post

Íntegro e La Caixa de Baio formalizan un convenio de colaboración para o programa Respiro Familiar Vacacional

A asociación Íntegro e La Caixa de Baio (Zas) veñen de asinar un convenio de colaboración entre ambas entidades para cofinanciar o Programa Respiro Familiar Vacacional 2016 para a Diversidade Funcional de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra. Trátase dun proxecto de recente implantación que pretende ofrecer ás familias unhas xornadas de respiro e merecido descanso ao tempo que posibilita aos usuarios e usuarias a realización dunha viaxe de varios días de duración lonxe do seu fogar.

No acto de sinatura participaron a directora da oficina bancaria, Inmaculada Pérez García, e o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña. Ámbolos dous destacaron a importancia de poñer en marcha accións conxuntas de financiamento para posibilitar a realización de proxectos deste tipo, que polo seu coste económico serían inviables para calquera entidade social sen ánimo de lucro. Neste senso, López Baña amosouse moi agradecido a La Caixa de Baio “por contribuír a facer realidade este ansiado soño que acaba de ver a luz e que doutro xeito non sería posible”.

O programa de colaboración arrancou o día 5. O resultado non puido ser mellor, xa que participaron o 90% dos usuarios e usuarias que acoden diariamente tanto ao noso Centro de Día como ao Centro Ocupacional. Nesta ocasión realizouse unha viaxe cultural a Madrid durante a primeira semana de setembro para gozar de catro días de ocio e pracer visitando algúns dos monumentos e áreas culturais máis emblemáticas da capital entre as que non faltaron o Zoo-Acuario, o estadio Santiago Bernabéu ou o Parque do Retiro, onde estiveron acompañados polo Presidente de COCEMFE, Anxo Queiruga. Ademais, houbo tempo para perderse polas céntricas rúas madrileñas e visitar a marabillosa cidade de Segovia.

la-foto-4la-foto-3la foto 4

Sen dúbida, foi unha experiencia inesquecible e moi divertida, chea de actividades, que resultou moi positiva para os/as participantes xa que ademais de desfrutar dun tempo de ocio tamén puideron poñer en práctica capacidades tan importantes como a autonomía e o desenvolvemento persoal.

la foto 4

O grao de satisfacción entre os familiares e os usuarios/as foi tan elevado que xa estamos a pensar no destino do ano que vén, para o que agardamos poder seguir contando coa inestimable colaboración de La Caixa de Baio, unha entidade comprometida coa posta en marcha de iniciativas en favor da igualdade e a inclusión de persoas con diversidade funcional.

post

15 usuarios e usuarias de Íntegro visitan Madrid co programa Respiro Familiar Vacacional

Quen dixo que as vacacións xa remataron? En Íntegro non fixeron máis que comezar! Un grupo de usuarios e monitores da nosa asociación acaban de poñer rumbo a Madrid dentro do programa Respiro Familiar Vacacional, cofinanciado por LaCaixa de Baio (Zas).

A expedición, integrada por 15 usuarios/as e 4 monitores/as, iniciou onte pola mañá unha viaxe de catro días coa finalidade de gozar dunhas xornadas de descanso visitando algúns dos lugares máis emblemáticos da capital. Aínda que se trata do primeiro ano que se pon en marcha esta actividade, dende a asociación destacaron a boa acollida que esta viaxe tivo entre os usuarios/as e as súas familias acadando unha excelente resposta e unha participación que supera o 90%.

la foto 4Ademais da colaboración da entidade bancaria, esta iniciativa tamén está subvencionada con fondos do centro ocupacional procedentes da elaboración e comercialización dos nosos produtos (Bicos de Amora, obxectos de bixutería e decoración, e todo tipo de detalles personalizados). Un intenso e excelente traballo que deu os seus froitos grazas á confianza de moitas persoas anónimas que apostaron polos estes artigos para agasallar en eventos e celebracións especiais. O resto do importe da viaxe foi sufragado pola entidade e pequenas aportacións dos familiares dos participantes.

Programala foto 4

Tras visitar no día de onte a fermosa cidade de Segovia, con parada obrigada no acueduto e na cidade vella, hoxe tocou percorrido polo Zoo-Acuario de Madrid onde lles agardaban varios espectáculos mariños e exhibicións coas que pasaron un día inesquecible. Mañá pola mañá desprazaranse ata a zona centro da capital para coñecer as principais rúas da cidade (Zona Preciados, Porta do Sol, Gran Vía) e visitar o emblemático Estadio Bernabéu. Xa pola tarde achegaranse ata o fermoso Parque do Retiro, onde esta previsto unha visita guiada moi especial da man do presidente de COCEMFE, Anxo Queiruga. O regreso será o xoves, non sen antes realizar algunha parada polo camiño para compras de última hora. Boa viaxe a todos/as!

la foto 1la foto 3la foto 2