano 2019. Dita actividade, forma parte da Convocatoria de axudas económicas da Fundación ONCE no marco do Programa Operativo de Inclusión Social 2014-2020, co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE).

Os destinatarios/as do novo curso serán 12 persoas con diversidade funcional da Costa da Morte, aos que se lles facilitará tanto formación específica sobre a materia como en competencias transversais, destinadas á mellora do emprego.  Para un maior aproveitamento do curso, as clases desenvolveranse de forma grupal e individual, atendendo ás necesidades de cada alumno/a.

Entre os obxectivos desta novidosa iniciativa destacan a promoción da igualdade, a saúde e a inclusión social así como a mellora e o incremento das contratacións a persoas con discapacidade e/ou en situación de exclusión social.

Competencias Clave

Por outra banda, a asociación Íntegro porá en marcha na segunda quincena de xaneiro, un novo curso de preparación das Competencias Clave, no que terán prioridade de acceso ás persoas con discapacidade intelectual.

Esta acción formativa enmárcase dentro das subvencións concedidas pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social para os anos 2018, 2019 e 2020. Dita actuación está co-financiada tamén polo Fondo Social Europeo.

post

3 de decembro, Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade

Con motivo do Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade, instaurado pola Organización de Nacións Unidas (ONU) e a Unión Europea, a escala mundial e europea, e que cada ano se celebra o día 3 de decembro, desde Íntegro, e como entidade membro de COGAMI queremos trasladar o seguinte:

MANIFESTO

As mulleres e os homes con discapacidade que residen en áreas e zonas rurais constitúen un grupo de poboación numeroso (que supera en Galicia as 100.000 persoas e no conxunto de España ascende ao millón) con índices de exclusión social moito maiores e carencia de apoios e recursos en relación á poboación urbana con discapacidade, o que supón unha presión constante e crecente para abandonar este medio. As persoas con discapacidade e as súas familias deben ser consideradas como axentes clave na transformación do medio rural nunha contorna inclusiva, na que todas as persoas poidan despregar o seu potencial humano.

Reclamamos a necesaria aprobación dunha Estratexia Estatal de Desenvolvemento Rural Inclusivo, con enfoque de xénero e transversal, que posibilite a participación, acceso a dereitos e benestar social, das persoas con discapacidade e as súas familias, favorecendo o seu arraigamento e a continuidade en contornas rurais que actualmente corren perigo de despoboamento e abandono. Todo iso con arranxo ao marco de referencia da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable das Nacións Unidas.

É preciso promover o empoderamento das mulleres e nenas con discapacidade residentes no rural, de forma que ningunha quede atrás. Un desenvolvemento rural inclusivo non pode entenderse sen a dimensión de xénero, que baixo un enfoque interseccional, teña presentes e dea resposta ás necesidades das mulleres e nenas con discapacidade residentes no medio rural, as máis invisibles, actualmente sometidas a índices máis elevados de exclusión, pobreza e violencia, así como das mulleres coidadoras de persoas con discapacidade.

 

As políticas públicas deben potenciar a xeración de novos xacementos de emprego no mundo rural, incluído o emprendemento, que permitan a súa transformación e a creación de riqueza e emprego inclusivo de calidade.

Cómpre adecuar a lexislación vixente ao financiamento de medidas e servizos dirixidos a dar atención ás persoas con discapacidade no medio rural, de forma que se poidan impulsar medidas especiais para evitar a migración e desarraigo do rural.

É determinante a coordinación e o traballo en rede entre entidades- plataformas- institucións representativas da discapacidade e das persoas en risco de exclusión e do desenvolvemento rural dirixidas a atender as necesidades das persoas residentes no medio rural, así como deseñar e implantar apoios e recursos de promoción e atención ás persoas con discapacidade e ás súas familias.

Debe deseñarse unha estratexia conxunta entre as distintas instancias, estruturas, plataformas e entidades na loita contra o despoboamento do medio rural, que mitigue a presión constante á que se ven sometidas as persoas con discapacidade e as súas familias para abandonar o campo e trasladarse de modo non querido a zonas urbanas. O movemento CERMI, do que COGAMI e as súas entidades membro forman parte, achegará ao Foro Nacional de Despoboamento o enfoque do sector social da discapacidade en relación coas estratexias contra o despoboamento do medio rural.

