post

Os institutos de Baio e Carnota súmanse á campaña de lesións medulares de Íntegro

Onte varios membros da entidade celebraron de maneira simultánea dúas charlas informativas ante un total de  50 alumnos/as

Encontro co alumnado do Ies de Carnota

Esta semana a asociación Íntegro retomou, e por partida dobre,  a campaña de prevención de lesións medulares nos centros educativos viaxando ata dous institutos da Costa da Morte. O alumnado do IES Maximino Romero de Lema (Baio-Zas) e do IES Lamas de Castelo (Carnota) foron os protagonistas dunha nova xornada de sensibilización para informar e concienciar sobre as causas e consecuencias de sufrir un accidente medular e a importancia da súa prevención.

Por unha banda, na xornada de onte, o presidente de Íntegro Adolfo López Baña desprazouse ata o Ies de Carnota para manter unha charla informativa cun grupo de 30 estudantes de 3º e 4º da ESO. A actividade comezou coa proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar”, editado pola entidade para amosar a realidade dunha doenza que cada vez afecta a máis persoas. A continuación, celebrouse un coloquio para incidir na necesidade de evitar riscos innecesarios en praias, piscinas e estradas, principais causantes da meirande parte dos sinistros entre os adolescentes.

 

Campaña de medulares no Ies de Baio

Pola súa banda, Teresa Alvarellos-socia e colaboradora do programa- fixo o propio pero, no seu caso, ante 18 alumnos/as de 3º de secundaria do Ies de Baio. Ademais, a través da súa testemuña achegoulles o día a día dun doente medular, facendo especial fincapé nas barreiras físicas e psicolóxicas que xuntos debemos derrubar. Un exemplo de forza e superación que deixou impresionados/as tanto aos estudantes como aos seus mestres.

 

Esta iniciativa, que se desenvolve con gran éxito nos centros de secundaria e primaria da Costa da Morte, está co-financiada pola Xunta de Galicia e a Deputación de A Coruña ademais de contar coa colaboración de numerosos concellos da Costa da Morte e varias empresas de carácter privado.

 

post

Escolares de Camariñas e Ponte do Porto comparten risas e coñecementos no Visítanos

 46 alumnos e alumnas de 4º de primaria realizaron un percorrido polas instalacións e participaron en todos os obradoiros coa axuda de mestres/as e usuarios/as 

Esta semana o Centro de Recursos Íntegro recibiu a visita dun grupo de alumnos e alumnas dos colexios de educación primaria de Camariñas e Ponte do Porto para participar nunha nova edición de Visítanos, unha actividade de sensibilización incluída no programa Capacíta-T destinada a concienciar aos máis pequenos en materia de diversidade e inclusión.

Onte, a primeira hora da mañá, 46 nenos e nenas de 4º curso do CEIP O Areal de Camariñas e o CEIP Ponte do Porto aterraron nas instalacións da asociación Íntegro dispostos a coñecer de preto o funcionamento da nosa entidade e achegarse ao día a día dos nosos usuarios e usuarias. Logo da charla de benvida e a proxección dun vídeo, os/as estudantes comezaron unha viaxe polas dependencias, tanto do Centro de Día como do Centro de Recursos, con parada en todas as aulas incluída a zona de xardíns e invernadoiros.

Os obradoiros de artes manuais, como o de confección de xabóns de glicerina e pulseiras de macramé, foron algúns dos que máis sorprenderon aos escolares, que non dubidaron en poñerse mans á obra para elaborar as súas propias creacións e levalas para as súas casas como recordo do seu paso polo centro.

 

Na cociña e no ximnasio tamén tiveron oportunidade de poñer a proba as súas habilidades coa axuda dos nosos usuarios/as e os seus propios mestres/as, aos que, por certo, a repostería non se lles dá nada mal. Ademais de realizar circuítos de mobilidade sobre unha cadeira de rodas, tamén se achegaron ao obradoiro de carpintería para tomar boa nota das labores de recuperación de mobiliario urbano que levamos a cabo e concienciarse sobre a importancia de coidar e conservar os bens e os espazos públicos. Na sala de logopedia houbo tempo para xogar e rir a gargalladas con algunhas probas que, ao principio, semellaban resistirse como as pompas de xabón ou os ollos saltóns.

