post

O PIMD iniciará o luns 12 un curso para mulleres do rural sobre o manexo do teléfono intelixente

  •  As persoas interesadas en participar, preferentemente con disCapacidade, poden anotarse esta semana chamando ao 981 734 985
  • Esta acción presencial vén a sumarse a outras impartidas nos últimos meses sobre habilidades sociais e pre-laborais, busca activa de emprego e resolución de conflitos

 

O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural (PIMDRural) iniciará a vindeira semana unha nova acción formativa, dirixida a mulleres, preferentemente con disCapacidade, que residan no medio rural. Desta volta, a actividade consistirá nun taller de manexo de teléfono intelixente, que dará comezo o próximo día 12 nas instalacións da asociación Íntegro en Nantón (Cabana de Bergantiños).

As sesións, de dúas horas de duración, xirarán arredor do uso e manexo responsable dos dispositivos móbiles (whatsapp, correo electrónico, redes sociais, APP´s, …). As participantes dividiranse en grupos reducidos para garantir unha atención individualizada e manter as medidas de seguridade e hixiene fronte á COVID-19. En caso de que a demanda supere as expectativas previstas, ao rematar esta acción, realizarase unha segunda edición para acoller a todas as aspirantes ao curso. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ao longo desta semana chamando ao 981 734 985 ata cubrir as prazas aínda dispoñibles.

Esta actividade está incluída no plan formativo da asociación Integro, dentro do PIMD Rural, un programa co-financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

Balance

Nos últimos meses, tras retomar a actividade presencial, realizamos xa diversos talleres formativos sobre habilidades sociais e pre-laborais, resolución de conflitos, busca activa de emprego, etc. Así mesmo, desde o pasado mes de outubro, o Punto de Intervención á Muller con Diversidade Funcional de Integro prestou atención a máis de 30 mulleres da nosa contorna e cada día seguimos a traballar sen descanso para ofrecer asistencia e dar cobertura ás demandas de mulleres dos concellos limítrofes.

post

Os concellos de Costa Bergantiñá implícanse na posta en marcha dos PIMD Rural

Os concellos de Cabana, Laxe, Malpica e Ponteceso, que compoñen a asociación supramunicipal Costa Bergantiñá, expresaron no Día Internacional da Muller o seu compromiso coa posta en marcha dos Puntos de Intervención para Mulleres con Diversidade (PIMD) Rural, un servizo que funciona dende o ano pasado no centro dIMG_20160308_121417e recursos de Nantón e que moi pronto estará dispoñible tamén nos concellos.

Os alcaldes de Cabana, Manuel Muíño; Laxe, José Manuel Mouzo, e Malpica, Eduardo Parga; así como as concelleiras Marisol Blanco, responsable de Servizos Sociais e Igualdade en Malpica; e Isabel Vuelta e Susana Toja, de Ponteceso, asistiron onte en Nantón á presentación do PIMD. O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, explicou que a extensión dos puntos de intervención limítase de momento aos concellos de Costa Bergantiñá por cuestións de persoal, aínda que a intención de Íntegro é continuar coa ampliación en función da dispoñibilidade dos técnicos e da implicación dos concellos.

A terapeuta ocupacional e directora do centro de recursos de Íntegro, Noelia Barreira, e a psicóloga, Begoña Rial, foron as encargadas de explicar as liñas xerais do PIMD Rural, un programa específico de asesoramento e intervención integral para mulleres con diversidade funcional, tanto no ámbito social coma no educativo, o cultural ou o laboral. De feito, aínda que a iniciativa botará a andar en colaboración cos departamentos municipais de Servizos Sociais, o obxectivo é implicar tamén a orientadores/as laborais e axentes de desenvolvemento local.

post

Íntegro celebra o Día da Muller coa presentación de catro novos PIMD Rural na comarca de Bergantiños

Mañá é o Día da Muller e na Asociación Íntegro ímolo celebrar coa presentación da ampliación do Punto de Intervención á Muller con Diversidade Funcional no medio rural (PIMD Rural), posto en marcha o ano pasado pola nosa entidade, a catro concellos da comarca de Bergantiños. Ademais do noso presidente, Adolfo López Baña, a directora do centro, Noelia Barreira, e a psicóloga, Begoña Rial, estarán presentes os alcaldes dos municipios de Malpica de Bergantiños, Cabana de Bergantiños, Laxe e Ponteceso para dar a coñecer o programa de implantación do PIMD Rural nas súas respectivas localidades.

mujer disca 4

Con esta iniciativa preténdese ampliar o ámbito de actuación do servizo coa finalidade de facelo máis próximo e accesible a todas as mulleres que residen en diferentes zonas da comarca.  No acto, que dará comezo ás 12h no centro de recursos de Nantón, exporanse as liñas de traballo que se desenvolverán dende os diferentes servizos sociais de cada municipio para loitar contra a discriminación e a desigualdade de oportunidades que sofre este colectivo ademais de reforzar o seu papel no ámbito rural.

Cabana de Bergantiños, Laxe, Ponteceso e Malpica de Bergantiños serán, a partires deste ano, os primeiros concellos da Costa da Morte en contar cunha ubicación específica para o PIMD Rural nas súas propias instalacións, permitindo achegar e aproveitar os recursos técnicos da nosa asociación para poñelos ao alcance dos seus habitantes.

Grazas a este novo programa de cooperación tamén se poderán mellorar as actuacións previstas nos Plans de Igualdade Municipais con medidas específicas para a atención de mulleres con diversidade funcional.

Servizos

As mulleres que se acheguen ata os puntos de intervención tamén poderán atopar ampla información e asesoramento sobre recursos en materia de diversidade; atención psicolóxica e mediación familiar; accións encamiñadas á adquisición de habilidades persoais e sociais básicas así como competencias para a mellora do emprego e apoio na mediación laboral e profesional. Ademais, realizaranse actividades de prevención da violencia de xénero e asesoramento de ocio e participación social. Así mesmo, as usuarias deste novo servizo terán información continuada e actualizada sobre todos os programas e accións específicas que se desenvolven na Asociación Íntegro.

sede reducida

En breve, poderás atopar toda a información ao respecto na nosa web a través dunha nova sección que crearemos para manterte puntualmente ao día. Mentres tanto, se te queres achegar ao novo punto de intervención só tes que poñerte en contacto con nós chamando ao 981 734 985 ou preguntando no departamento de servizos sociais do teu concello.