Cómpre dispor de estudos, investigacións e análises estatísticas, sociolóxicas e económicas que permitan coñecer a realidade das persoas con discapacidade e das súas familias residentes no medio rural para sustentar a futura estratexia nacional de desenvolvemento rural inclusivo que reclamamos con urxencia aos poderes públicos.

post

Íntegro lánzase a auga para gozar dos beneficios da natación terapéutica

De outubro a maio, dez usuarios/as acoden semanalmente á piscina municipal de Cabana para aprender a nadar e gañar en autonomía persoal

Cada ano, en Íntegro, poñemos en marcha un curso de natación terapéutica dirixido aos nosos usuarios e usuarias co obxectivo de mellorar a súa coordinación, equilibrio e autonomía persoal. Trátase dunha actividade deportiva complementaria, enmarcada no programa de saúde e benestar do noso departamento de Fisioterapia, que utiliza o medio acuático cun fin correctivo e preventivo. De feito, a súa práctica está recomendada por médicos e especialistas como terapia continuada, especialmente, no caso de persoas con diversidade funcional e/ou pacientes con algún tipo de doenza lumbar ou lesión medular.

Cando o corpo entra en contacto coa auga, pesa menos e adquire maior flexibilidade poñendo en funcionamento todos os seus membros e activando músculos, articulacións, tendóns, neuronas, etc. Pero, ademais dos innumerables beneficios físicos, estas sesións repercuten positivamente na adquisición dunha maior independencia, auto-confianza e capacidade de socialización.  

 

Desde hai oito anos, de outubro a maio, un grupo de usuarios e usuarias do Centro de Día e do Centro Ocupacional acoden á piscina municipal de Cabana para lanzarse á auga xunto a dúas monitoras de apoio e unha profesora especializada en natación adaptada que, ademais de ensinarlles a nadar, realiza diversos exercicios de estimulación para contribuír a mellorar o funcionamento muscular e articular dos alumnos/as. As sesións, dunha hora de duración,  lévanse a cabo unha vez á semana, xeralmente os venres.

Coa finalidade de adaptar as clases ás necesidades individuais de usuario/a e prestar unha atención totalmente personalizada, o número de participantes é sempre moi reducido. Este ano, son dez as persoas que se están a beneficiar deste programa que, cada edición, renova o alumnado coa finalidade de garantir a asistencia de todos os interesados/as e cubrir así a demanda existente. 

 

Agardamos que este curso dea resultados tan positivos como en anos anteriores e que os nosos usuarios/as gocen dunha experiencia tan saudable como divertida. E quen sabe se este pode ser o comezo dunha longa e prometedora carreira deportiva!! Non os/as perdades de vista! Seguirémosvos informando dos seus progresos.

post

Íntegro amplía o seu parque móbil cun novo vehículo adaptado cedido pola Deputación Provincial da Coruña

A furgoneta, que realizará o percorrido Camariñas-Camelle-Nantón, permitirá desdobrar unha das rutas con máis usuarios/as e aumentar así o número de prazas

A asociación Íntegro das persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte vén de recibir un novo vehículo adaptado que permitirá mellorar o servizo de transporte dos nosos usuarios e usuarias e incrementar o actual parque móbil, posibilitando así o desdobramento dalgunhas rutas e a incorporación de novas prazas. A entrega foi realizada esta mesma semana pola responsable da área de Benestar Social e Igualdade da Deputación da Coruña, Ánxela Franco, no marco dun convenio de colaboración asinado polo noso presidente Adolfo López Baña e a titular provincial nas instalacións de Nantón. No acto, tamén estiveron presentes a directora do centro, Noelia Barreira; a vicesecretaria da asociación, Mónica Suárez, e o deputado comarcal Manuel Muíño.   

