post

Íntegro celebrou o seu 30º aniversario cunha xornada de portas abertas moi emotiva e concorrida

  • As bombas de palenque marcaron o inicio da xornada festiva na que participou numeroso público
  • As actividades da mañá deron paso a un xantar de confraternidade para conmemorar o 30º aniversario da entidade

Por fin chegou o gran día! Esta mañá, as bombas de palenque anunciaban en Nantón (Cabana de Bergantiños) o inicio dunha xornada festiva e moi emotiva para a gran familia Íntegro. Pouco antes das 11.00 horas, o presidente da entidade, Adolfo López Baña, xunto coa directora Noelia Barreira e outros membros da directiva daban a benvida a familiares, socios/as, veciños/as e autoridades locais da comarca (como os alcaldes de Cabana e Ponteceso) que se achegaron ata o Centro de Recursos para participar nesta xornada de portas abertas e compartir un día de festa, celebración e moitas emocións con motivo do noso 30º aniversario.

Fiel ao lema conmemorativo deste ano “todos e todas sumamos”, o numeroso público asistente amosouse, desde o primeiro momento, moi participativo e interesado nas diferentes actividades programadas. As primeiras consistiron na realización de varios obradoiros de temática variada, entre os que non faltaron o de xabóns, chapas e pulseiras, ademais do de reciclaxe de plásticos, que se levou a cabo no taller de Diversiplás para dar a coñecer os diferentes tipos de residuos e o proceso de transformación e valorización deste tipo de lixo. Paralelamente, no exterior das instalacións de Nantón, realizáronse demostracións de produtos de mobilidade activa, a cargo de Tomás Cutrín, de Innova Procare, que lograron captar o interese e a atención de todos os convidados/as, entre os que tamén figuraban os/as integrantes dos grupos de voluntariado xuvenil de Madrid que nos visitaron ao longo do mes. Durante a mañá, foron moitas as persoas que aproveitaron para coñecer polo miúdo as instalacións e realizar un percorrido pola nosa historia a través da mostra fotográfica exposta no centro.

O deporte e a actividade física chegou da man dunha divertidísima e moi movida masterclass de zumba, que combinou á perfección exercicio, música e diversión. A xornada no centro rematou cunha interesante charla sobre afectividade e sexualidade en persoas con diversidade funcional, impartida pola psicóloga e sexóloga Laura Ramírez.

A festa e a diversión continuou ao longo do día na Parrillada e Cátering A Pedra, situado na mesma localidade, para desfrutar dun xantar de confraternidade conmemorativo do noso 30º aniversario. Antes de compartir mesma e mantel cos convidados/as, o presidente de Íntegro fixo un breve repaso pola historia da entidade, facendo especial fincapé nos duros comezos xunto a Silvestre Couto e destacando “a proxección de futuro que sempre lle demos á entidade, rodeándonos de persoal técnico e cualificado, para lograr unha maior visibilidade e o empoderamento co obxectivo de que as persoas con discapacidade poidan vivir, traballar e desenvolverse no medio rural”. Adolfo López Baña rematou o seu discurso co desexo de que “todos e todas sigamos traballando unidas/os” nun brinde “polo que está por vir”. Na mesma liña, a directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira, salientou no seu discurso a necesidade de construír “unha sociedade plural e diversa, que valore as cualidades e potenciais que ten cada persoa e o que cada unha pode aportar, respectando a forma de ser e vivir de cadaquen”. Asimesmo, asegurou que “aínda queda moito por facer pero estamos no camiño correcto e seguiremos apoiando, escoitando e acompañando ás persoas con diversidade para fomentar a súa calidade de vida”, rematou. A continuación, Sandra Caamaño, xerente de Máis Porvir Xestión Social, foi a encargada de explicar o funcionamento do Centro Especial de Emprego no que están a traballar 40 persoas con disCapacidade.