Finalmente, os/as estudantes elaboraron un mural conxunto coas súas impresións dunha xornada na que ademais de aprendizaxe e coñecementos, houbo emocións e moita diversión. Grazas a todos e a todas por vir!

 

 

post

160 estudantes carballeses toman conciencia sobre a prevención de lesións medulares

Responsables de Íntegro achegáronse nos últimos días ata as aulas do IES Monte Neme e Parga Pondal

160 alumnos e alumnas de dous institutos carballeses participaron nas últimas xornadas de sensibilización promovidas pola asociación Íntegro, dentro da campaña de prevención de lesións medulares que está a percorrer os centros educativos de primaria e secundaria da Costa da Morte.

O pasado martes, varios responsables da entidade con sede en Nantón (Cabana), entre os que se atopaba o seu presidente Adolfo López Baña, achegáronse ata as aulas do IES Monte Neme de Carballo para manter un encontro cos estudantes de 3º e 4º da ESO. Ademais da proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar”, no que se narran as principais causas e consecuencias de sufrir un accidente medular, o alumnado seguiu con atención o relato de varias testemuñas reais que deron conta do seu día a día sobre unha cadeira de rodas. Durante a mañá celebráronse dúas sesións informativas nas que participaron un total 110 mozos/as. Ao remate, moitos deles/as aseguraron sentirse máis concienciados/as sobre a importancia de evitar prácticas de risco, especialmente en zonas como praias e piscinas onde os mergullos de cabeza son moi habituais.

Os/as que tamén terán que poñer en práctica os consellos recibidos o pasado venres son os 50 alumnos/as de 2º da ESO do IES Isidro Parga Pondal, o outro centro carballés que estes días abriu as súas portas á campaña de prevención de Íntegro. Logo da charla informativa, celebrouse un pequeno coloquio para intercambiar impresións sobre a xornada e conversar sobre as dificultades de vivir cunha lesión medular. Esperemos que todos/as vaian coa lección aprendida. Ata a próxima!

post

Máis de 100 estudantes de Ponteceso, Vimianzo e Zas protagonizan as últimas accións inclusivas de Íntegro

Onte 34 alumnos/as do IES Eduardo Pondal asistiron a unha charla sobre lesións medulares e 59 do CEIP San Vicenzo de Vimianzo desprazáronse ata Nantón para participar no Visítanos. Hoxe, a campaña de prevención aterrou no CPI de Zas  

Tras as vacacións de Semana Santa, a comunidade educativa da Costa da Morte volveu ser a protagonista de varios programas de sensibilización e normalización inclusiva postos en marcha pola asociación Íntegro para achegar a diversidade funcional aos nosos mozos e mozas. Así, entre onte e hoxe celebráronse varias actividades didácticas nas que participaron máis de 100 estudantes. Onte a campaña de prevención de lesións medulares chegou ata as aulas de 4º da ESO do IES Eduardo Pondal de Ponteceso mentres que o Centro de Recursos de Nantón acollía unha nova edición do Visítanos, na que participaron preto de 60 nenos e nenas do CEIP San Vicenzo de Vimianzo. E hoxe, tocoulle a quenda ao CPI de Zas, onde se levou a cabo un encontro con estudantes de 3º e 4º da ESO para falar sobre as causas e consecuencias dunha lesión medular.

Estudantes de 4º da ESO do IES Eduardo Pondal de Ponteceso

Hoxe a campaña de prevención chegou ao CPI de Zas

 

 

 

 

 

 

 

O regreso ás aulas no IES de Ponteceso chegou con novidades, polo menos para os 34 alumnos e alumnas de 4º da ESO que participaron na campaña de prevención de lesións medulares, organizada pola entidade para concienciar aos máis novos/as sobre a necesidade de evitar sinistros, na súa maioría,  irreparables. E sobre as causas e consecuencias dos accidentes medulares xirou a xornada de onte, na que ademais de proxectarse o novo vídeo da campaña deste ano tamén se celebrou unha charla-coloquio cos estudantes, que se amosaron moi participativos/as e interesados/as, especialmente durante o relato de varias testemuñas reais, vítimas de lesións. Idéntica sesión se repetíu hoxe no CPI de Zas en presencia de 32 mozos e mozas de 3º e 4º de secundaria. 

