post

Xogos de mesa xigantes na II Xornada Lúdica de Íntegro

  •  Trátase dunha nova xornada de convivencia e diversión, apta para todas as idades, que se celebrará no Centro de Recursos de Nantón o sábado 27, de 16.30 a 19.30 horas
  • A pre-venda de entradas arrincará o luns 8 cun prezo reducido de 6€ para os adultos/as e 4€ para os nenos/as. A recadación irá destinada á adquisición de nova maquinaria para o ximnasio

Tras o éxito acadado o pasado outono coa celebración da I Xornada Lúdica, a asociación Íntegro volve apostar pola organización dunha xornada de convivencia e diversión aberta a toda a veciñanza para continuar intercambiando experiencias e gozar dun día de xogos e entretemento sumando valores e estreitando lazos coa comunidade.

Baixo o título Xoguemos ao grande, a entidade que preside Adolfo López Baña, ofrecerá unha nova edición cargada de tradición e innovación ao mesmo tempo. Desta volta, a temática xirará arredor de xogos de mesa populares, pero a tamaño real. O sábado 27, de 16.30 a 19.30 horas, as instalacións do Centro de Recursos de Nantón (Cabana de Bergantiños) converteranse no taboleiro perfecto para botar unha partida ao Parchís, á Oca, ao Tres en Raia, á Jenga ou á diana. “Deste xeito,  ademais de procurar un espazo de encontro e entretemento para todas as idades, poñeremos en valor os xogos de toda a vida e os valores tan importantes que transmiten como o traballo en equipo, a socialización ou a cooperación fronte ao individualismo de boa parte da tecnoloxía actual”, matizou o presidente de Íntegro. Ao longo da tarde, tamén se servirá café, bebidas para os peques da casa e biscoito de balde, elaborado polas persoas usuarias do centro para adozar a xornada aos asistentes.

Pre-venda de entradas

As persoas interesadas en participar poderán adquirir xa as súas entradas na pre-venda, que arrincará o luns 8 e prolongarase ata o venres 19, a través dos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649, ou achegándose ata as instalacións de Nantón de luns a venres, e de 09.00 a 17.00 horas. Durante este período, haberá unha promoción especial de 6€ para os adultos/as e 4€ para os cativos/as xunto con dúas participacións por persoa para os sorteos que se realizarán ao rematar as actividades. Finalizado este prazo, o importe será de 7€ e 5€, respectivamente, e unha participación por persoa.

Ao final da xornada, terá lugar o sorteo dunha cea para dúas persoas no restaurante do Hostal Playa de Camariñas, e un agasallo sorpresa que se rifará entre os máis cativos/as. Así mesmo, os gañadores/as de cada partida tamén recibirán un pequeno obsequio elaborado polas persoas usuarias do Centro de Recursos Íntegro.

A recadación final irá destinada integramente á adquisición de nova maquinaria para o ximnasio de Nantón.

Se tes entre 3 e 100 anos ou máis, non deixes pasar a ocasión de gozar dunha xornada de risas aseguradas e ven xogar coa túa familia e amigos/as a Nantón. Agardámoste!

post

A prevención da lesión medular e Diversiplás espertan conciencias no CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco

No que vai de ano, a entidade de Nantón xa leva ofrecido accións formativas a máis de 100 alumnos e alumnas da Costa da Morte

A campaña de prevención da Lesión Medular de Íntegro continúa o seu percorrido polos centros educativos da Costa da Morte coa finalidade de reducir os índices de discapacidade adquirida entre a mocidade. O CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco foi o destino elixido para a segunda xornada de sensibilización deste 2024, tras a sesión informativa levada a cabo o pasado mes de xaneiro no CPI As Revoltas, en Cabana de Bergantiños. No que vai de ano, a entidade de Nantón xa leva ofrecido accións formativas a máis de 100 alumnos e alumnas da Costa da Morte.