 

Tras o xantar, continuou a festa, con moita música, diversión, concursos e premios para uns convidados/as que tamén deixaron pegada no noso photocall. Grazas a todos/as por acompañarnos nun día tan especial. Aquí vos deixamos algúns dos momentos da xornada e algunhas das novas publicadas esta fin de semana nos medios de comunicación.

 

 

La Voz de Galicia300722

Que pasa na Costa300722

La Voz de Galicia 310722

 

post

A campaña de prevención da lesión medular visitou as aulas do IES Alfredo Brañas

  •  Celebráronse dúas xornadas de sensibilización nas que participaron preto de 100 escolares de 4º da ESO
  • Esta iniciativa, incluída no programa conmemorativo do 30 aniversario de Íntegro, xa se levou a cabo neste 2022 en varios centros de Laxe, Coristanco e Zas e nas vindeiras semanas visitará outros institutos do Concello de Carballo    

A campaña de prevención da lesión medular de Íntegro chegou esta semana ao IES Alfredo Brañas de Carballo coa celebración de varias xornadas de sensibilización, dirixidas ao alumnado de 4º da ESO. Ao longo de dous días, responsables da entidade deron a coñecer as causas e consecuencias dos accidentes medulares ao tempo que concienciaron aos máis novos sobre a importancia de evitar situacións de risco, especialmente en estradas, praias e piscinas, por ser os principais focos de sinistralidade entre a mocidade.

Alumnado 4ºESO IES Alfredo Brañas (Carballo)

Un total de 96 alumnos e alumnas participaron nas diferentes sesións informativas ofrecidas pola educadora social de Íntegro, Tania Bartucca, que acudiu acompañada de José Manuel, un voluntario do programa que non dubidou en expoñer o seu caso como exemplo de forza e superación, e Noé, un usuario da entidade que asistiu ás charlas programadas para o segundo día. Ademais da explicación teórica e do testemuño real, procedeuse á proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar”.

A campaña de prevención da lesión medular, incluída na programación conmemorativa do 30 aniversario de Íntegro, xa leva percorrido neste 2022 varios concellos da Costa da Morte. Entre os máis recentes, destacan as visitas a varios centros educativos de Laxe, Coristanco e o CIP de Zas. Así mesmo, as charlas no Concello de Carballo continuarán nas vindeiras semanas para achegar a campaña ao alumnado do IES Monte Neme e o IES Isidro Parga Pondal.

Alumnado de 3º ESO do CPI Xosé Pichel (Coristanco)

Desde Íntegro queremos agradecer a implicación e colaboración da comunidade educativa na difusión desta campaña co dobre obxectivo de crear conciencia entre os máis novos/as e apostar por unha educación en valores, máis responsable e inclusiva.

Os centros educativos que estean interesados en adherirse a esta campaña ou a calquera dos programas de sensibilización postos en marcha pola entidade, non teñen máis que poñerse en contacto co centro enviando un correo electrónico a formacion@integro.es ou nos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649.

post

Íntegro volve ás aulas cunha nova edición da Diverescola

Tras case dous anos de inactividade pola pandemia

O CEIP Plurilingüe San Vicenzo de Vimianzo será o primeiro destino desta iniciativa, incluída no programa Capacíta-T, para a achegar ao alumnado de infantil e primaria da Costa da Morte a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento

Tras un período de inactividade de case dous anos debido á COVID-19, a asociación Íntegro porá en marcha a vindeira semana unha nova edición da Diverescola, unha iniciativa promovida pola entidade de Nantón, no marco do programa Capacíta-T, para achegar aos máis cativos e cativas da Costa da Morte a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento. A primeira saída da nova campaña terá como destino o CEIP Plurilingüe San Vicenzo, de Vimianzo.

O martes 25 terá lugar a primeira xornada de sensibilización, na que participarán un total de 69 nenos e nenas de 4 a 6 anos. Desde primeira hora da mañá, desenvolveranse diferentes actividades lúdicas arredor dun “contaconto guiado”. Ademais da lectura e e posterior interacción sobre o conto, abordarase a temática a través da técnica do “muralismo” para intercambiar ideas e afianzar conceptos relacionados coa inclusión e a diversidade.