Visítanos!

Quen marchou coa lección ben aprendida foi o alumnado de 5º e 6º de primaria do CEIP San Vicenzo de Vimianzo, tras o seu paso onte polas nosas instalacións de Nantón dentro do programa Visítanos, unha acción englobada no programa Capacíta-T dirixida a sensibilizar aos máis pequenos en materia de diversidade e inclusión. Tras abordar o significado destes conceptos, para descartar ideas preconcibidas e, ás veces, erróneas, proxectouse un vídeo explicativo titulado “Lo incorrecto”.

De seguido, os 59 nenos e nenas participantes dividíronse en varios grupos e comezaron a percorrer as instalacións para coñecer un a un os diferentes obradoiros do centro. Os xogos de habilidade da sala de logopedia deron paso á creatividade que empregaron para elaborar os xabóns de glicerina e as pulseiras de macramé. Os circuítos de mobilidade no ximnasio e o taller de cociña, onde elaboraron unhas saborosas rosquillas, foron dúas das actividades que causaron maior expectación, aínda que o máis sorprendente da xornada foi a creación dun “galiñófono” na aula de música, un novo instrumento musical feito con vasos de plástico e un pouco de fío.

Ao final, cada equipo expuxo as súas impresións sobre o aprendido no centro e entre todos/as confeccionaron un mural co máis destacado do seu paso pola entidade, no que seguro figuraban en primeiro término as palabras diversión e aprendizaxe.  Grazas a todos/as!

post

Íntegro celebrará mañá unha asemblea xeral de socios/as e un cocido popular

Durante a xornada festiva tamén haberá música, baile e moitas sorpresas con agasallos incluídos para os/as participantes

A asociación Íntegro celebrará mañá, sábado 24, a súa asemblea anual ordinaria á que están convocados todos os socios e socias da entidade. Dita xuntanza, aprobada pola xunta directiva o pasado 17 de febreiro, terá lugar no Centro de Recursos de Nantón (Cabana) a partir das 11:30 h, en primeira convocatoria, e ás 12h, en segunda. 

A relación de asuntos a tratar na asemblea xeral desenvolverase de acordo á seguinte orde do día:

1.- Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior

2.- Actividades levadas a cabo durante o ano 2017

3.- Estado contable do ano 2017 e a súa aprobación, se procede

4.- Actividades e orzamentos para o 2018 e a súa aprobación, se procede

5.- Rogos e preguntas

Segundo establecen os estatutos vixentes, as persoas que desexen participar na reunión exercendo o seu dereito de voz e voto deberán estar ao día no pagamento da súa cota anual, fixada este ano en 25€. En caso de non ter domiciliado o recibo, os interesados/as poderán formalizar o ingreso, á maior brevidade posible, ben no propio centro ou ben nas seguintes contas bancarias, indicando o nome do socio/a + cota anual 2018. Deste xeito, as persoas asociadas poderán beneficiarse de importantes descontos e promocións durante todo o ano en numerosos establecementos comerciais da Costa da Morte.

ABANCA    IBAN ES03 2080 0075 0330 4000 2407

LA CAIXA   IBAN ES42 2100 5710 8802 0001 3166

Sesión vermú e cocido

 

 

Unha vez rematada a asemblea dará comezo a xornada festiva, na que participarán arredor de 85 persoas que xa reservaron praza con antelación ante a falta de espazo dispoñible. Ás 14h está previsto que dea comezo a sesión vermú a cargo do grupo My Way. A continuación, os asistentes poderán degustar o tradicional cocido, elaborado por persoal e colaboradores do centro, cos mellores produtos da comarca. Este ano o prezo do menú é de 12€ para os socios/as e 15 para o resto.  

Durante a tarde, a diversión, o baile e as ganas de pasalo ben estarán aseguradas. Ao igual que en anos anteriores, haberá alguna que outra sorpresa e moitos agasallos para que os convidados/as non marchen  coas mans baleiras e poidan gozar ao máximo dun día en familia, a de Íntegro. Agardámosvos!

post

Íntegro achega a diversidade a máis de 200 escolares da Costa da Morte

 Esta semana a campaña de lesións medulares, a Diversescola e o Visítanos promoveron numerosas actividades de sensibilización en varios colexios e institutos da zona

Onte foi un día de intensa actividade na asociación Íntegro, tanto dentro como fóra das nosas instalacións. Mentres que o Centro de Recursos abría as súas portas para recibir a un grupo de alumnos/as do CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso, dentro do programa Visítanos, varios responsables da entidade desprazáronse ata o IES Terra de Soneira de Vimianzo para manter unha xuntanza co alumnado de 4º da ESO e 1º de bacharelato no marco da campaña de prevención de lesións medulares.

