post

Últimos días para inscribirse no curso de Acondiconamento de Mobiliario Urbano e Xardíns

O novo obradoiro, subvencionado pola Fundación ONCE e co-financiado Fondo Social Europeo, está dirixido a persoas con diversidade funcional da Costa da Morte

O vindeiro 1 de marzo a asociación Íntegro ampliará a súa oferta formativa coa posta en marcha dun curso de Acondicionamento de Mobiliario Urbano e Xardíns dirixido a persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. Esta nova acción, subvencionada pola Fundación ONCE, a través do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social 2014-2020, e co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE), vén a reforzar o plan de capacitación profesional iniciado pola entidade para dotar dos recursos e ferramentas necesarias a un dos colectivos máis vulnerables co fin de mellorar a súa inserción laboral e garantir a igualdade de oportunidades.

Aínda que as inscricións para participar neste obradoiro deron comezo o pasado día 1, o prazo permanecerá aberto ata o 28 de febreiro. As persoas que estean interesadas en formar parte do proceso selectivo poden dirixirse ao Centro de Recursos de Nantón (Cabana) ou chamar ao 981 734 985, de luns a venres en horario de 09 a 17h, para formalizar a súa solicitude ou solicitar a información que precisen. Os aspirantes deberán cumprir dous requisitos imprescindibles: ter recoñecida algunha discapacidade e estar inscritos/as como demandantes de emprego.  Unha vez rematado o período de anotacións, procederase á selección dos candidatos/as que reúnan as condicións esixidas.

O curso, que se desenvolverá entre o 1 de marzo e o 15 de xuño, estará formado por un máximo de 12 alumnos/as para garantir unha atención individualizada e adaptada ás necesidades de cada participante ademáis de facilitar a realización dunha axeitada formación práctica.

Con esta nova acción formativa, especializada e acorde á demanda do mercado actual, preténdese acadar a inserción laboral dunha elevada porcentaxe dos participantes, ao igual que xa sucedeu en ocasións anteriores noutros cursos destas características.