O mércores 26 será a quenda do alumnado de 1º e 2º de educación primaria. Neste caso, os pupitres darán paso aos circuítos de obstáculos para acoller unha actividade denominada “xogamos coas barreiras”. Trátase de realizar un circuíto de mobilidade en cadeira de rodas por determinados espazos do colexio e un percorrido estacional sensorial, que lles axudará a sensibilizarse e empatizar coas dificultades. Así, a través do xogo, poderemos reflexionar sobre as barreiras físicas, sociais e mentais que existen na sociedade e como podemos superalas.

Educación en valores

Diverescola é unha acción de sensibilización desenvolvida por Íntegro, no marco do programa de capacitación da sociedade Capacíta-T, encamiñada a educar en valores ao alumnado de infantil e primaria dos centros educativos da Costa da Morte, co obxectivo de formar, xunto ao profesorado, persoas comprometidas coa diversidade funcional, romper as barreiras mentais e propiciar a normalidade e a inclusión real. A través do xogo e o entretemento, os máis cativos/as terán a oportunidade de reflexionar e flexibilizar sobre crenzas erróneas, xa consolidadas, en torno ás persoas que son diferentes e/ou teñen diferentes capacidades, ata darse conta das súas potencialidades, aprender a respectalas e descubrir que a riqueza e a importancia da diversidade. Deste xeito, promoveremos actitudes positivas no alumnado para combater a discriminación e a desigualdade.

post

O Concello de Carballo e Íntegro conciencian sobre o aparcamento en prazas de mobilidade reducida

Usuarios/as e representantes da entidade ocuparon varias prazas con cadeiras de rodas e carteis para concienciar á cidadanía sobre a importancia de respectar este tipo de estacionamentos

“Son só 5 minutiños”, “Será só un momentiño”, “Volvo nun santiamén”, “Non teño tarxeta… pero non pasa nada, non?”, “Non sabía que aquí non podía aparcar”… Estas son algunhas das “escusas” máis empregadas polos condutores/as que ocupan as prazas de aparcamento reservadas para persoas con mobilidade reducida. E estas foron, precisamente, as frases que hoxe utilizaron os nosos usuarios e usuarias durante a xornada de sensibilización, levada a cabo en colaboración co Concello de Carballo, para poñer de manifesto a necesidade de respectar os estacionamentos reservados.

Acompañados polo concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, e a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, usuarios/as e representantes de Íntegro ocuparon varias prazas de aparcamento da avenida do Ambulatorio de Carballo, con cadeiras de rodas e algúns carteis coas “escusas” máis utilizadas, coa intención de “simbolizar como se sente un cidadá cando lle ocupan unha praza de aparcamento e non pode aparcar como moitas veces nos pasa a nós”, explicaron. Con esta acción, enmarcada na Semana Mundial das Nacións Unidas para a Seguridade Viaria que se celebra do 17 ao 23 de maio, ademais de reivindicar que o tempo das persoas con diversidade funcional vale o mesmo que o das demais, tamén se recalcou que estas prazas non son un capricho, senón unha necesidade. Así mesmo, desde a asociación púxose o foco sobre o uso indebido das tarxetas de aparcamento por parte de usuarios/as que non teñen discapacidade.

Imaxe da rúa Cervantes durante a celebración do Día da Accesibilidade en setembro de 2020

Esta iniciativa, que non é a primeira nin será a última que se realiza no municipio carballés, é froito do compromiso e a implicación do Concello de Carballo para mellorar a accesibilidade e a mobilidade das persoas con diversidade funcional. Desde Íntegro, queremos agradecer a súa permanente colaboración e dispoñibilidade en todas as actividades que realizamos conxuntamente, e que seguro repetiremos moi pronto. 

