post

O PIMD iniciará o luns 12 un curso para mulleres do rural sobre o manexo do teléfono intelixente

  •  As persoas interesadas en participar, preferentemente con disCapacidade, poden anotarse esta semana chamando ao 981 734 985
  • Esta acción presencial vén a sumarse a outras impartidas nos últimos meses sobre habilidades sociais e pre-laborais, busca activa de emprego e resolución de conflitos

 

O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural (PIMDRural) iniciará a vindeira semana unha nova acción formativa, dirixida a mulleres, preferentemente con disCapacidade, que residan no medio rural. Desta volta, a actividade consistirá nun taller de manexo de teléfono intelixente, que dará comezo o próximo día 12 nas instalacións da asociación Íntegro en Nantón (Cabana de Bergantiños).

As sesións, de dúas horas de duración, xirarán arredor do uso e manexo responsable dos dispositivos móbiles (whatsapp, correo electrónico, redes sociais, APP´s, …). As participantes dividiranse en grupos reducidos para garantir unha atención individualizada e manter as medidas de seguridade e hixiene fronte á COVID-19. En caso de que a demanda supere as expectativas previstas, ao rematar esta acción, realizarase unha segunda edición para acoller a todas as aspirantes ao curso. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ao longo desta semana chamando ao 981 734 985 ata cubrir as prazas aínda dispoñibles.

Esta actividade está incluída no plan formativo da asociación Integro, dentro do PIMD Rural, un programa co-financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

Balance

Nos últimos meses, tras retomar a actividade presencial, realizamos xa diversos talleres formativos sobre habilidades sociais e pre-laborais, resolución de conflitos, busca activa de emprego, etc. Así mesmo, desde o pasado mes de outubro, o Punto de Intervención á Muller con Diversidade Funcional de Integro prestou atención a máis de 30 mulleres da nosa contorna e cada día seguimos a traballar sen descanso para ofrecer asistencia e dar cobertura ás demandas de mulleres dos concellos limítrofes.

post

A Diverescola chega ás aulas de infantil e primaria do CPI de Zas e do CEIP Nétoma–Razo de Carballo

71 nenos e nenas participaron nas xornadas de sensibilización promovidas pola entidade de Nantón, no marco do programa Capacíta-T, para achegar a diversidade á cativada

Setenta e un nenos e nenas de infantil e primaria do CPI de Zas e do CEIP Nétoma-Razo (Carballo) convertéronse nas últimas semanas en protagonistas das primeiras sesións dunha nova edición da Diverescola, unha iniciativa promovida por Íntegro, no marco do programa Capacíta-T, para achegar aos máis cativos/as a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento.

Sen ir máis lonxe, este xoves as aulas do centro carballés de educación infantil e primaria de Nétoma-Razo mudaron o seu tradicional aspecto para converter os pupitres en improvisados circuítos de obstáculos e os libros en leccións orais de vida e superación. Desde primeira hora da mañá, a nosa monitora de ocio e tempo de lecer Lucía Blanco protagonizou, xunto aos nosos usuarios Noé e Yoli, unha xornada de sensibilización repleta de xogos e diversión na que participaron 51 nenos e nenas divididos en tres grupos, dous de infantil e outro de 1º e 2º de primaria, que agardaban ansiosos/as e con expectación a visita da nosa asociación.  

Aprendizaxe e entretemento tamén houbo hai unhas semanas no CPI de Zas, onde unha vintena de alumnos e alumnas tiveron a oportunidade de achegarse á diversidade da man de Rubén e Jessi, dous usuarios/as do centro, cos que pasaron unha mañá moi amena e proveitosa realizando divertidas probas e escoitando sorprendentes historias que falaban de igualdade e inclusión.

Aínda que moitos/as aseguraron coñecer a persoas con disCapacidade na súa contorna, moi poucos sabían do seu día a día. E para descubrilo, non dubidaron en poñerse na súa propia pel demostrando as súas habilidades e destrezas nunha serie de probas con mobilidade reducida e os ollos tapados. Por suposto, todos/as lograron superar e con nota as actividades propostas dando exemplo da súa capacidade de empatía e dunha naturalidade e espontaneidade sorprendentes. Un dos momentos máis divertidos chegou cando os máis pequenos/as se dispuxeron a facer bocadillos empregando unha soa man. E non o fixeron nada mal!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Desde Íntegro queremos agradecer a participación de todos os centros educativos da Costa da Morte neste proxecto co que se pretende promover unha aprendizaxe en valores e unha aposta pola educación inclusiva dende a infancia. Vémonos nas aulas!

post

O PIMDRural de Íntegro regresa en setembro cun novo curso sobre creación de perfís en webs de emprego

No último ano, 24 persoas beneficiáronse do Punto de Intervención para Mulleres, co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020

O mes de setembro arrinca con importantes novidades no Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMDRural), unha iniciativa promovida polo Centro de Recursos Íntegro e co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, para fomentar a igualdade de oportunidades e contribuír a diminuír a dobre discriminación na que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

Tras un ano de intensa actividade formativa para dotar ás mulleres do rural dunha maior autonomía e independencia, necesarias para mellorar a súa situación persoal, social e laboral, este mes poremos en marcha unha novidosa acción, totalmente de balde baseada na creación de perfís en webs de emprego, que ten como obxectivo aumentar a empregabilidade de todas as participantes no curso e lograr a súa plena integración socio-laboral. Para elo, ofrecerase unha atención personalizada e especializada, orientada á realidade actual do mercado de traballo.

Todas as persoas que estean interesadas en participar nesta actividade, prioritariamente mulleres con disCapacidade, deberán inscribirse canto antes no Centro de Recursos Íntegro. Para máis información tamén poden chamar ao 981 734 985.

