post

Éxito de participación nos I Xogos Populares de Íntegro

O pavillón municipal de Baio (Zas) acolleu a primeira edición dunha competición lúdico-deportiva que logrou reunir a representantes de diferentes asociacións da provincia

O polideportivo de Baio (Zas) foi o escenario elixido pola asociación Íntegro para celebrar os seus I Xogos Populares, un evento lúdico-deportivo que logrou reunir no día de onte a representantes de diferentes entidades sociais da provincia nunha xornada que mesturou deporte, diversión e convivencia coa posta en valor dos xogos tradicionais.

A primeira edición desta competición deportiva non puido empezar con mellor pé. Integrantes das asociacións Ambar, Adisbismur, Misela, A Creba Saúde Mental e Avante estiveron presentes nesta primeira convocatoria, que pretende consolidarse co paso do tempo ata converterse nun punto de encontro anual e nun referente en toda a Costa da Morte.

 

As actividades deron comezo ás 11.30 horas con dous grandes clásicos: o “xogo do pano” e os “aros”. Media hora máis tarde, os que puxeron a proba a súa habilidade e destreza, divididos en varias quendas, foron os/as participantes da “carreira de sacos” e do “xogo das chapas”. En ambos casos, os gañadores de cada ronda tiveron que enfrontarse nunha final que resultou do máis emocionante cuns marcadores moi axustados ata o último momento. O mesmo aconteceu coa modalidade de “salto á corda” e a “mariola”, que deu paso á entrega de premios por parte do presidente de Íntegro Adolfo López Baña e a directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira. Así mesmo, un grupo de usuarios/as de Íntegro tamén fixo entrega dalgúns galardóns aos vencedores, que consistiron en medallas e recordatorios personalizados e elaborados de maneira artesanal no centro de Nantón.

 

 

 

 

 

Ao longo da mañá tamén houbo tempo para divertirse bailando ao ritmo da música e practicando outras modalidades deportivas como o zumba, no que os nosos usuarios/as son uns auténticos expertos/as. Finalmente, a xornada rematou cun xantar, ao que asistiron todos os/as participantes, e co desexo de volver a vernos moi pronto nos II Xogos Populares. Grazas a todos7as por participar e…..ata a próxima!

post

Íntegro acudirá ao II Encontro Olímpico A Creba 2017

Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental que se celebrará o día 10                                  

O vindeiro martes un grupo de usuarios/as de Íntegro viaxará ata a localidade de Noia para participar no II Encontro Olímpico A Creba 2017 organizado pola Asociación Pro Saúde Mental A Creba. Será unha xornada deportiva, reivindicativa e de convivencia á que asistirán numerosas entidades sociais da provincia de A Coruña coa finalidade de dar visibilidade ao deporte adaptado e fomentar a súa práctica entre as persoas con diversidade funcional.

Este ano os nosos usuarios e usuarias acoden á competición co intención de divertirse pero tamén de revalidar ou superar os once títulos acadados na edición anterior. Para elo, levan días adestrando duro nas nosas instalacións de Nantón e preparándose para afrontar as diferentes probas que terán que realizar: carreira en cadeira de rodas, brille, xogos tradicionais (corda, cadeira), tiro, equitación e circuíto a cegas.

 

O acto de apertura dará comezo cun desfile inaugural, previsto para as 10:50h, no que cada asociación participará portando a súa bandeira oficial e que, no noso caso, foi elaborada por nós mesmos/as. De seguido, iniciarase a competición, que se prevé difícil e moi concorrida, e na que os/as nosos/as representantes terán que medirse ante os equipos de Adismisbur, Amicos, Ambar, Misela e A Creba.

Probas

Na carreira en cadeira de rodas poderán participar dous xogadores por entidade (con ou sen mobilidade reducida). O percorrido realizarase en zig-zag ata o medio da pista. Cando queden tres persoas disputarase a final.

En Brille disputaranse dous partidos: usuarios/as e monitores/as. Os equipos estarán formados por xogadores de diferentes agrupacións elixidos por sorteo. A duración máxima será de 15 minutos.

Xogos populares: Corda ( 4 xogadores por asociación) e cadeira (3 membros por equipo).

A proba de equitación será, sen dúbida, unha das máis divertidas xa que os/as xogadores/as deberán de superar, cun pau de fregona a modo de cabalo, un percorrido de obstáculos no menor tempo posible.  Cuestión de habilidade e moita rapidez!

Na modalidade de tiro tamén haberá dúas probas de agudeza visual e boa puntería. Ademais do tradicional tiro de disco, os participantes terán que facer gala da súa habilidade para encestar unha pelota en varios cubos con distintos diámetros e a diferentes distancias. Gañará quen máis puntos acade.

No circuíto a cegas participarán 4 usuarios/as por agrupación, dous cos ollos tapados e dous con eles destapados, como acompañantes. A proba consiste en guiar aos compañeiros/as polo percorrido de obstáculos e realizalo no menor tempo posible.

Xa pasadas as 14h procederase á entrega de medallas aos gañadores/as e, a continuación, celebrarase un xantar popular.

Desde Íntegro queremos desexarlle moita sorte aos nosos deportistas e confiemos en que corran igual ou mellor sorte que o ano anterior. Pese a levar os deberes feitos e ben preparados “a sorte está botada e que gañe o mellor”, como se soe dicir nestes casos. O que si temos asegurado é unha xornada de deporte, diversión e moi boa compañía xunto ao resto de entidades e compañeiros/as.

Grazas á Asociación A Creba por convidarnos un ano máis e parabéns pola iniciativa. Moita sorte cracks!