 

post

Instalada unha marquesiña en Íntegro para as persoas usuarias do transporte adaptado  

A construción metálica, que ocupa boa parte do aparcadoiro, foi sufragada pola Deputación Provincial da Coruña con cargo ao Programa de Subvencións a Entidades Sen Fins de Lucro para o Investimento de Servizos Sociais no ano 2020 (FOIE)

Encántanos darvos boas novas e máis cando xa nos atopamos ás portas do Nadal e todo parece contaxiarse de certa maxia e ilusión. Nesta ocasión, máis que dun soño, trátase dunha antiga demanda feita ao fin realidade.

Todas as persoas que formades parte da gran familia Íntegro sabedes que dende hai tempo urxía a instalación dunha marquesiña dentro do noso recinto de Nantón para protexer aos nosos usuarios/as, a maioría con mobilidade reducida, das inclemencias meteorolóxicas durante a entrada e saída dos vehículos de transporte adaptado.  

Grazas á aportación da Deputación Provincial de A Coruña, a través do seu Programa de Subvencións a Entidades Sen Fins de Lucro para o Investimento de Servizos Sociais no ano 2020 (FOIE), vimos de acometer os traballos de construción dunha cuberta metálica instalada en boa parte do aparcadoiro do noso centro. Agora, seguro que as dificultosas e laboriosas transferencias dos vehículos de transporte aos andadores ou ás cadeiras de rodas, e viceversa, resultarán máis sinxelas e cómodas tanto para os nosos usuarios/as como para as monitoras encargadas de realizar esas labores. Adeus a loitar á intemperie contra vento e….choiva!

post

Íntegro participará en Carballo na Semana Europea da Mobilidade coa celebración do Día da Accesibilidade  

  • Levarase a cabo o luns 21 para dar visibilidade aos problemas que sofren a diario ás persoas con mobilidade reducida
  • A entidade súmase así, un ano máis, ao programa de actos que organiza a Concellería de Mobilidade, do 16 ao 22 deste mes, coa colaboración ademais da área de Igualdade, o Club Ciclista Carballo e a Asociación Ambiental Senda Nova

O presidente de Íntegro, Adolfo López  Baña, e a Educadora Social Tania Bartucca Nión, asistiron onte en Carballo á presentación do programa de actividades que o consistorio carballés vai poñer en marcha do 16 ao 22 de setembro con motivo da conmemoración da Semana Europea da Mobilidade. Trátase dunha programación ampla e variada, deseñada desde a Concellaría de Mobilidade coa colaboración da área municipal de Igualdade, o Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino, Senda Nova e a nosa entidade, que non quixo faltar, un ano máis, a esta importante cita para aportar o noso gran de area na organización de varias accións encamiñadas a sensibilizar e implicar á cidadanía no difícil reto de converter as nosas rúas en espazos seguros e accesibles para todos e todas. No acto, celebrado nas inmediacións do Fórum,  tamén estiveron presentes o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane; a concelleira de Igualdade, Maica Ures, e Eva Cameán, da asociación ambiental Senda Nova.

Juan Seoane, Eva Cameán, Adolfo López, Tania Bartucca e Maica Ures durante a presentación na contorna do Fórum

Desde a asociación Íntegro colaboraremos, nesta ocasión, na organización do Día da Accesibilidade, que terá lugar o luns 21 nunha xornada con marcado carácter reivindicativo e repleta de actividades tan singulares como novidosas, orientadas a dar visibilidade aos problemas cos que se atopan a diario as persoas con mobilidade reducida. A primeira delas, denominada “Son só 5 minutiños”, desenvolverase pola mañá, entre as 11.00 e as 13.00 horas, e consistirá na ocupación de varias prazas de aparcamento da rúa Cervantes con cadeiras de rodas, muletas e carteis coas desculpas máis empregadas cando se utilizan prazas PMR sen tarxeta “para que a xente que ocupa as prazas para persoas con mobilidade reducida vexa o mal que se sentiría se lle pasase a eles. Non hai prazas para persoas con mobilidade reducida porque queiramos, senón porque as precisamos”, aclarou Adolfo López. Xa pola tarde celebrarase a segunda, unha ruta en cadeira de rodas polas rúas da contorna do Fórum para avaliar as melloras feitas en accesibilidade e detectar posibles novos puntos nos que sexa preciso actuar. Será das 17.00 ás 18.30 horas.

