post

O Concello de Carballo e Íntegro conciencian sobre o aparcamento en prazas de mobilidade reducida

Usuarios/as e representantes da entidade ocuparon varias prazas con cadeiras de rodas e carteis para concienciar á cidadanía sobre a importancia de respectar este tipo de estacionamentos

“Son só 5 minutiños”, “Será só un momentiño”, “Volvo nun santiamén”, “Non teño tarxeta… pero non pasa nada, non?”, “Non sabía que aquí non podía aparcar”… Estas son algunhas das “escusas” máis empregadas polos condutores/as que ocupan as prazas de aparcamento reservadas para persoas con mobilidade reducida. E estas foron, precisamente, as frases que hoxe utilizaron os nosos usuarios e usuarias durante a xornada de sensibilización, levada a cabo en colaboración co Concello de Carballo, para poñer de manifesto a necesidade de respectar os estacionamentos reservados.

Acompañados polo concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, e a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, usuarios/as e representantes de Íntegro ocuparon varias prazas de aparcamento da avenida do Ambulatorio de Carballo, con cadeiras de rodas e algúns carteis coas “escusas” máis utilizadas, coa intención de “simbolizar como se sente un cidadá cando lle ocupan unha praza de aparcamento e non pode aparcar como moitas veces nos pasa a nós”, explicaron. Con esta acción, enmarcada na Semana Mundial das Nacións Unidas para a Seguridade Viaria que se celebra do 17 ao 23 de maio, ademais de reivindicar que o tempo das persoas con diversidade funcional vale o mesmo que o das demais, tamén se recalcou que estas prazas non son un capricho, senón unha necesidade. Así mesmo, desde a asociación púxose o foco sobre o uso indebido das tarxetas de aparcamento por parte de usuarios/as que non teñen discapacidade.

Imaxe da rúa Cervantes durante a celebración do Día da Accesibilidade en setembro de 2020

Esta iniciativa, que non é a primeira nin será a última que se realiza no municipio carballés, é froito do compromiso e a implicación do Concello de Carballo para mellorar a accesibilidade e a mobilidade das persoas con diversidade funcional. Desde Íntegro, queremos agradecer a súa permanente colaboración e dispoñibilidade en todas as actividades que realizamos conxuntamente, e que seguro repetiremos moi pronto. 

 

post

O IES Monte Neme avanza cara a inclusión con Íntegro

O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, acompañado de Ramón Pombo e David Pombo, vicepresidente e vogal respectivamente da entidade, estiveron onte e hoxe cos alumnos e alumnas do IES Monte Neme de Carballo para explicarlles as causas e consecuencias de sufrir unha lesión medular. Os accidentes de tráfico e as prácticas de risco en praias e piscinas son os motivos máis frecuentes e principais causantes de danos moitas veces irreparables.

IMG-20151218-WA0002Durante as dúas xornadas que durou esta actividade, subvencionada polo Concello de Carballo, os protagonistas ofreceron charlas teóricas que exemplificaron con casos prácticos, os seus, grazas ao relato da súas propias experiencias persoais. De feito, espertaron gran interese entre os rapaces e rapazas que non dubidaron en facer todo tipo de preguntas relacionadas coas dificultades e a complexidade de vivir sobre unha cadeira de rodas. E que mellor maneira de sabelo que comprobalo eles mesmos! Esta foi, sen dúbida, a parte máis esperada polos alumn@s e a máis sorprendente, porque comprobaron o complexo que pode chegar a ser realizar accións tan sinxelas como desprazarse ou subir e baixar unha beirarrúa.

IMG-20151217-WA0060Ademais, @s escolares enseguida tomaron conciencia do gran número de obstáculos que de cote deben sortear as persoas con mobilidade reducida, algo que, agardamos, serva para avanzar un pouquiño máis cara a inclusión. Superación, ilusión, barreiras e forza foron algunhas das palabras máis repetidas.

 

 

Grazas ao Concello de Carballo por brindarnos a oportunidade de achegarnos aos mozos e mozas do IES Monte Neme para construír unha sociedade máis diversa, igualitaria e capacitada e grazas aos alumnos pola súa participación e acollida. Parabéns!