Esta semana en Nantón imos de aula en aula! A primeira cita foi cos alumnos e alumnas de 3º da ESO do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco, cos que mantivemos unha charla informativa o pasado martes para falarlles sobre a prevención de lesións medulares e a importancia de evitar prácticas de risco en puntos de alta sinistralidade como praias, piscinas e estradas. Dentro desta campaña, que Íntegro está a impartir nos centros de primaria e secundaria da Costa da Morte, o segundo encontro tivo lugar onte no IES Terra de Soneira de Vimianzo. 60 escolares de 4º da ESO e 1º de bacharelato participaron nunha animada e moi concorrida xuntanza con varios membros da entidade na que ademais da proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar”, houbo unha charla informativa e un improvisado coloquio sobre as principais causas e consecuencias das lesións medulares e a importancia da súa prevención.

Os que estes días tamén se achegaron de cheo á diversidade foron os máis pequenos/as. Concretamente onte,  máis de 30 nenos e nenas de 5º e 6º de primaria do CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso estiveron de visita en Íntegro para coñecer por dentro as nosas instalacións e o funcionamento dos obradoiros.  Da man de Visítanos, unha iniciativa do programa Capacíta-T promovida por Íntegro, e xunto aos nosos usuarios e usuarias percorreron un a un os talleres do Centro de Día e do Centro Ocupacional con parada obrigada na cociña, no ximnasio e na sala de artes manuais, onde tiveron a oportunidade de elaborar tanto xabóns de glicerina como pulseiras de macramé que tamén levaron como recordo. A xornada rematou coa confección dun mural no que recolleron as súas impresións sobre a experiencia vivida no centro.

Diverescola e Medulares

Pero as actividades de sensibilización nos centros educativos da comarca continuarán ata mañá. Sen ir máis lonxe, hoxe a Diverescola, a versión máis peque do programa Capacíta-T, viaxou ata as aulas de infantil do CPI As Revoltas de Cabana para achegar a diversidade a preto de 40 nenos/as, con idades comprendidas entre os 3 e os 5 anos, a través do xogo e o entretemento. Mañá venres será a quenda dos alumnos e alumnas do CEIP Milladoiro de Malpica, ata onde se trasladará a campaña de prevención de lesións medulares poñendo o punto e final así a unha semana frenética e de intensa actividade nos colexios e institutos da Costa da Morte, reflexo da aposta por unha educación inclusiva e en igualdade. Grazas!

post

O CEIP de Buño transfórmase nunha Diverescola para os/as estudantes de infantil e primaria

Preto de 30 nenos e nenas participaron nunha xornada de sensibilización incluída no programa Capacíta-T

Os alumnos/as de infantil e primaria do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño (Malpica) convertéronse onte nos protagonistas dunha nova edición da Diverescola, unha iniciativa promovida por Íntegro, no marco do programa Capacíta-T, para achegar aos máis cativos/as a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento.

Durante algo máis de dúas horas, as aulas do centro educativo mudaron o seu aspecto para converter os tradicionais pupitres en improvisados circuítos de obstáculos e os libros en leccións orais de vida e superación. Así, a primeira hora da mañá a nosa monitora de ocio e tempo de lecer, Lucía Blanco, iniciaba unha xornada de sensibilización repleta de xogos na que participaron preto de trinta nenos e nenas que agardaban ansiosos/as e con expectación a visita da asociación Íntegro.