Este ano, debido ás restricións impostas pola COVID-19 e para garantir a seguridade dos/as participantes, formaranse grupos reducidos nas diferentes actividades e extremarase as medidas de prevención (uso de tapabocas, distanciamento social e desinfección de obxectos), segundo detallou Juan Seoane, encargado de debullar toda a programación, na que figuran propostas tan atractivas como o “Día sen Coches”, unha iniciativa que se desenvolverá por primeira vez e que consistirá en cortar ao tráfico rodado varias rúas para que as usen os peóns  con xogos e actividades co obxectivo de dar visibilidade á transformación urbana da vila. Esta acción, que se realizará de forma simultánea en diferentes barrios da vila, coincidirá tamén coa celebración de “Pedaleando pola igualdade”, unha actividade que a Concellaría de Igualdade tivo que suspender no mes de marzo e que agora retoma, en colaboración co Club Ciclista Carballo, para “darlles recursos ás mulleres para poder andar en bicicleta e que se sintan libres”, manifestou Maica Ures. O programa complétase cunha ruta a pé pola beira do Anllóns para poñer en valor as marxes dos ríos da man de Senda Nova, e unha morea de actividades máis que non podes perder. Bótalle un ollo e participa!

post

A campaña de prevención das lesións medulares arrincará este venres do IES Alfredo Brañas de Carballo

 

• A Casa do Concello de Carballo acolleu onte a presentación dunha iniciativa que conta xa con 28 anos de andadura

• No acto participaron o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, varios membros da xunta directiva, a educadora social da entidade, o alcalde de Carballo e a concelleira de Igualdade e Benestar

A asociación Íntegro vén de presentar na Casa do Concello de Carballo a campaña de prevención de lesións medulares para o 2020 coa que a entidade ten previsto volver a percorrer os centros de ensino de secundaria da Costa da Morte sensibilizando e concienciando aos nosos mozos e mozas, como xa vén facendo dende hai anos. “Se conseguimos evitar unha soa lesión medular, xa pagou a pena”, así resumía Adolfo López Baña, presidente de Íntegro, o principal obxectivo desta iniciativa que, pese a cambiar de formato e de destinatarios/as, constitúe unha das primeiras actividades organizadas pola entidade desde a súa fundación en 1992, ano no que, segundo lembrou, “eramos un punto negro a nivel estatal”.

Acompañando a Adolfo López Baña tamén estiveron presentes outros membros da xunta directiva de Nantón como David Pombo e José Manuel Mira; a educadora social da entidade, Tania Bartucca; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, quen calificou de moi “significativo” o cartel deste ano porque, efectivamente, “calquera descoido ou unha mala caída poden cambiarche a vida para sempre”. O rexedor, pola súa banda, felicitou a Íntegro pola organización desta iniciativa e “por todo o traballo que está a facer conseguir unha sociedade inclusiva, na que toda a xente, á marxe das súas circunstancias físicas, teña a oportunidade de demostrar as súas capacidades”.

Primeiras citas

A campaña 2020 arrincará este venres 24 coa visita ao alumnado de secundaria do IES Alfredo Brañas e continuará nas vindeiras semanas con paradas nos centros de ensino de Coristanco, Vimianzo, Zas e Carnota, entre outros municipios. Durante as xornadas de sensibilización, o alumnado non só terá ocasión de participar nas charlas protagonizadas por persoas con lesións medulares, senón que tamén poderán poñerse no seu lugar para coñecer mellor o seu día a día sobre unha cadeira de rodas.

