post

A campaña de prevención da lesión medular visita o IES Alfredo Brañas

Un total de 50 escolares de 4º da ESO participaron nunha xornada de sensibilización marcada polas medidas anti-COVID

A campaña de prevención da lesión medular de Íntegro chegou esta semana ao IES Alfredo Brañas de Carballo coa celebración dunha xornada de sensibilización, dirixida ao alumnado de 4º da ESO, para informar sobre as causas e consecuencias dos accidentes medulares e concienciar aos máis novos sobre a importancia de evitar situacións de risco en estradas, praias e piscinas, principais focos de sinistralidade entre a mocidade.  

Un grupo de 50 alumnos, divididos en dúas clases, participaron este xoves nas sesións informativas ofrecidas pola educadora social de Íntegro, Tania Bartucca, que tamén estivo acompañada por outros membros da entidade como o presidente, Adolfo López Baña; Sara, alumna en prácticas, e José Manuel, un voluntario do programa que non dubidou en expoñer o seu caso, como exemplo de forza e superación, co que deixou impresionados tanto aos estudantes como ao profesorado.

As sesións completáronse coa proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar” e o reparto dunha unidade didáctica, elaborada por Íntegro en colaboración co Concello de Carballo. Ao remate, celebrouse un breve coloquio que os alumnos/as aproveitaron para despexar dúbidas e coñecer o día a día dunha persoa con lesión medular.

Nesta ocasión, debido á situación actual derivada da COVID-19, non se realizaron as habituais sesións prácticas, e as teóricas dividíronse en grupos reducidos, respectando as medidas de seguridade establecidas. 

Desde Íntegro queremos agradecer a implicación e colaboración da comunidade educativa na difusión desta campaña co dobre obxectivo de crear conciencia entre os máis novos/as e apostar por unha educación en valores, máis responsable e inclusiva.

Os centros educativos que estean interesados en adherirse a esta campaña ou a calquera dos programas de sensibilización postos en marcha pola entidade, non teñen máis que poñerse en contacto co centro enviado un mail a formacion@integro.es ou nos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649.