O pasado xoves 21, a educadora social de Íntegro Tania Bartucca ofreceu unha charla ao alumnado de 4º da ESO para concienciar a un dos principais grupos de risco sobre a necesidade de evitar graves lesións de consecuencias irreparables. Accidentes domésticos, caídas, mergullos en zonas perigosas e unha condución arriscada son algunhas das principais causas, especialmente entre a poboación máis nova. O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, tamén participou nesta actividade poñendo o foco na importancia da prevención como única medida efectiva para diminuír a sinistralidade entre a mocidade. A xornada completouse coa proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar” e un breve coloquio que os alumnos/as aproveitaron para despexar dúbidas e coñecer o día a día dunha persoa con lesión medular, así como as barreiras físicas e sociais ás que debe facer fronte.

Os centros educativos que estean interesados en adherirse a esta campaña, que constitúe unha das principais accións do programa Capacíta-T, ou a calquera dos programas de sensibilización postos en marcha pola entidade, poden poñerse en contacto co centro a través do enderezo electrónico formacion@integro.es ou nos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649.

Diversiplás

Por outra banda, máis de 50 alumnos de 5º e 6º de primaria do CPI Xosé Pichel de Coristanco participaron nunha xornada de sensibilización en materia de recuperación e valorización de residuos plásticos, enmarcada no programa Capacíta-T. Logo de dar a coñecer aos escolares a nosa entidade e o proxecto medioambiental Diversiplás, explicámoslles conceptos relacionados coa reciclaxe e os diferentes tipos de plásticos, facendo especial fincapé na importancia de darlle unha segunda vida ás cousas desde a infancia.

Dentro da campaña que estamos levando a cabo este ano nos colexios da Costa da Morte coa intención de implicar á comunidade educativa na recolecta de residuos, ao centro coristanqués asignóuselle a recollida de tapóns de cor lila, rosa e morado que se destinará á fabricación de novos produtos. Agora só queda esperar á recolecta da nova materia prima e dar as grazas por tanta colaboración e interese.

Desde Íntegro queremos agradecer a implicación de toda a comunidade educativa na difusión das campañas de sensibilización que temos en marcha co obxectivo de crear conciencia entre os máis novos/as apostando por unha educación en valores, máis responsable e inclusiva.

post

A directora xeral de Persoas con Discapacidade pon en valor o labor desempeñado por Íntegro e Máis Porvir durante a súa primeira visita a Nantón

Begoña Abeijón, que acudiu acompañada do vicepresidente de COGAMI, percorreu as instalacións e interesouse pola posta en marcha dalgúns dos proxectos levados a cabo en 2023 como a instalación de paneis fotovoltaicos e a adquisición dun novo furgón

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, realizou este xoves a súa primeira visita institucional a Íntegro para coñecer de primeira man o funcionamento do noso centro de día e ocupacional, así como o centro especial de emprego Máis Porvir Xestión Social, xunto ao vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo Lestón. Ademais, durante a súa estancia en Nantón, estiveron acompañados polo presidente da entidade, Adolfo López Baña; o tesoureiro, Silvestre Couto; a directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira; a xerente de Máis Porvir, Sandra Caamaño, representantes do Concello de Cabana e varios directivos de Íntegro.

Supervisar algúns dos proxectos levados a cabo en 2023, como a instalación de paneis fotovoltaicos e baterías no centro de Recursos, que co-financiou nun 85% a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través de COGAMI e con cargo aos fondos do IRPF da declaración da renda, ou visitar o parque móbil da entidade, que vén de ampliarse coa adquisición dun novo furgón subvencionado cos fondos europeos NextGeneration, foron dous dos obxectivos prioritarios desta visita. Pero tamén houbo tempo para achegarse a coñecer as diferentes dependencias (talleres, cociña, invernadoiros, ximnasio, etc…) e conversar coas persoas usuarias co obxectivo de coñecer o seu día a día e as súas necesidades máis inmediatas.

Así mesmo, Abeijón interesouse especialmente polo funcionamento do taller Diversiplás, o proxecto medioambiental de economía circular de Íntegro destinado ao tratamento e valorización do plástico para lograr unha Costa da Morte máis sostible e favorecer o acceso ao mercado de traballo das persoas con discapacidade.  Neste senso, avogou por seguir actuando da man das entidades sociais para que os servizos e programas cheguen realmente a onde son necesarios, e proporcionen as ferramentas adecuadas para a adquisición de novas habilidades e maior autonomía. Pola súa banda, López Baña agradeceu a visita e lembrou a importancia de contar co apoio institucional para lograr sacar adiante novos proxectos que melloren de maneira notable a calidade de vida das persoas usuarias e a súa inclusión laboral e social no ámbito rural.

