post

O CPI Plurilingüe Cabo da Area de Laxe e o IES Terra de Soneira de Vimianzo protagonizaron as últimas xornadas de sensibilización de Íntegro

49 nenos de 2º e 3º de primaria achegáronse a coñecer o Visítanos mentres que os de 4º da ESO e 1º de bacharelato recibiron a visita da campaña de prevención de lesións medulares

Un grupo de alumnos e alumnas de 2º e 3º curso de educación primaria do CPI Plurilingüe Cabo da Area de Laxe achegouse esta semana ata as nosas instalacións de Nantón para participar nunha nova edición do programa Visítanos, co que se pretende sensibilizar aos máis pequenos/as en materia de diversidade e inclusión. Tras unha distendida charla, protagonizada polos nosos usuarios/as e monitoras, na que se abordou o significado de ambos conceptos, os 49 estudantes procederon a realizar unha visita polo centro, xunto á directora Noelia Barreira, para coñecer de preto o seu funcionamento e o traballo que se desenvolve nos diferentes talleres.

Sen dúbida, os obradoiros de artes manuais foron os que máis chamaron a súa atención. E, moi especialmente, o de elaboración de mandalas, ao que se apuntaron sen dubidalo nin un instante para facer cadanseu deseño. A fabricación de pulseiras de macramé tamén espertou a curiosidade dos nenos e nenas, que non quixeron marchar sen aprender esta divertida e sinxela técnica. Na sala de ximnasia puxeron a proba a súa habilidade e destreza con diversos xogos de habilidade, que lle serviron para comprobar a dificultade de realizar labores cotiás desde unha cadeira de rodas.

 

O paso pola cociña tamén resultou do máis divertido aprendendo a facer riquísimas sobremesas coas que sorprender ás súas familias. Ao remate, os/as estudantes empregaron toda a súa creatividade e imaxinación na realización dun mural no que plasmaron as súas impresións sobre a xornada vivida no centro e no que, a bo seguro, non deberon faltar palabras como diversión e aprendizaxe. 

 

 

Campaña lesións medulares

 

Por outra banda, a campaña de prevención de lesións medulares aterrou o pasado martes no IES Terra de Soneira de Vimianzo para concienciar ao alumnado de 4º da ESO e 1º de bacharelato sobre as causas e consecuencias de sufrir un accidente medular. Tras a proxección do vídeo elaborado por Íntegro “A ti tamén che pode pasar”, os/as estudantes seguiron con atención a charla informativa protagonizada polo David Pombo e Teresa Alvarellos, vogal e socia-colaboradora, respectivamente. Durante o acto, ambos fixeron especial incidencia na necesidade de evitar riscos innecesarios como imprudencias ao volante ou mergullos en praias e piscinas, prácticas moi habituais entre a mocidade, sobre todo, coa chegada do bo tempo.

Ao longo da mañá, os 60 alumnos/as participantes tiveron a oportunidade de comprobar en primeira persoa as dificultades de desprazarse nunha cadeira de rodas sorteando obstáculos de todo tipo nun improvisado circuíto de mobilidade, que lograron superar sen problemas grazas á súa habilidade e ás condicións de accesibilidade que reúne o centro educativo en cumprimento da normativa vixente. Así dá gusto!

Grazas a todos/as por participar!