post

Balance positivo para o PIMD Rural con 41 mulleres atendidas nos últimos once meses

  • O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural, promovido por Íntegro e co-financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade e o Fondo Social Europeo ( FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, prestou atención a 5 mulleres máis con respecto ao ano anterior 
  • Ademais de numerosas accións formativas, presenciais e telemáticas, ofrecéronse servizos de asesoramento, orientación laboral e mediación orientados a colectivos de especial vulnerabilidade 

Nin o confinamento ao que nos vimos sometidos durante boa parte do primeiro semestre do ano por mor da COVID-19, nin as restricións sanitarias que seguen a condicionar as nosas vidas nesta “nova normalidade”, foron quen de paralizar a actividade do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMD Rural). Todo o contrario! O período 2019/2020 vén de pechar cun balance máis que positivo e un lixeiro incremento de usuarias con respecto ao ano anterior. 

41 mulleres con discapacidade e/ou en situación de especial vulnerabilidade do rural, cinco máis que no exercicio 2018/2019, foron atendidas de outubro a setembro deste ano no PIMD Rural, un servizo promovido pola asociación Íntegro e co-financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade de Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE), no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, para fomentar a igualdade de oportunidades e contribuír a diminuír a tripla discriminación á que se ven sometidas moitas das beneficiarias deste programa.

Tras o decreto do Estado de Alarma e o conseguinte peche das nosas instalacións de Nantón, como medida de contención fronte ao coronavirus, en Íntegro puxemos en marcha un servizo de atención telefónica e on-line para atender, de forma inmediata e personalizada, as novas necesidades das usuarias do programa e continuar coa actividade formativa, que este ano centrouse na elaboración de currículos e cartas de presentación, taller de habilidades pre-laborais, resolución de conflitos e formación básica en prevención de riscos laborais. As sesión estiveron formadas por grupos moi reducidos (2/3 participantes) coa finalidade de ofrecer unha atención o máis individualizada posible e adaptada ás necesidades de cada persoa.

 Servizos para colectivos vulnerables

Por outra banda, desde o PIMD Rural tamén se desenvolveron numerosas accións, vía telemática e presencial- a través das visitas domiciliadas-, destinadas a atender a mulleres, con diversidade ou non, en situación de especial vulnerabilidade e residentes no rural. Se ti tamén es muller con ou sen discapacidade, resides no rural e precisas orientación e/ou información sobre recursos singularizados, de atención, e asesoramento persoal e social, así como de apoio directo nas relacións con outras entidades, organismos e servizos que faciliten ás persoas usuarias o seu proceso de integración social; Mediación intercultural e/ou familiar e orientación laboral e de acompañamento na busca de emprego, incluído o emprego por conta propia e o emprendemento, así como a prospección do mercado de traballo, a intermediación e a tutorización laboral e profesional, non dubides en poñerte en contacto con integro chamando ao 981 734 985 ou enviando un mail a info@integro.es.