 

post

Íntegro volve ás aulas cunha nova edición da Diverescola

O CPI de Zas foi a primeira parada desta iniciativa, incluída no programa Capacíta-T, para a achegar ao alumnado de infantil e primaria da Costa da Morte a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento

A asociación Íntegro vén de poñer en marcha unha nova edición da Diverescola, unha iniciativa promovida pola entidade de Nantón, no marco do programa Capacíta-T, para achegar aos máis cativos e cativas da Costa da Morte a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento. A primeira saída da nova campaña levouse a cabo o pasado xoves 14 e tivo como destino o CPI de Zas.

No caso do alumnado de 6º de educación infantil, a xornada de sensibilización consistiu na lectura dun “contacontos guiado” coa finalidade de traballar os conceptos de Discapacidade e Inclusión. Ademais, realizáronse outras actividades lúdicas arredor desta temática a través da técnica do “muralismo” para intercambiar ideas e afianzar conceptos. Pola súa banda, nas aulas de 2º de primaria tamén houbo tempo para achegarse á diversidade a través do relato de “Súper Lucía”.

As vindeiras citas terán lugar xa en 2024. A primeira será nada máis regresar das vacacións de Nadal (xoves 11) no CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños e o xoves 18 no CEIP O Areal de Camariñas.

Educación en valores

Diverescola é unha acción de sensibilización desenvolvida por Íntegro, no marco do programa de capacitación da sociedade Capacíta-T, encamiñada a educar en valores ao alumnado de infantil e primaria dos centros educativos da Costa da Morte, co obxectivo de formar, xunto ao profesorado, persoas comprometidas coa diversidade funcional, romper as barreiras mentais e propiciar a normalidade e a inclusión real. A través do xogo e o entretemento, os máis cativos/as terán a oportunidade de reflexionar e flexibilizar sobre crenzas erróneas, xa consolidadas, en torno ás persoas que son diferentes e/ou teñen diferentes capacidades, ata darse conta das súas potencialidades, aprender a respectalas e descubrir que a riqueza e a importancia da diversidade. Deste xeito, promoveremos actitudes positivas no alumnado para combater a discriminación e a desigualdade a través da lectura de contos, o proxección dunha curtametraxe e diferentes xogos de barreiras.

Enmarcadas dentro do programa Capacíta-T conviven outras iniciativas orientadas a sensibilizar ao alumnado de 4º e 5º de EP da Costa da Morte en materia de diversidade como é Visítanos, unha acción que pretende sumar en positivo dentro das actividades de visibilidade e inclusión efectiva das persoas con diversidade, na que os/as escolares son os verdadeiros protagonistas, xunto coas nosas persoas usuarias. Trátase de gozar dunha xornada de convivencia, coñecemento e intercambio para enriquecer e dotar ao alumnado participante dunha mellor empatía e sensibilidade, que lles permitirá coñecer o centro, as instalacións e as nosas actividades. A actividade, de 2 horas e media de duración, consistirá nunha breve recepción e presentación, visita ao taller de reciclaxe de plástico Diversiplás, unha sesión na escola de cociña, talleres ocupacionais, obradoiros de artes manuais, circuítos de mobilidade en cadeira de rodas “ponte no meu lugar” e acto clausura con exposición dun balance final da actividade. A primeira xornada post-pandemia terá lugar o 11 de xaneiro para recibir aos escolares do CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños.

A xa tradicional campaña de prevención de lesións medulares para escolares da ESO arrincará tamén co novo ano, concretamente o 23 de xaneiro no CPI de Cabana. Vémonos nas aulas!

 

 

post

Íntegro pecha o 2023 cun balance moi positivo na promoción da autonomía, a mobilidade e o ocio das persoas usuarias

Boa parte das accións levadas a cabo foron co-financiadas pola Deputación da Coruña a través do programa FOAXE-C, destinado ao mantemento de centros de servizos sociais, cunha achega de 20.385€ (0,2538)

En Íntegro pechamos o ano cun balance máis que positivo! 30 persoas usuarias do noso Centro de Recursos formaron parte das diferentes actividades programadas neste 2023. A esta cifra podemos sumar as 44 atendidas no servizo de INFOASE e as preto de 70 do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMDRural).

