post

Estudantes de Camariñas e da Ponte do Porto protagonizan unha nova edición de Visítanos!

Esta actividade educativa forma parte do programa Capacíta-T que Íntegro imparte aos escolares da Costa da Morte

Non podiamos comezar mellor a semana na que se conmemora o Día Internacional da Diversidade Funcional (3 de decembro) xa que onte as portas da Asociación Íntegro volveron a abrirse para celebrar unha nova edición de Visítanos!, unha actividade educativa incluída no programa Capacíta-T coa que a nosa entidade pretende concienciar, educar e capacitar en materia de diversidade aos máis pequenos.

_mg_2451Nesta ocasión, 36 alumnos e alumnas do CEIP O Areal de Camariñas e do CEIP da Ponte do Porto visitaron as nosas instalacións de Nantón para coñecer de preto o funcionamento do centro e o día a día dos nosos usuarios e usuarias. A xornada deu comezo cunha breve presentación da entidade para explicarlles aos estudantes os obxectivos e valores cos que traballamos en favor das persoas con diversidade funcional.  Dende o primeiro momento,  os alumnos e alumnas amosáronse moi participativos e interesados/as en achegarse á inclusión partindo das súas propias ideas, moitas delas preconcibidas e ditadas por unha sociedade desigual como quedou ben patente coa proxección da curtametraxe Lo Incorrecto, da Fundación Prevent. Tamén se lles amosou un vídeo resumo coas actividades levadas a cabo ao longo do 2015.  _mg_2637

Durante algo máis de dúas horas realizamos un percorrido polas instalacións para coñecer máis polo miúdo o traballo que realizan diariamente os nosos usuarios/as nos diferentes obradoiros ocupacionais. O taller de artes manuais foi parada obrigada. Alí tiveron a oportunidade de descubrir algunhas das técnicas empregadas polos nosos usuarios/as para confeccionar os produtos de artesanía que comercializamos, e que máis dun escolar tamén se animou a elaborar poñendo a proba as súas dotes creativas na confección de xabóns de glicerina da colección Bicos de Amora. O resultado foi sorprendente!_mg_2611

A visita ao invernadoiro foi, sen dúbida, unha das que suscitou maior expectación entre os escolares que non dubidaron en amosar os coñecementos adquiridos tras as explicacións dadas polos nosos técnicos. No xardín terapéutico traballaron con plantas aromáticas, transplantándoas e realizando diversos traballos de composición, dignos de verdadeiros artistas. Así mesmo, realizamos un taller de recoñecemento de especies arbóreas autóctonas a partir de follas que tiñamos recollidas para a ocasión.

_mg_2481

Pero un dos momentos máis divertidos chegou ao final mañá coa realización dun circuíto de mobilidade e desprazamento en cadeira de rodas coa finalidade de achegar aos máis pequenos á realidade da diversidade, xogando coas barreiras ás que cada día deben facer fronte moitas persoas con discapacidade. Unha proba moi entretida e novidosa na que tiveron que poñer en práctica o seu enxeño e habilidade para sortear todo tipo de obstáculos. A mellor maneira de comprobar que a diversidade é cuestión de capacidades, non de discapacidades.

_mg_2516

_mg_2587