post

Estudantes do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño achéganse á diversidade con Visítanos

O pasado mércores 31 escolares de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria gozaron dunha xornada de convivencia e sensibilización en Íntegro dentro do programa Capacíta-T 

Esta semana a asociación Íntegro volveu a abrir as súas portas a escolares da Costa da Morte para acoller a celebración dunha nova edición de Visítanos!, unha actividade educativa integrada no programa Capacíta-T dirixida a concienciar, educar e capacitar aos máis pequenos/as en materia de diversidade e inclusión.

Tras a recente visita dos/as estudantes do CPI de Zas, o mércores tocoulle a quenda aos alumnos e alumnas do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño, en Malpica.  E a

experiencia, novamente, resultou ser un éxito! Ademais de gozar dunha xornada de convivencia, xogos e diversión xunto aos nosos usuarios e usuarias, tamén houbo tempo para a aprendizaxe achegándose ao día a día das persoas con diversidade funcional e descubrindo algunhas das súas múltiples habilidades.

 

A visita deu comezo arredor das 10:30h cunha breve charla explicativa sobre o funcionamento do centro e os diferentes servizos que nel se prestan. E quen mellor para contalo que os seus propios destinatarios/as, auténticos protagonistas dunha iniciativa encamiñada á sensibilización e á interacción dos estudantes.

Nesta ocasión, 31 nenas e nenos de 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria foron distribuídos en varios grupos para realizar o percorrido polas instalacións e participar nos diferentes obradoiros. Exercitación mental, logopedia e ximnasia foron as actividades que arrincaron os primeiros sorrisos e xestos de admiración entre os cativos/as que non dubidaron en subirse a unha cadeira de rodas para poñer a proba a súa destreza coa mobilidade reducida. Os talleres de artes manuais e cociña lograron espertar a faceta máis artística e creativa dos participantes, dando renda solta á imaxinación para elaborar receitas orixinais ou novidosos artigos de cara ao Nadal. Sen dúbida, a confección de pulseiras e a colección de xabóns de glicerina Bicos de Amora acapararon o interese de alumnos/as e mestres/as.

Ao rematar a xornada, os/as estudantes confeccionaron un mural, que exporán no seu colexio, coas súas impresións sobre o centro e as experiencias vividas nel. Ogallá sexan tan positivas e gratificantes como as nosas.