Un ano máis, desde o Centro de Día de Íntegro prestamos atención integral a persoas con diversidade funcional da Costa da Morte coa finalidade de proporcionarlles os coidados e apoio necesarios para unha maior autonomía persoal e social, e tamén ás súas familias. Ao igual que en anos anteriores, desenvolvéronse numerosos programas centrados en diferentes áreas de traballo como a autonomía persoal, a mobilidade e o ocio. Entre as prestacións máis demandadas figuran o servizo de información e asesoramento en recursos para as zonas rurais; talleres de auto-coidado (aseo, vestir, hixiene persoal, hábitos de vida); tarefas do fogar (cociña, pasar o ferro, lavado de roupa.. (actividades instrumentais da vida diaria); actividades de mantemento e rehabilitación cognitiva (memoria, orientación a realidade, escola de adultos, informática); taller de habilidades sociais; actividades de vida comunitaria e social; ocupacionais e pre-laborais (elaboración de xabóns, colaxes, xardín terapéutico…); actividades de mantemento e rehabilitación física (mantemento físico, hixiene postural, fisioterapia, psicomotricidade,…) e de ocio e tempo de lecer (saídas culturais, eventos deportivos, paseos pola natureza,…). Ademais, este ano levamos a cabo a II edición dos Xogos do Mundo na que participaron entidades procedentes de toda a provincia e máis de 250 participantes.

Para o desenvolvemento destas actividades contamos, entre outras axudas, co financiamento da Deputación Provincial da Coruña, que realizou unha achega de 20.385 € (0,2538) con cargo ao programa FOAXE-C, que regula a convocatoria de subvencións a entidades sen fins de lucro para o mantemento dos centros de servizos sociais.

post

Íntegro amplía o parque móbil coa adquisición dun furgón

Dita adquisición está financiada con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea-NextGenerationEU e o apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Xuventude

A asociación Íntegro das persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte vén de adquirir un novo vehículo adaptado, con capacidade para nove persoas, que permitirá mellorar o servizo de transporte dos seus usuarios e usuarias e incrementar o actual parque móbil, posibilitando así o desdobramento dalgunhas rutas e a incorporación de novas prazas. Así mesmo, con este novo vehículo a entidade vén a modernizar a actual flota coa finalidade de mellorar a eficiencia da mesma e diminuír as emisións contaminantes contribuíndo así a unha economía sostible.

Dita adquisición foi posible grazas ao financiamento da Unión Europea, a través dos fondos NextGenerationEU, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia, e o apoio da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia.

O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, amosou a súa satisfacción por dispoñer dunha flota ampla e renovada, adaptada ás necesidades das persoas con diversidade funcional e lembrou a importancia de dotar ás entidades sociais dos medios e recursos necesarios para eliminar os problemas de accesibilidade e transporte á hora de facilitar ás persoas usuarias a súa chegada aos centros”.

post

Íntegro conmemora o Día da Discapacidade con charlas e faladoiros nas II Xornadas sobre O Valor da Diversidade

Será o 1 de decembro, entre as 18 e as 20 horas, no edificio das escolas de Ponteceso

Con motivo da conmemoración do Día Internacional das persoas con discapacidade (3 decembro), a asociación Íntegro celebrará o vindeiro día 1 as II Xornadas O Valor da Diversidade encamiñadas a sensibilizar á poboación sobre a diversidade funcional e a súa posta en valor como algo positivo e enriquecedor para a sociedade. As actividades programadas, organizadas pola entidade de Nantón e o centro especial de emprego Máis Porvir Xestión Social, arrincarán ás 18.00 horas no edificio das escolas de Ponteceso.

Ademais de charlas e faladoiros sobre diversas temáticas de interese protagonizadas por voces expertas na materia e testemuños directos, haberá talleres de sensibilización simultáneos para os máis pequenos/as coa intención de facilitar a conciliación dos pais e nais que desexen acudir á xornada, aberta á participación de calquera persoa que desexe descubrir o valor que a diversidade aporta á sociedade.