Durante a entrega da furgoneta, López Baña sinalou que “o transporte é fundamental para as entidades que traballamos no ámbito dos servizos sociais e, especialmente, para as que o facemos no ámbito rural onde a dispersión xeográfica nos obriga a prestar especial atención ao desprazamento dos usuarios/as ata o centro”. Neste senso, fixo especial incidencia na necesidade de dispoñer dunha flota ampla e renovada, adaptada ás necesidades das persoas con diversidade funcional. Pola súa banda, Ánxela Franco tamén coincidiu na necesidade de “dotar ás entidades dos medios e recursos necesarios para contribuír a eliminar os atrancos que existen á hora de facilitar ás persoas usuarias a súa chegada aos centros”.

O novo vehículo, valorado en máis de trinta mil euros, ten capacidade para nove persoas e  está dotado cunha plataforma e un chanzo eléctricos para facilitar o acceso ao mesmo ás persoas que se desprazan en cadeira de rodas. A súa posta en funcionamento está prevista para esta mesma semana e o seu destino, en principio, será a realización da ruta Cereixo-Camariñas-Camelle-Nantón, co obxectivo de desdobrar así un dos percorridos máis masificados en canto a número de usuarios e alixeirar os desprazamentos diarios. Ademais, coa nova incorporación poderase incrementar o número de prazas e atender así unha demanda que nos últimos tempos non para de medrar en toda a Costa da Morte. O presidente de Íntegro, tamén subliñou que “este tipo de axudas resultan imprescindibles para ir renovando un parque móbil, xa algo anticuado, e reducir os gastos de mantemento dos vehículos”.

post

O Programa Operativo de Emprego Xuvenil posibilita a contratación dunha técnica en Educación Infantil

A subvención concedida polo Fondo Social Europeo e a Xunta de Galicia terá unha duración de sete meses

Nos últimos anos, tanto o Centro de Día como o Centro de Recursos de Íntegro están a experimentar un crecemento constante no volume de actividades e programas dirixidos a persoas con diversidade funcional da Costa da Morte para contribuír así a mellorar a súa calidade de vida e acadar a súa plena inclusión na sociedade. Pero a ampliación da oferta formativa leva parella, ademais dun notable incremento de contidos en materia de capacitación, emprego ou  sensibilización social, a ampliación do noso cadro de persoal co obxectivo de atender unha demanda cada vez maior, máis esixente e con novas necesidades. Así, desde a entidade de Nantón (Cabana) apostamos pola formación continuada dos nosos traballadores/as e a adhesión a  programas de cooperación que promovan a contratación de novos profesionais destinados a favorecer a diversidade social dos colectivos máis vulnerables e/ou en risco de exclusión.   

Neste sentido, desde o pasado día 1 o noso cadro de persoal viuse ampliado grazas á incorporación dunha nova traballadora. Trátase dunha técnica especialista en Educación Infantil contratada a través dun programa de cooperación posto en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e as entidades sen ánimo de lucro, coa finalidade de mellorar a empregabilidade e a inserción profesional daqueles mozos e mozas inscritos/as no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, dentro do ámbito do Programa Operativo de Emprego Xuvenil. Dita subvención está co-financiada nun 91,89% polo Fondo Social Europeo (FSE) e a Iniciativa de Emprego Xuvenil.

Ao longo dos próximos sete meses, a nova experta en Educación Infantil encargarase, por unha banda, de levar a cabo a planificación, deseño e desenvolvemento dalgúns dos talleres do Centro de Día e do Centro Ocupacional e, pola outra, da formación das persoas con diversidade funcional que asisten de forma regular aos nosos obradoiros ocupacionais e das que participan esporadicamente nalgunha acción formativa concreta ao longo do ano. Ademais, participará activamente no noso programa de ocio e tempo de lecer para complementar e ampliar os servizos prestados polo equipo de monitores/as. Un axuda extra que será ben recibida tendo en conta que nos últimos meses incrementouse o número de usuarios/as chegando a situarse na actualidade en 40 persoas.  

Funcións:

  • Organización e desenvolvemento de talleres de artes manuais (bixutería, elaboración de xabóns, pintura…).
  • Realización de obradoiros de formación e capacitación (escola de adultos, novas tecnoloxías, formación especifica para a ESA, competencias clave…).
  • Programa e avalía os procesos educativos.
  • Desenvolvemento de actividades destinadas á creación de novos hábitos para o fomento da autonomía.
  • Realización de metodoloxías de xogo para estimular a creatividade, a iniciativa e a disciplina.
  • Deseñar saídas de ocio e lecer adaptadas ás preferencias e necesidades dos usuarios/as do centro.