Aínda que moitos/as aseguraron coñecer a persoas con diversidade funcional na súa contorna, moi poucos sabían do seu día a día. E para descubrilo, nada mellor que meterse na súa propia pel poñendo a proba as súas habilidades e destreza a través da realización dunha serie de probas coa mobilidade reducida e os ollos tapados.  Os primeiros en apuntarse ao circuíto de obstáculos foron os/as 17 estudantes de educación infantil, que superaron con nota a actividade, dando exemplo da súa capacidade de empatía. De seguido, 11 nenos e nenas de diferentes ciclos de primaria tamén tiveron a oportunidade de comprobar cales son algunhas das barreiras que han de sortear as persoas que posúen algún tipo de discapacidade. Unha vez máis, os/as máis pequenos da casa volvéronnos a sorprender facendo gala da súa naturalidade e espontaneidade.  

Desde Íntegro queremos agradecer a participación de todos os centros educativos da Costa da Morte neste proxecto co que se pretende promover unha aprendizaxe en valores e unha aposta  pola educación inclusiva dende a infancia.

post

Inaugurado o curso de Acondicionamento de Mobiliario Urbano e Xardíns para persoas con diversidade funcional

Ao acto de presentación, que tivo lugar o pasado día 1 na Casa do Oleiro de Buño, asistiron responsables de Íntegro, MáisPorvir e o Concello de Malpica

A asociación Íntegro vén de inaugurar un curso de Acondicionamento de Mobiliario Urbano e Xardíns dirixido a persoas con diversidade funcional co fin de mellorar a súa capacitación profesional e promover o emprego entre o colectivo. No acto de presentación, celebrado o pasado día 1 na Casa do Oleiro de Buño (Malpica),  estiveron presentes a traballadora social de Íntegro, Sandra Reimúndez; a xerente de MáisPorvir, Sandra Caamaño; o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga; a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, e o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández.

O novo obradoiro, que terá una duración de dous meses e medio, está integrado tan só por doce alumnos/as procedentes de diversas localidades da Costa da Morte que, na actualidade, figuran como demandantes de emprego. Trátase dun grupo moi reducido para garantir unha atención individualizada e axeitada ás necesidades de cada persoa.

 

As clases levaranse a cabo de luns a venres, de 9:30 a 14:30h. e dividiranse en varios módulos teóricos e prácticos. Así, os primeiros serán impartidos por profesionais de Íntegro na Casa do Oleiro de Buño (Malpica) grazas á cesión realizada polo Concello de Malpica para o desenvolvemento das sesións formativas en materia de xardinaría, carpintaría e competencias transversais. Pero dende o consistorio tamén porán a disposición dos alumnos/as varias zonas verdes e axardinadas, tanto no casco urbano como no rural, para a realización das correspondentes prácticas. Pola súa banda, o municipio de Cabana tamén quixo implicarse nesta iniciativa destinando o local da escola de carpintaría, situado na parroquia de Anos, para a execución dos traballos de reparación, rehabilitación e confección de mobiliario urbano, incluídos na programación do curso e impartidos pola empresa de economía social Máis Porvir.

Con esta nova acción formativa, subvencionada pola Fundación ONCE e co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE) e a asociación Íntegro, agárdase acadar a inserción laboral dunha elevada porcentaxe de participantes, ao igual que sucedeu en ocasións anteriores con outros cursos de características similares.     

post

A Deputación Provincial da Coruña donará a Íntegro un vehículo adaptado para o transporte de usuarios/as

Así o manifestou hoxe a deputada Ánxela Franco durante a súa visita a Nantón acompañada polo concelleiro de Educación de Ponteceso Carlos Penedo

Esta mañá o Centro de Recursos Íntegro recibíu unha visita moi especial que nos deixou boas novas. A deputada provincial de Igualdade e Benestar Social, Ánxela Franco, desprazouse ata Nantón (Cabana) para coñecer de primeira man as obras e actividades financiadas pola Deputación da Coruña a través dun programa de subvencións a entidades sen fins de lucro destinado a investimentos en servizos sociais correspondente ao ano pasado. Xunto á titular da área tamén estivo o concelleiro de Educación, Asociacionismo e Patrimonio de Ponteceso, Carlos Penedo.

O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, e a directora do centro, Noelia Barreira, exerceron de anfitróns nunha visita guiada polo Centro de Día e o Centro Ocupacional, onde foron os propios usuarios/as os que explicaron polo miúdo o funcionamento dos diferentes obradoiros que se levan a cabo, facendo especial fincapé no proceso de elaboración dos xabóns de glicerina da colección Bicos de Amora, unha liña comercial de productos artesanais coa que se pretende mellorar a empregabilidade das persoas con diversidade funcional, e pola que se interesou especialmente a titular provincial.