Aínda que non é preciso inscrición previa, recoméndase confirmar asistencia para unha mellor e máis efectiva organización do espazo. Aquí vos deixamos o programa de actividades que se desenvolverá ata as 20.00 horas, e no que tamén colabora o Concello de Ponteceso e Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen ánimo de lucro (Cegasal).

PROGRAMA

18.00 h.-  Apertura a cargo de Adolfo López Baña, presidente da asociación Íntegro, e Marisé Álvarez, concelleira de Servizos Sociais do Concello de Ponteceso.

18.10 h.- Unha tarefa pendente: a accesibilidade. Charla con Virginia Vázquez, terapeuta ocupacional de Íntegro.

18.30 h.- A diversidade no eido laboral. Incentivos á contratación. Esther Blanco, axente de emprego CEGASAL.

19.00 h.- En primeira persoa. Experiencia laborais de persoas con diversidade funcional nun CEE. Modera Sandra Caamaño, xerente CEE Máis Porvir Xestión Social.

19.20 h.- Discapacidade e deporte. Faladoiro protagonizado por Ramón Pombo, José Manuel Mira e Martín Varela, tres referentes no eido do deporte (baloncesto e tenis adaptado) que aportarán as súas vivencias e testemuños directos.

19.40 h.- Asistencia persoal como instrumento facilitador dunha vida plena. Charla moderada por María Redonda, psicóloga da área de axuste persoal do CEE Máis Porvir Xestión Social.

20.00 h.- Peche. José Manuel Mato, alcalde do Concello de Ponteceso.

post

Máis de 250 persoas con diversidade funcional participaron na 2ª edición de Xogos do Mundo

 Adisbismur, A Creba, Amarai, Misela, Avante e o alumnado de 6º do CPI As Revoltas gozaron esta mañá dunha viaxe inclusiva e intercultural no pavillón de Cabana

O pavillón municipal de Cabana acolleu esta mañá a 2ª edición dos Xogos do Mundo, unha xornada inclusiva organizada pola asociación Íntegro na que participaron máis de 250 persoas con diversidade funcional procedentes de 5 entidades sociais da provincia da Coruña, entre as que figuran Adisbismur, A Creba, Amarai, Misela e Avante, xunto ao alumnado de 6º de educación primaria do CPI As Revoltas, de Cabana de Bergantiños.

Arredor das 11.00 horas, e tras a correspondente recepción de participantes e posterior explicación das dinámicas de xogo, deu comezo un auténtico percorrido intercultural polos cinco continentes no que diversión, aprendizaxe e convivencia foron compañeiros inseparables de viaxe.

Divididos en varias quendas, os/as integrantes de cada entidade foron realizando e superando con éxito, moitas risas e sen grandes dificultades as diferentes probas, inspiradas en xogos tan populares e tradicionais como o tres en raia (África), tiro á lata (Oceanía), Gul Tara-lanzamento de pelota (Asia), xogo de culler (Europa) e varrer coa escoba (América).

A partir das 13.30 horas, procedeuse á entrega de trofeos aos gañadores. O presidente da entidade de Nantón Adolfo López Baña, o tesoureiro Silvestre Couto e o alcalde de Cabana, José Muíño, foron os encargados de outorgar as medallas aos 15 finalistas, tres por continente. López Baña aproveitou para agradecer a asistencia e participación de todas as entidades ao tempo que destacou a deportividade e compañeirismo dos xogadores/as durante o encontro, subliñando a importancia de realizar eventos desta índole para promover espazos de encontro entre os diferentes centros.

A xornada rematou con moi bo sabor de boca nas instalacións de Íntegro, ata onde se desprazaron os e as asistentes para gozar dun delicioso xantar e desfrutar dunha tarde de risas, baile e un divertidísimo k araoke. Vémonos o ano que vén!

