post

Íntegro amplía o parque móbil coa adquisición dun furgón

Dita adquisición está financiada con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea-NextGenerationEU e o apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Xuventude

A asociación Íntegro das persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte vén de adquirir un novo vehículo adaptado, con capacidade para nove persoas, que permitirá mellorar o servizo de transporte dos seus usuarios e usuarias e incrementar o actual parque móbil, posibilitando así o desdobramento dalgunhas rutas e a incorporación de novas prazas. Así mesmo, con este novo vehículo a entidade vén a modernizar a actual flota coa finalidade de mellorar a eficiencia da mesma e diminuír as emisións contaminantes contribuíndo así a unha economía sostible.

Dita adquisición foi posible grazas ao financiamento da Unión Europea, a través dos fondos NextGenerationEU, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia, e o apoio da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia.

O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, amosou a súa satisfacción por dispoñer dunha flota ampla e renovada, adaptada ás necesidades das persoas con diversidade funcional e lembrou a importancia de dotar ás entidades sociais dos medios e recursos necesarios para eliminar os problemas de accesibilidade e transporte á hora de facilitar ás persoas usuarias a súa chegada aos centros”.

post

O PIMDRural organiza novas accións formativas para mulleres en situación de especial vulnerabilidade

  • O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural, promovido por Íntegro e co-financiado polo Fondo Social Europeo Plus(FSE) ao abeiro do programa operativo FSE+Galicia 2021-2027, conta xa coa participación activa de 45 mulleres desde o pasado mes de setembro 
  • Ademais dun plan de formación continuada, desde este servizo de apoio ofrécese asesoramento, orientación laboral, acompañamento e atención psicolóxica a mulleres en situación de especial vulnerabilidade

O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural (PIMDRural), promovido por Íntegro e co-financiado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE) ao abeiro do programa operativo FSE + Galicia 2021-2027, vén de superar o ecuador da edición correspondente ao período 2022-2023 cun balance moi esperanzador e positivo, contando xa coa participación activa de máis de 45 mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

A principal finalidade deste servizo de apoio á muller, que está operativo desde 2016, é a de promover a igualdade de oportunidades para contribuír á redución da tripla discriminación que sofren diariamente as usuarias, dotándoas así dunha maior autonomía e independencia para mellorar a súa situación persoal e lograr a plena inclusión social e laboral. Neste senso, o equipo de profesionais do PIMD Rural, formado por unha psicóloga, unha traballadora social e unha educadora social, desenvolven de xeito continuado unha atención personalizada e especializada nas seguintes áreas e programas:

  • Recursos integrais de atención personalizada e especializada para mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a diferentes colectivos.
  • Servizo de orientación e información sobre recursos singularizados, de atención, orientación e asesoramento persoal e social, así como de apoio directo nas relacións con outras entidades, organismos e servizos que lles faciliten ás persoas usuarias o seu proceso de integración social.
  • Atención psicolóxica.
  • Mediación intercultural e/ou familiar.
  • Actividades para a adquisición de habilidades persoais e sociais básicas e/ou de competencias para a mellora da empregabilidade.
  • Medidas de orientación laboral e acompañamento na busca de emprego, incluído o emprego por conta propia e o emprendemento, así como a prospección do mercado de traballo, a intermediación e a titorización laboral e profesional.

Programa formativo

A posta en marcha de accións formativas tamén contribúe notablemente a unha maior capacitación das participantes e, polo tanto, mellora a súa autoestima e diminúe a discriminación social e laboral á que habitualmente están sometidas as mulleres con disCapacidade e/ou en situación de especial vulnerabilidade. Neste sentido, ata o de agora levamos a cabo con gran éxito de participación varios talleres sobre afectividade e sexualidade, habilidades sociais, uso correcto de internet e busca activa de emprego.

