post

Íntegro celebrou a súa asemblea xeral de socios/as marcada pola pandemia

Na orde do día figuraban importantes novidades como a posta en marcha da 1ª fase da ampliación do Centro Ocupacional e a elaboración dun novo plan estratéxico

A asociación Íntegro celebrou este sábado 8 a súa asemblea xeral ordinaria de socios/as marcada, por segundo ano consecutivo, polas medidas de seguridade e hixiene establecidas pola COVID.  Nesta ocasión, a xuntanza, que deu comezo ás 12.00 horas, celebrouse ante un público moi reducido para garantir o distanciamento social obrigatorio e preservar a saúde de todos os asistentes.  

En primeiro lugar, os membros da directiva procederon á lectura da acta da sesión anterior e deron conta dos orzamentos e actividades levados a cabo en 2020 así como dos programadas para este ano. Pola súa banda, persoal do Centro de Recursos de Nantón foi o encargado de ofrecer detallada información sobre os servizos que se están levando a cabo (Infoase, PIMDRural, fisioterapia, ocio, xuventude, voluntariado…) e sobre outros de nova implantación como o de podoloxía, que contou cos parabéns de todos os/as asistentes.

Outro dos asuntos da orde do día foi a relación de obras acometidas dentro do plan de mellora das instalacións de Nantón. E neste punto, tamén se abordaron as novidades programadas para este ano como a 1ª fase da ampliación do Centro Ocupacional. Así mesmo, púxose sobre a mesa a necesidade de elaborar un novo plan estratéxico implicando a todos os interesados/as (familias, usuarios/as, socios/as, provedores, traballadores, directivos…).

Desde Íntegro queremos dar as grazas a todos os/as asistentes á asemblea pola súa participación e respecto no cumprimento das medidas de seguridade.  

 

post

Íntegro celebrará mañá unha asemblea xeral de socios/as e un cocido popular

Durante a xornada festiva tamén haberá música, baile e moitas sorpresas con agasallos incluídos para os/as participantes

A asociación Íntegro celebrará mañá, sábado 24, a súa asemblea anual ordinaria á que están convocados todos os socios e socias da entidade. Dita xuntanza, aprobada pola xunta directiva o pasado 17 de febreiro, terá lugar no Centro de Recursos de Nantón (Cabana) a partir das 11:30 h, en primeira convocatoria, e ás 12h, en segunda. 

A relación de asuntos a tratar na asemblea xeral desenvolverase de acordo á seguinte orde do día:

1.- Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior

2.- Actividades levadas a cabo durante o ano 2017

3.- Estado contable do ano 2017 e a súa aprobación, se procede

4.- Actividades e orzamentos para o 2018 e a súa aprobación, se procede

5.- Rogos e preguntas

Segundo establecen os estatutos vixentes, as persoas que desexen participar na reunión exercendo o seu dereito de voz e voto deberán estar ao día no pagamento da súa cota anual, fixada este ano en 25€. En caso de non ter domiciliado o recibo, os interesados/as poderán formalizar o ingreso, á maior brevidade posible, ben no propio centro ou ben nas seguintes contas bancarias, indicando o nome do socio/a + cota anual 2018. Deste xeito, as persoas asociadas poderán beneficiarse de importantes descontos e promocións durante todo o ano en numerosos establecementos comerciais da Costa da Morte.

ABANCA    IBAN ES03 2080 0075 0330 4000 2407

LA CAIXA   IBAN ES42 2100 5710 8802 0001 3166

Sesión vermú e cocido

 

 

Unha vez rematada a asemblea dará comezo a xornada festiva, na que participarán arredor de 85 persoas que xa reservaron praza con antelación ante a falta de espazo dispoñible. Ás 14h está previsto que dea comezo a sesión vermú a cargo do grupo My Way. A continuación, os asistentes poderán degustar o tradicional cocido, elaborado por persoal e colaboradores do centro, cos mellores produtos da comarca. Este ano o prezo do menú é de 12€ para os socios/as e 15 para o resto.  