 

post

Instalados 24 paneis fotovoltaicos e baterías en Íntegro dos que se beneficiarán 45 persoas usuarias

O proxecto está co-financiado pola Xunta de Galicia, a través dos fondos do 0.7% do IRPF da declaración da renda procedentes de marcar o cadro de “Actividades de interese xeral consideradas de interese social 

Este ano, a  asociación Íntegro levou a cabo un proxecto de “Instalación de paneis fotovoltaicos e baterías no centro de recursos Integro”, do que se beneficiarán as 45 persoas usuarias do centro de Nantón (Cabana de Bergantiños), na súa maioría persoas con discapacidade intelectual da Costa da Morte.

Esta actuación, que consistiu na instalación de 24 paneis fotovoltaicos colocados nun terreo anexo ao centro, está destinada á xeración de enerxía eléctrica para o autoconsumo que permitirá lograr beneficios económicos e medioambientais grazas á diminución da contaminación atmosférica e dos gases efecto invernadoiro.

O proxecto conta coa financiación da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia que subvenciona, a través de COGAMI o 85% do gasto grazas aos fondos do IRPF procedentes do cadro 106 de  “Actividades de Interese Social” da declaración da renda. Por outra banda, a propia entidade e a Deputación Provincial da Coruña, con cargo á convocatoria FOIE 2023, asumirán o 15% restante.

A asociación Íntegro é unha entidade social sen ánimo de lucro que dende 1992 promove a inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. Na actualidade, conta cun Centro de Día e un Centro Ocupacional que prestan servizo a 45 persoas das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra. A entidade con sede en Nantón (Cabana de Bergantiños) forma parte da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE).

post

Íntegro procura novos espazos de encontro coa veciñanza na I Xornada Lúdica Bingo Social

A iniciativa, apta para todas as idades, terá lugar o 18 de novembro no Centro de Recursos de Nantón en horario de 16.30 a 19.00 horas

Tras o éxito acadado este verán coa celebración do I FestIgual, diversamente iguais, a asociación Íntegro volve apostar pola organización dunha xornada de convivencia e encontro coa veciñanza destinada a intercambiar experiencias e desfrutar dun día de xogos e diversión sumando valores e estreitando lazos coa comunidade.

Nesta ocasión, a entidade celebrará a I Xornada Lúdica BINGO SOCIAL  aberta á participación de todo o público coa intención de procurar un novo espazo de encontro e entretemento interxeracional. Trátase dunha iniciativa apta para todas as idades, que se desenvolverá nas instalacións do Centro de Recursos de Nantón o 18 de novembro, en horario de 16.30 a 19.00 horas. As partidas arrincarán ás 17.00 horas e en todas cantarase liña e bingo. Ademais, haberá unha edición especial para os máis cativos/as, adaptada ás súas capacidades e necesidades para que poidan xogar de forma autónoma. Ao longo da tarde, servirase café e biscoito de balde, elaborado polas persoas usuarias do centro para adozar a xornada aos asistentes..

Os e as participantes poderán adquirir os cartóns para xogar esa mesma tarde polo módico prezo de 1€. E para os máis previsores/as, realizaremos unha promoción especial e limitada de 2 cartóns por 1€ uns días antes da celebración da xornada, a modo de pre-venda.

Premios

Grazas á colaboración e solidariedade de preto dunha vintena de empresas da contorna, os gañadores/as da primeira edición deste bingo solidario poderán gozar de suculentos premios, que irán desde experiencias gastronómicas ata agasallos de produtos moi variados que seguro farán as delicias de todos os/as participantes.

Cestas de hixiene e beleza, alimentación, decoración, xogos para os peques, lotes de libros, calendarios ou diferentes artigos gourmet son algúns dos obsequios cedidos polos seguintes colaboradores: Restaurante Mar de Ardora, Vístete Baio, Casa Canle, Joyería Reymira, Comercial Benedicto, Supermercado Susana, Ler librería, Escola Bardo, Asador Rio Sil, Ed accesorios, panadería Forno Novo, Amamber, Manuel Castiñeira Clínica Dental, Supermercados Eroski City (Joalper SL), Farmacia J. Romero Senande, O Leiteiro, Moda Suárez e Bicos de Amora.

Non perdas a ocasión de gozar dunha xornada de risas aseguradas e ven xogar coa  túa familia e amigos/as a Nantón, en Cabana de Bergantiños. Agardámoste!