Balance

Durante o período 2018/2019, un total de 24 mulleres en situación de especial vulnerabilidade beneficiáronse do noso servizo de mediación familiar e de apoio e orientación laboral, postos en marcha hai xa catro anos. Moitas delas, formaron parte tamén dun extenso e variado programa formativo, no que se impartiron cursos relacionados coa procura de emprego a través do teléfono móbil, formación básica en prevención de riscos laborais e confección de currículos e cartas de presentación. Así mesmo, leváronse a cabo numerosas accións de acompañamento na busca de emprego, promoción do emprendemento e prospección do mercado de traballo, intermediación e tutorización laboral e profesional.  

Ademais das sesións teóricas, as participantes tiveron a oportunidade de achegarse á realidade actual dalgunhas das empresas máis importantes e punteiras de Galicia como é o caso de Aluman, Inditex e Cerdeimar, entre outras. Nos vindeiros meses, está previsto continuar co este ciclo de visitas para adquirir novos itinerarios de inserción profesional.

post

Íntegro ofrece un servizo de asesoramento sobre recursos individuais en materia de diversidade funcional

Esta acción forma parte do PIMD Rural e está dirixida a mulleres con discapacidade e persoas en situación de dependencia

Dende hai anos a asociación Íntegro está a desenvolver un programa específico de asesoramento e intervención integral a persoas con diversidade funcional, especialmente mulleres, co-financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE). Trátase do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMD Rural), implantado xa en 4 concellos da comarca de Bergantiños, con numerosas accións formativas sobre as súas costas e un novo proxecto que está a piques de ver a luz, o clubEmprego, dirixido á procura da igualdade de oportunidades e o empoderamento da muller na sociedade actual a través da formación e a inserción laboral. Pero o PIMD Rural é moito máis!

mujer disca 2Actualmente, dentro deste programa, tamén estamos a levar a cabo outras liñas de actuación orientadas a facilitar unha atención individualizada sobre aspectos relacionados coa diversidade, e dirixidas tanto a mulleres-prioritariamente- con disCapacidade como a familias con membros en situación de dependencia. Neste senso, temos en marcha un servizo de información e asesoramento sobre recursos individualizados e específicos en materia de discapacidade e/ou dependencia co que prestamos apoio e acompañamento na tramitación de xestións burocráticas que, moitas veces, soen converterse en procedementos longos e moi complexos que requiren de axuda externa. Estes son algúns deles:

  • Solicitude do certificado de discapacidade e acompañamento nos trámites a realizar.
  • Asesoramento a persoas con discapacidade sobre axudas e prestacións institucionais: prestación por fillo ao cargo, orfandade, prestación non contributiva, axudas individuais anuais para adquisición de servizos asistenciais e de rehabilitación (fisioterapia, logopedia, asistencia persoal, …).
  • Información e acompañamento na tramitación da tarxeta de discapacidade e/ou tarxeta de mobilidade reducida para aparcadoiro público.
  • Valoración e asesoramento en recursos de atención á discapacidade: centro de día, centro ocupacional, residencia, asistencia persoal, etc.
  • Información en materia de dependencia e acompañamento nos trámites (prestacións, axuda no fogar, tele-asistencia).
  • Asesoramento individual e específico sobre formación, emprego, acceso a servizos específicos, actividades ocupacionais, etc.

As persoas interesadas en solicitar esta servizo só teñen que poñerse en contacto coa nosa entidade chamando ao 981 734 985 ou acudir ás oficinas do Centro de Recursos de Nantón, IMG-20160308-WA0012de luns a venres en horario de 09 a 17h.

E se queres coñecer máis polo miúdo todas as accións que engloba o PIMD, lembra que en www.integro.es poderás atopar ampla información sobre todos os programas que temos en marcha. Seguro que todo o que precisas saber o atopas aquí!

post

Íntegro celebrará o vindeiro 6 de maio a IV Xornada da Inclusión en “Baio ten a pelota”

En Íntegro xa estamos a traballar na IV Xornada da Inclusión, que terá lugar o vindeiro 6 de maio na localidade de Baio (Zas), coincidindo coa celebración de “Baio ten a pelota”, un evento comercial organizado pola Asociación de Empresarios do municipio, que xa vai a pola súa segunda edición logo do gran éxito acadado o ano pasado.

Baixo o lema “Nós tamén temos a pelota” poremos en marcha un amplo programa de actividades deseñado para dar visibilidade e reivindicar unha sociedade inclusiva, igualitaria e xusta para toda a cidadanía e, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Ao longo do día levaranse a cabo diferentes actos entre os que destacan un encontro con entidades sociais e a Marcha Diversa pola Rúa, que rematará coa lectura dun manifesto en favor dos dereitos e a inclusión social. Tamén haberá tempo para o ocio coa celebración dun Tapeo e Xantar Inclusivo e actividades de lecer ao aire libre para todas as idades.

globos

Solta de globos durante a III Xornada da Inclusión celebrada o ano pasado en Malpica de Bergantiños

Se formas parte dunha entidade social e/ou se estás interesado/a en participar nesta actividade, non tes máis que poñerte en contacto con nós chamando ao 981/734 985, de luns a venres en horario de 9 a 17h, e enviarémosche o programa e a ficha de inscrición. Vén a Baio o vindeiro día 6 e ti tamén terás a pelota! A inclusión depende de ti porque “o único no que todos somos = é en que somos #”.

 

Dende Íntegro tamén queremos dar as grazas a todas as institucións, asociacións e organismos colaboradores, especialmente á Asociación de Empresarios Comarca de Soneira e ao Concello de Zas por permitirnos compartir con eles un día e un evento tan importante para a localidade.