Durante a tarde, a diversión, o baile e as ganas de pasalo ben estarán aseguradas. Ao igual que en anos anteriores, haberá alguna que outra sorpresa e moitos agasallos para que os convidados/as non marchen  coas mans baleiras e poidan gozar ao máximo dun día en familia, a de Íntegro. Agardámosvos!

post

Íntegro celebra este sábado a súa asemblea anual de socios/as que concluirá coa degustación dun cocido

A asociación Íntegro celebrará o vindeiro sábado unha asemblea xeral ordinaria á que están convocados/as todos os socios e socias da entidade. A xuntanza, que foi aprobada pola xunta directiva o pasado 13 de febreiro, terá lugar no Centro de Recursos de Nantón ás 12h en primeira convocatoria e ás 12:30h en segunda. A relación de asuntos a tratar desenvolverase de acordo á seguinte orde do día:

1.- Lectura  e aprobación, se procede, da acta anterior

2.- Actividades levadas a cabo no ano 2015

3.- Estado contable do ano 2015 e a súa aprobación, se procede

4.- Actividades e orzamentos para o ano 2016 e a súa aprobación, se procede

5.- Rogos e preguntas

Os asistentes que desexen participar na reunión exercendo o seu dereito de voz e voto deberán estar ao corrente no pago da cota anual correspondente ao exercicio 2016, segundo establecen os estatutos vixentes. En caso de non ter o pago domiciliado deberán formalizar o ingreso nas seguintes contas bancarias antes do día 5:

NOVAGALICIA BANCO: IBAN ES03 2080 0075 0330 4000 2407

LA CAIXA: IBAN ES42 2100 5710 8802 0001 3166

Xantar

Unha vez finalizada a asemblea ordinaria, e como xa ven sendo habitual por estas datas, procederase á degustación dun cocido nas instalacións do centro ao que poderán asistir todas as persoas que o desexen. O prezo do xantar será de 12€ para os/as socios/as e de 15€ para o resto de comensais. Debido a que se trata dun espazo reducido o aforo quedará limitado a 60 persoas.

Para máis información os/as interesados/as poden poñerse en contacto coa administración da entidade chamando ao 981 734 985, en horario de  9 a 17h, ou desprazándose ata as súas oficinas situadas en A Pedra, nº 30 – Nantón (Cabana de Bergantiños).

Se queres pasar unha tarde divertida e en boa compañía agardámoste o sábado!

post

Convocada unha asemblea extraordinaria para elixir a nova xunta directiva de Íntegro

A xunta directiva da Asociación ÍNTEGRO para a Diversidade Funcional de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra vén de convocar a todos os soci@s para participar nas asembleas xerais ordinaria e extraordinaria que terán lugar o vindeiro sábado 6 de xuño nas instalacións do centro de recursos de Nantón (Cabana de Bergantiños). A primeira convocatoria está fixada para as 11.00 horas.

Na primeira das xuntanzas procederase á presentación do informe de xestión económica correspondente ao exercicio 2014 e, de seguido, someterase a votación a aprobación de actividades e orzamentos para o presente ano. Con máis expectación amósase a segunda asemblea, posto que inclúe coma principal punto da orde do día a elección da nova xunta directiva.

O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o vindeiro venres, día 5, ás 14h. Os interesados deberán remitir toda a documentación ao departamento de secretaría da sede social de Íntegro. Cada unha das listas que concorra ás eleccións deberá estar composta por un mínimo de 8 membros, debidamente acreditados como socios/as e cumprindo os requisitos que dita condición esixe.

Orde do día asemblea ordinaria

 1. Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.

2. Informe de xestión 2014

  • Contable
  • Actividades

3. Actividades e orzamentos para o ano 2015 e a súa aprobación, se procede.

4. Rogos e preguntas.

 

Orde do día asemblea extraordinaria

  1. Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.
  2. Elección nova xunta directiva.
  3. Adaptación estatutaria (Lei de transparencia e Utilidade Pública)
  4. Rogos e preguntas.