Bicos de Amora

bicos-amora-etiqCon este nome tan fermoso e evocador estamos a comercializar a nosa propia liña de xabóns de glicerina 100% vexetal.

Esta singular iniciativa é froito da mestura entre o traballo e a creatividade do obradoiro de Artes Manuais do noso centro ocupacional. Unha andaina que comezou hai algo máis de un ano coa implantación de varios cursos de formación ata converternos en fabricantes dos nosos propios produtos, elaborados artesanalmente, respectando os tempos de fabricación e reforzando o noso compromiso co medio ambiente. Unha produción artesanal que lle outorga a cada peza un toque único e diferente, con selo propio e garantía de calidade.

Pero Bicos de Amora tamén é unha porta aberta ao mercado laboral para persoas con diversidade funcional, capaces de traballar e poñer en valor todas as súas habilidades e coñecementos. O seu nome é unha viaxe ás orixes, á terra, ás amoras da nosa infancia e aos beizos tinguidos pola súa cor morada.

A ampla gama de deseños de xabón, con multitude de formas, cores e olores, convérteno no regalo perfecto: útil, orixinal e personalizado. Un produto idóneo para calquera persoa, evento ou circunstancia e unha ocasión perfecta para levar a Costa da Morte a flor de pel.