Con esta nova contratación, englobada no Programa Operativo de Emprego Xuvenil, esperamos poder mellorar e incrementar a atención ás persoas con diversidade funcional da Costa da Morte e ás súas familias para a consecución dunha vida independente e autónoma.

 

post

Íntegro clausurará o martes 19 o obradoiro de Acondicionamento de Mobiliario Urbano e Xardíns

A Casa do Oleiro de Buño acollerá o acto de entrega de diplomas aos 12 alumnos/as con diversidade funcional da Costa da Morte que participaron na acción formativa subvencionada pola Fundación Once e co-financiada polo Fondo Social Europeo

O obradoiro de Acondicionamento de Mobiliario Urbano e Xardíns,  organizado pola asociación Íntegro dentro da Convocatoria de Axudas Económicas da Fundación ONCE, chegou hoxe a súa fin. Dende o pasado 1 de marzo, 12 homes e mulleres con diversidade funcional da Costa da Morte participaron nesta acción formativa, impartida pola entidade e a empresa de xestión social MáisPorvir, encamiñada a promover a igualdade, o benestar e a inclusión social das persoas con discapacidade en situación ou risco de exclusión social, e mellorar a súa empregabilidade a través do incremento de contratacións. O acto de clausura terá lugar o martes 19, ás 12h, na Casa do Oleiro de Buño (Malpica) coa entrega de diplomas aos asistentes. 

Despois de tres meses e medio e 365 horas de aprendizaxe, aos participantes desta acción formativa, incluída no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social 2014-2020 co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE), só lles queda un último reto: atopar un traballo estable e con garantías para a consecución dunha vida plena e autónoma. E méritos non lles faltan!

Ademais das clases teóricas realizadas na Casa do Oleiro de Buño, o alumnado puido completar a súa formación con varias sesións prácticas levadas a cabo tanto no taller de carpintería de Anos (Cabana) como en numerosas zonas verdes e axardinadas do casco urbano e dos núcleos rurais do Concello de Malpica. Así, ás labores de limpeza e mantemento en parques, xardíns e paseos, súmanse os traballos de rehabilitación, reparación e construción de equipamento urbano como a instalación de novas papeleiras e o arranxo de balaustradas en mal estado. 

Desde a asociación Íntegro queremos agradecer o apoio e a colaboración desinteresada dos concellos de Malpica e Cabana a través da cesión de instalacións municipais e zonas verdes para a realización das clases teórico-prácticas. Unha mostra máis da súa aposta pola capacitación profesional e a mellora do emprego para as persoas con diversidade funcional e/ou en risco de exclusión social.

 

 

 

 

 

 

 

 

post

Aberta a inscrición para os campamentos de verán específicos para persoas con discapacidade

A entrega de solicitudes poderá realizarse ata o vindeiro 30 de maio

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nos campamentos de verán específicos para persoas con dicapacidade, promovido pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia.  Este ano ofértanse 170 prazas, divididas en quendas de 10 días entre o 1 de xullo e o 12 de setembro. Como novidades, haberá 20 prazas máis destinadas principalmente ao tramo de idade comprendida entre os 19 e os 40 anos  e unha nova instalación para o desenvolvemento dos campamentos: a Residencia de Tempo Libre do Carballiño, en Ourense. O período de recepción de solicitudes rematará o vindeiro 30 de maio.

Durante 10 días, os/as participantes poderán gozar dunha estadía socializadora e de convivencia, nun espazo lúdico, integrador e seguro mediante a posta en marcha de actividades orientadas, especialmente, ao fomento de habilidades sociais, ao contacto coa natureza e o mar, ao coñecemento da propia cultura e á educación para a saúde.

A solicitude de praza neste programa de campamentos específicos para persoas con discapacidade é compatible coa solicitude de prazas de inclusión no programa Campaña de verán 2018 da D.X. de Xuventude e Voluntariado.