Pola súa banda, Tania Bartucca apelou á participación de todos os centros de ensino da comarca para contribuír a concienciar aos máis novos sobre a importancia da prevención e a necesidade de evitar prácticas de risco. Neste senso, apuntou que se algún colexio ou instituto non recibiu información e está interesado en formar parte da campaña deste ano, só ten que poñerse en contacto con Íntegro no enderezo electrónico formacion@integro.es ou nos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649.

Tras 28 anos de campañas de sensibilización, os datos confirman que as lesións medulares reducíronse de forma notable, especialmente, entre os máis novos/as e, pola contra, aumentaron entre as persoas maiores. Por iso, desde a entidade xa se está a traballar na posta en marcha de accións específicas orientadas a este sector da poboación. Seguirémosvos informando!!

post

Medio centenar de estudantes do IES Ramón Caamaño de Muxía participaron nunha charla sobre lesións medulares

O presidente da entidade, Adolfo López Baña, e a educadora social Tania Bartucca foron os encargados de dirixir a xornada de sensibilización que rematou cun circuíto de obstáculos

A campaña de prevención de lesións medulares promovida pola asociación Íntegro continúa viaxando polos centros de ensino da Costa da Morte para concienciar á mocidade sobre a importancia de evitar prácticas de risco que poidan derivar en danos irreparables. O pasado mércores 27 fixo parada no IES Ramón Caamaño de Muxía cunha xornada de sensibilización na que participaron medio centenar de alumnos/as de 3º e 4º da ESO.

Ademais da proxección do vídeo da campaña “A ti tamén che pode pasar”, no que interveñen tanto profesionais sanitarios como doentes, a educadora social do Centro de Recursos de Nantón, Tania Bartucca, ofreceu unha charla informativa sobre as principais causas e consecuencias dos accidentes medulares así como das medidas a ter en conta para evitalos. Segundo as estatísticas, os mergullos en praias e piscinas e as imprudencias ao volante son os causantes da maioría de sinistros entre a mocidade, “polo que é moi importante que tomedes conciencia de que un segundo pode cambiar toda unha vida”, recalcou o presidente da entidade Adolfo López Baña, que tamén estivo presente en dita xornada,  para insistir o alumnado sobre a importancia da prevención.

A continuación, o alumnado de secundaria tivo a oportunidade de poñerse na pel dunha persoa con mobilidade reducida a través da realización dun circuíto de obstáculos, que se levou a cabo nas propias instalacións do centro educativo. Aínda que os e as estudantes amosaron gran habilidade e destreza sobre a cadeira de rodas, de seguido comprenderon a dificultade de sortear diariamente obstáculos e barreiras derivadas da falta de accesibilidade.

post

Íntegro sae á rúa para esixir que se garanta a accesibilidade nos edificios de vivendas

Foi durante a concentración organizada esta mañá en Santiago por COGAMI xunto a compañeiros doutras entidades sociais e na que o noso presidente participou activamente durante a lectura dun manifesto

Dentro da campaña de sensibilización “A miña casa non é o meu cárcere”, promovida pola Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (COCEMFE), un grupo de usuarios/as de Íntegro desprazouse esta mañá a Santiago de Compostela para participar  na concentración organizada por COGAMI na Praza do Obradoiro para poñer en coñecemento de toda a cidadanía a importancia da accesibilidade nos edificios de vivendas. Este acto formou parte da 37 manifestacións simultáneas postas hoxe en marcha en 37 cidades do país de 15 comunidades autónomas co obxectivo de denunciar que milleiros de persoas con mobilidade reducida non poden saír á rúa con autonomía nin, polo tanto, levar unha vida independente.

Acompañando aos nosos usuarios/as e monitoras, tamén estivo o presidente de Íntegro Adolfo López Baña, que participou na lectura dun manifesto para facer fincapé en que se leven a cabo reformas integrais nas vivendas porque “un edificio accesible é un dereito para todas as persoas e non podemos facer que a accesibilidade dependa dos recursos económicos da cidadanía” ao tempo que asegurou que “a realización das obras que garantan o acceso ás persoas con mobilidade reducida é un investimento xusto e necesario porque, ao fin e ao cabo, ninguén sabe se nalgún momento da súa vida vai necesitar destas adaptacións”.