Así mesmo, nos vindeiros meses (maio, xuño e xullo) daremos continuidade ao noso plan de formación coa posta en marcha de novos talleres sobre diferentes temáticas. O primeiro, que arrincará xa a vindeira semana (martes 2), baixo o título “Coidando a quen me coida”, abordará a atención á figura da coidadora, en feminino, xa que maioritariamente- e sobre todo nas zonas rurais- a atención ás persoas dependentes segue recaendo nas mulleres. A continuación, está previsto que dea comezo o segundo obradoiro deste ciclo, que xirará arredor da “Xestión da ansiedade e autocoidado emocional”. O plan de formación terá continuidade durante os meses de xuño e xullo con outros talleres sobre risoterapia, manexo do teléfono móbil e redes sociais, e autocoidados.

Se es muller con ou sen discapacidade, resides no rural e queres recibir formación ou precisas apoio e/ou asesoramento, non dubides en poñerte en contacto coa asociación Íntegro chamando ao 981 734 985 ou enviando un mail a info@integro.es.

post

A campaña de prevención da lesión medular visita o IES Alfredo Brañas

Un total de 50 escolares de 4º da ESO participaron nunha xornada de sensibilización marcada polas medidas anti-COVID

A campaña de prevención da lesión medular de Íntegro chegou esta semana ao IES Alfredo Brañas de Carballo coa celebración dunha xornada de sensibilización, dirixida ao alumnado de 4º da ESO, para informar sobre as causas e consecuencias dos accidentes medulares e concienciar aos máis novos sobre a importancia de evitar situacións de risco en estradas, praias e piscinas, principais focos de sinistralidade entre a mocidade.  

Un grupo de 50 alumnos, divididos en dúas clases, participaron este xoves nas sesións informativas ofrecidas pola educadora social de Íntegro, Tania Bartucca, que tamén estivo acompañada por outros membros da entidade como o presidente, Adolfo López Baña; Sara, alumna en prácticas, e José Manuel, un voluntario do programa que non dubidou en expoñer o seu caso, como exemplo de forza e superación, co que deixou impresionados tanto aos estudantes como ao profesorado.

As sesións completáronse coa proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar” e o reparto dunha unidade didáctica, elaborada por Íntegro en colaboración co Concello de Carballo. Ao remate, celebrouse un breve coloquio que os alumnos/as aproveitaron para despexar dúbidas e coñecer o día a día dunha persoa con lesión medular.

Nesta ocasión, debido á situación actual derivada da COVID-19, non se realizaron as habituais sesións prácticas, e as teóricas dividíronse en grupos reducidos, respectando as medidas de seguridade establecidas. 

Desde Íntegro queremos agradecer a implicación e colaboración da comunidade educativa na difusión desta campaña co dobre obxectivo de crear conciencia entre os máis novos/as e apostar por unha educación en valores, máis responsable e inclusiva.

Os centros educativos que estean interesados en adherirse a esta campaña ou a calquera dos programas de sensibilización postos en marcha pola entidade, non teñen máis que poñerse en contacto co centro enviado un mail a formacion@integro.es ou nos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649.

post

Unha terapeuta ocupacional e unha logopeda, novas incorporacións de Íntegro

 

Por unha banda, desde o servizo de logopedia realizaranse numerosas accións encamiñadas a mellorar a calidade de vida dos nosos usuarios e das súas familias. E, nos vindeiros meses, estas serán as súas principais funcións:

Fabiola será a encargada do servizo de logopedia

  • Detección, identificación e evaluación de posibles alteracións de comunicación, linguaxe, fala, voz e deglución.
  • Intervencións adaptadas ás necesidades de cada usuario/a individualmente.
  • Realización de actividades grupais.
  • Participación na elaboración dos Plans Individuais de Atención Social (PIAS).
  • Asesoramento familiar sobre os exercicios realizados para mellorar a súa xeneralización.
  • Axudar aos usuarios/as para que sexan o máis autónomos posible.

 

 

 

Lucila é a nova terapeuta ocupacional de Íntegro

A terapeuta ocupacional será, como de costume, a encargada de levar a cabo os talleres do Centro de Día e do Centro Ocupacional, nos que se desarrollan diferentes programas formativos orientados a promover e impulsar tanto as habilidades sociais e personais dos usuarios/as como as ocupacionais e pre-laborais. Neste sentido, desenvolveranse talleres especializados en formación, orientación e inserción laboral así como en auto-cuidado, tarefas do fogar ou aprendizaxe individual. Tambén será a responsable de coordinar a escola de adultos. Benvidas, chicas!