Requisitos

As persoas interesadas en participar nos campamentos deberán ter recoñecida alguna discapacidade, cun grao igual ou superior ao 33%, e  unha idade comprendida entre os 11 e os 40 anos, ademais dos seguintes requisitos:

  • Estar empadroado nalgún concello de Galicia.
  • Non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.
  • Non presentar trastornos que poidan alterar a convivencia durante o transcurso da actividade.
  • Ter unha capacidade mínima de comunicación e de participación nas actividades que se van desenvolver.
  • Ter unha mobilidade acorde ás características da instalación que se solicita.

Instalacións

Os equipamentos nos que terán lugar estas accións de verán específicas para persoas con discapacidade son os seguintes:

Albergue xuvenil de Gandarío, emprazado no municipio coruñés de Bergondo. Desenvolverase a temática de natureza e mar.

Residencias de Tempo Libre de Panxón, no concello pontevedrés de Nigrán.

Residencia de Tempo Libre de O Carballiño, situada na provincia de Ourense.

Nas dúas últimas instalacións, os campamentos tratarán sobre actividades de teatro e natureza.

Bonificacións

O prezo máximo de cada praza ascenderá a 125 euros. Dito importe verase reducido nun 50% se o/a solicitante é posuidor do título de familia numerosa e nun 25% para quen teña o Carné Xove. Así mesmo, terán preferencia as persoas que non participasen no programa en anos anteriores así como as que residan habitualmente no domicilio familiar.

As solicitudes deben presentarse na Consellería de Política Social antes do 30 de maio.

Máis información

Teléfono Social gratuíto: 900 333 666 Para información sobre a xestión dos campamentos, envío de documentación, valoración de solicitudes e concesión de prazas:

Para información sobre as instalacións nas que se desenvolve o programa pódese consultar a páxina web http://politicasocial.xunta.gal/web/portal/portada ou dirixirse directamente ás propias instalacións.

post

O alumnado do curso de Acondicionamento de Mobiliario Urbano e Xardíns pasa á acción

O mantemento de zonas verdes e a rehabilitación de material urbano centran a actividade formativa dos/as 12 alumnos/as do obradoiro subvencionado pola Fundación ONCE e co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) e a asociación Íntegro.

O obradoiro de Acondicionamento de Mobiliario Urbano e Xardíns que a asociación Íntegro está a desenvolver na Casa do Oleiro de Buño (Malpica) marcha a bo ritmo. Os/as 12 alumnos/as con diversidade funcional da Costa da Morte que participan nesta acción formativa, subvencionada pola Fundación ONCE no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social 2014-2020 e co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) e a nosa entidade, están a facelo tan ben que xa comezaron a verse os primeiros resultados. E son espectaculares!

Ademais das clases teóricas, impartidas de luns a venres -de 09:30 a 14:30 horas- pola empresa de xestión social +Porvir, o alumnado está realizando as prácticas correspondentes tanto no taller de carpintería de Anos (Cabana) como nas zonas verdes e axardinadas, cedidas polo Concello de Malpica. Neste sentido, esta semana, xunto ás labores de limpeza e mantemento en parques, xardíns e paseos, procederon á instalación de novas papeleiras e á reparación e rehabilitación dalgunhas balaustradas que se atopaban en mal estado.  

Con esta iniciativa, posta en marcha o pasado 1 de marzo, preténdese promover a igualdade, o benestar e a inclusión social das persoas con diversidade funcional, e incrementar o número de contratacións para mellorar a empregabilidade dun colectivo en situación de vulnerabilidade e/ou risco de exclusión. A clausura do curso está prevista para o próximo 15 de xuño.

post

O PIMD Rural volve a Malpica con novas accións formativas e un servizo de asesoramento continuo

O Alcalde e a concelleira de Servizos Sociais asinaron onte o convenio de colaboración con Íntegro tras visitar as instalacións de Nantón

O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade no ámbito Rural (PIMD Rural), promovido por Íntegro,  volve a estar de actualidade. Onte asinouse no Centro de Recursos de Nantón un convenio de colaboración co Concello de Malpica para a posta en funcionamento do novo servizo de asesoramento e intervención integral a persoas con diversidade funcional, especialmente mulleres, co-financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE).

