post

A campaña de prevención de lesións medulares de Íntegro chega aos IES de Carballo

Este mes realizaranse varias charlas informativas no Isidro Parga Pondal e no Alfredo Brañas

Esta semana Íntegro volve ás aulas coa campaña de prevención de lesións medulares que estamos a impartir nos centros educativos de primaria e secundaria da Costa da Morte co obxectivo de informar aos estudantes sobre as causas e consecuencias de sufrir un accidente medular e sensibilizalos/as sobre a importancia de evitar situacións de risco que poidan derivar nesta doenza. Esta iniciativa, que xa leva máis dun ano percorrendo os colexios das comarcas de Soneira, Fisterra e Bergantiños, está cofinanciada pola Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña e conta ademais coa colaboración de todos os concellos e a implicación de varias empresas de ámbito privado.

la-foto-1

Alumnos/as do CEIP Canosa-Rus de Coristanco

Tras visitar recentemente aos alumnos/as do CEIP Canosa-Rus de Coristanco, este mes achegámonos ata dous centros de secundaria do Concello de Carballo. Así, mañá será a segunda quenda para os mozos e mozas do IES Isidro Parga Pondal de Carballo, onde xa estivemos tamén a semana pasada gozando dunha xornada moi positiva e enriquecedora. Nesta ocasión, o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, acompañado doutros membros da directiva e de varios técnicos da entidade, ofrecerá unha charla informativa para dar a coñecer aos estudantes da ESO en que consiste unha lesión medular e cales son algunhas das súas consecuencias, facendo especial fincapé na prevención de prácticas de risco asociadas á adolescencia, especialmente, en estradas, praias e piscinas, onde se están a rexistrar o maior número de accidentes entre os máis novos.

img_1105

Mañá terá lugar a segunda charla informativa no IES Isidro Parga Pondal de Carballo

Ao longo da xornada, os asistentes poderán escoitar por boca dos seus protagonistas o relato das súas propias vivencias e as dificultades de vivir sobre unha cadeira de rodas nunha sociedade na que as barreiras físicas e mentais seguen a ser unha materia pendente. Obstáculos e limitacións que o alumnado poderá comprobar en primeira persoa poñéndose no lugar das persoas con mobilidade reducida. Unha experiencia única para poñer a proba a destreza dos rapaces e rapazas pero tamén a súa capacidade de empatía con quen sofre este tipo de situacións na súa vida diaria.

Próximas citas

programas-escolares

Estudantes carballeses do IES Monte Neme

A campaña de prevención de lesións medulares chega ao municipio carballés para quedarse. Logo de visitar o IES Isidro Parga Pondal, os nosos representantes tamén acudirán ao IES Alfredo Brañas para continuar coas actividades de sensibilización dirixidas aos alumnos/as de educación secundaria. Os días elixidos serán o 22 e o 29. Deste xeito, completamos a ronda de visitas aos centros da capital de Bergantiños, iniciada o curso pasado cunha xornada informativa no IES Monte Neme.

img_1106

 

Dende Íntegro queremos dar as grazas a todas as empresas e institucións participantes nesta campaña así como aos centros educativos pola excelente acollida que está a ter entre os mesmos. Esperamos que esta iniciativa logre xerar unha maior concienciación social e dea moi pronto os seus froitos porque o mellor tratamento sempre é a prevención. Vémonos nas aulas!

 

 

00020001