Os responsables da entidade tamén deron a coñecer as novas actividades e programas postos en marcha ao longo de 2017 e adiantaron as liñas estratéxicas programadas para o período 2017-2020, destinadas a mellorar a formación e o emprego dun colectivo en risco de exclusión. Neste punto, tanto a Deputación como o Concello manifestaron o seu compromiso de colaboración para seguir traballando cóbado con cóbado coa entidade.

Pero as boas novas aínda estaban por chegar e fixérono da man da deputada provincial e o responsable municipal. Así, a primeira, Ánxela Franco, anunciou que en breve a entidade disporá dun novo vehículo adaptado, concedido polo organismo provincial para a mellora dos servizos e/ou prestacions sociais e sociosanitarias. E, pola súa banda,  o concelleiro Carlos Penedo trasladou a intención do Concello de Ponteceso de promover a inclusión transversal desde todas as áreas de goberno que sexa posible coa intención de “facer entre todos/as un concello máis inclusivo e accesible”, matizou.

Desde Íntegro queremos agradecer a colaboración e o traballo conxunto de ambas institucións na procura dunha sociedade máis inclusiva e igualitaria.

post

O Centro Social de Neaño acolleu unha charla sobre lesións medulares dirixida a novos colectivos sociais

Un grupo de 40 veciños/as da localidade e varios responsables do Concello de Cabana participaron neste acto co que se pretende ampliar a campaña a outros ámbitos e colectivos de risco

Hoxe a campaña de prevención de lesións medulares cambiou de escenario e de público traspasando así as aulas dos centros educativos da Costa da Morte ás que nos ten acostumados/as. Nesta ocasión, o Centro Social de Neaño (Cabana) foi o novo emprazamento elixido pola asociación Íntegro para a celebración dunha charla informativa titulada “lesións medulares: causas e consecuencias”. Con esta actividade, na que participaron preto de 40 persoas, a entidade amplía o seu programa de sensibilización social a outros ámbitos e colectivos para concienciar á cidadanía sobre a necesidade de evitar prácticas de risco e extremar as medidas de prevención.

Ás 11h da mañá, a proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar”, editado pola entidade, abriu o acto organizado en colaboración co Centro de Día de Cabana. Ao seu remate , o presidente de Íntegro Adolfo López Baña, e a educadora social Tania Bartucca analizaron as principais causas e consecuencias de sufrir unha lesión medular, facendo especial fincapé na importancia da súa prevención. Neste senso, ambos coincidiron en destacar o notable incremento deste tipo de doenzas entre a poboación adulta, causadas, principalmente, no ámbito doméstico, laboral e no campo debido a unha falta de atención, un exceso de confianza ou como froito de caídas fortuítas. David Pombo e Teresa Alvarellos, vogal e socia da entidade, respectivamente, convertéronse en protagonistas involuntarios da xornada ao narrar as súas propias experiencias tras sufrir un accidente medular. Dous exemplos de vida, forza e superación que non deixaron indiferente a ninguén.

Acompañando aos representantes de Íntegro estiveron tamén varios responsables do Concello de Cabana, institución colaboradora da campaña de prevención que se imparte nos centros educativos de primaria e secundaria. Entre as autoridades locais figuraban o alcalde José Muiño, o concelleiro de Obras e Servizos Sociais, Carlos Allo; a concelleira de Turismo, Medio Ambiente e Medio Rural, Begoña Torrado e a educadora familiar, Cristina Morandeira. Dende o consistorio salientaron, unha vez máis, o importante labor divulgativo e preventivo desta campaña, xa consolidada entre os escolares da Costa da Morte.

Tras hora e media, a xornada rematou cunha quenda de intervencións que o público aproveitou para preguntar sobre o día a día dun lesionado medular e coñecer as principais barreiras ás que deben enfrontarse na súa vida diaria.

Desde Íntegro queremos dar as grazas a veciños/as, usuarios/as e autoridades locais pola súa asistencia a esta nova sesión encamiñada a sensibilizar e concienciar en materia de prevención a toda a poboación porque todos/as podemos ser vítimas dunha doenza medular. Vémonos na seguinte!