Os datos

Ademais das persoas con discapacidade orgánica, en España hai 2,5 millóns de persoas con mobilidade reducida que precisan de medios de apoio para desprazarse e levar unha vida autónoma. No último censo de vivendas, só o 22,9% dos edificios eran accesibles e tan só o 0,6% dos 10 millóns de estudos de vivendas de España cumpre coa regulamentación. Pero os atrancos van máis alá xa que 63% dos edificios non son accesibles da rúa ao portal por contar con escaleiras nesa zona e o  64% dos edificios carecen tamén de caixas do correo accesibles dende unha cadeira de rodas. Unhas cifras desalentadoras que non convidan á esperanza. 

O acto celebrado hoxe en todo o país pretende sumar esforzos para modificar a Lei de Propiedade Horizontal e que sexa de obrigatorio cumprimento a realización de reformas de accesibilidade solicitadas por persoas con discapacidade ou maiores de 70 anos. Así mesmo, tamén se demandou a concesión de axudas concretas a todas as comunidades veciñais que deban afrontar este tipo de actuacións, ante o elevado custe que supón a súa implantación. O compromiso das administracións públicas e de toda a cidadanía é fundamental para preservar un dereito que afecta á sociedade en xeral.  É responsabilidade de todos/as!

post

A campaña de prevención de lesións medulares chega ao CPI As Revoltas de Cabana

45 alumnos/as de 3º e 4º da ESO amosaron a súa destreza nas probas de mobilidade reducida

“A ti tamén che pode pasar” é o título do vídeo elaborado pola asociación Íntegro para informar e sensibilizar á poboación sobre os accidentes medulares. E, este curso académico, os responsables da entidade decidiron incorporalo á campaña de prevención de lesións medulares que están a levar a cabo nos centros educativos da Costa da Morte para achegar aos máis novos/as o día a día das persoas que padecen esta doenza e conciencialos/as sobre as importancia de previr riscos innecesarios.

Hoxe tocoulle a quenda a un grupo de 45 alumnos e alumnas do CPI As Revoltas, en Cabana de Bergantiños. E parece que o dito máis vale unha imaxe que mil palabras calou fondo entre os adolescentes de 3º e 4º da ESO que seguiron con gran atención o contido dun documental que lles fixo ver de fronte como unha imprudencia che pode cambiar a vida. Tras a proxección do vídeo, o presidente de Íntegro Adolfo López Baña insistiu, durante a charla informativa,  na necesidade de evitar prácticas de risco, especialmente ao volante e en praias e piscinas, principais causantes da maioría dos accidentes irreversibles entre a mocidade da nosa contorna.

Xunto a López Baña tamén estiveron outros membros da asociación como o vogal David Pombo e Teresa Fuentes, voluntaria e socia. Ambos relataron as súas experiencias sobre unha cadeira de rodas e explicaron as dificultades que han de superar cada día para o desempeño das súas actividades cotiás. Uns testemuños que, sen dúbida, espertaron o interese e a curiosidade dos/as escolares que non perderon detalle das intervencións como ben demostraron máis tarde cando tocou pasar á acción. Porque despois da teoría, chegou a práctica e, axudados por unha monitora do centro e varios usuarios/as, os e as estudantes foron poñendo a proba a súa habilidade nun circuíto de obstáculos coa mobilidade reducida. Mestres/as e alumnos/as decidiron subirse á cadeira de rodas para poñerse na pel das persoas con discapacidade e ser quen de ver as barreiras que a diario nos resultan invisibles. Un exercicio que foi superado con nota pola súa destreza e, sobre todo, pola súa sensibilidade e a incrible capacidade de empatía e adaptación.

Esta actividade está co-financiada pola Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña e conta ademais coa colaboración das administracións locais e de numerosas empresas privadas.