post

MáisPorvir, a empresa de economía social de Íntegro, imparte en Ponteceso os obradoiros de Actívate 2018

Arranxos Florais, Manualidades, Memoria Activa e Novas Tecnoloxías son os cursos que se levarán a cabo este ano para ampliar a oferta de ocio e lecer dos vecinos e veciñas

A empresa de economía social de Íntegro, MáisPorvir Xestión Social, xa comezou a impartir no Concello de Ponteceso os novos obradoiros incluídos no programa Actívate 2018, promovido pola concellería de Servizos Sociais co obxectivo de ampliar a oferta de ocio e tempo de lecer dos seus vecinos e veciñas. As encargadas de inaugurar a actividade foron as 19 alumnas do curso de Arranxos Florais, que arrincou onte na biblioteca do Centro Cultural con gran expectación e recollendo xa os seus primeiros froitos baixo a supervisión da directora da entidade e responsable da formación, Sandra Caamaño.

Xunto ás participantes, na xornada inaugural, estivo tamén a responsable da área, Isabel Vuelta, que se achegou ata as instalacións para darlles a benvida e agradecer a boa acollida desta iniciativa, na que participan persoas procedentes de todas as parroquias da vila.

Durante a primeira sesión, que tivo lugar onte de 17 a 19h, as alumnas fixeron gala da súa habilidade e imaxinación ao elaborar os seus primeiros centros de flores naturais con gran éxito e sen maior complicación. As clases, que se desenvolverán durante os meses de abril e maio, retomaranse mañá mércores dentro do mesmo horario.

Por outra banda, para o mes de xuño está previsto levar a cabo o segundo obradoiro incluído no programa Actívate 2018. Nesta ocasión, tocaralle a quenda aos alumnos/as de Manualidades (técnica de Patchwork), que realizarán as clases teórico-prácticas os martes e xoves de 17 a 19h. Despois do verán, retomarase a actividade formativa cun curso de Memoria Activa, de setembro a outubro, e outro de Novas Tecnoloxías, entre novembro e decembro. En ambos casos, o horario das clases será de 17:30 a 19:30 horas. En total, 54 sesións teórico-prácticas e 108 horas de duración, que, a bo seguro, darán moitos e moi bos froitos sobre os que vos seguiremos informando.