En presencia da directora do centro, Noelia Barreira, o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco, formalizaron a súa adhesión, por terceiro ano consecutivo, ao PIMD Rural co obxectivo de promover a autonomía e a independencia das mulleres con disCapacidade que residen no rural de cara a súa plena integración na sociedade.

 

Para elo, levaranse a cabo unha serie de accións formativas dirixidas a mellorar a capacitación profesional e o emprego dun colectivo en situación de especial vunerabilidade. Ademais, as usuarias deste servizo disporán de asesoramento continuo, información sobre recursos individualizados e específicos, apoio e acompañamento na tramitación de xestións burocráticas así como atención individualizada sobre aspectos relacionados coa diversidade, ao igual que as familias con membros en situación de dependencia. As persoas interesadas deberán dirixirse ao punto de intervención que estará situado no departamento municipal de Servizos Sociais.

Visita ás instalacións

Antes da sinatura do convenio, os representantes municipais tiveron tempo de realizar un minucioso percorrido polas instalacións de Nantón para coñecer de primeira man algunas das melloras realizadas no centro e visitar os obradoiros ocupacionais nos que estaban a traballar os nosos usuarios e usuarias. Tanto o Alcalde como a Concelleira foron agasallados con xabóns de glicerina da colección Bicos de Amora.

Os representantes municipais levaron cadanseu xabón de glicerina da colección Bico de Amora

 

 

 

 

Desde Íntegro tamén queremos agradecer a participación do Concello de Malpica no obradoiro de Acondicionamento de Mobiliario Urbano e Xardíns, mediante a cesión dun aula na Casa do Oleiro de Buño para as clases teóricas e a dispoñibilidade de diferentes zonas verdes e axardinadas do municipio para a realización das prácticas. Unha nova acción, co-financiada pola Fundación ONCE e o Fondo Social Europeo (FSE),  que vén a refozar o seu compromiso coa integración social, educativa e laboral das persoas con diversidade funcional da contorna.

post

Estudantes do CEIP Canosa-Rus protagonizan unha nova edición da campaña de lesións medulares

Varios membros de Íntegro visitaron o centro coristanqués para conversar cos alumnos/as de 6º de primaria  

Esta semana os alumnos e alumnas do CEIP Canosa Rus de Coristanco foron os protagonistas dunha nova edición da campaña de lesións medulares que Íntegro está a impartir nos centros educativos da Costa da Morte coa finalidade de informar e concienciar aos escolares de primaria e secundaria sobre as principais causas e consecuencias de sufrir un accidente medular así coma da importancia da súa prevención.

Na xornada de sensibilización o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña; a traballadora social, Sandra Reimúndez, e Teresa Alvarellos, socia e voluntaria da entidade, foron os encargados de achegar aos nenos e nenas de 6º de primaria o día a día de quen padece unha doenza medular facendo especial fincapé na necesidade de evitar a práctica de actividades de risco como os mergullos en praias e piscinas, principal causa deste tipo de lesións entre os máis pequenos.

Ao longo da sesión, os/as escolares tamén tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man algúns testemuños reais como o de Teresa Alvarellos, colaboradora da campaña de prevención e lesionada medular por mor dun accidente de tráfico. Un exemplo de superación e forza que espertou o interese e a curiosidade do alumnado con preguntas relacionadas co seu día a día. A accesibilidade universal e as dificultades coas que se atopan a cotío as persoas con mobilidade reducida foron outros dos asuntos que espertaron o interese dos/as escolares.

 

Esta iniciativa, que se está levando a cabo con gran éxito dende hai anos en numerosos colexios e institutos da nosa contorna, está co-financiada pola Xunta de Galicia e a Deputación de A Coruña. Así mesmo, tamén conta coa colaboración de numerosos concellos da Costa da Morte e varias empresas de carácter privado.

 

A seguinte parada da campaña de prevención terá lugar mañá e o vindeiro venres no IES Agra de Leborís (Laracha). Ademais da habitual charla- coloquio cos alumnos/as, proxectarase o último vídeo editado pola entidad “A ti tamén che pode pasar”, no que profesionais médicos e testemuñas reais analizan as causas e consecuencias de sufrir un accidente medular.