post

Íntegro ofrecerá este venres unha charla sobre lesións medulares no Centro de Día de Cabana

Con esta actividade, de balde e aberta á cidadanía, a entidade amplía o seu programa de sensibilización social a outros ámbitos e colectivos de risco

Esta semana a campaña de prevención de lesións medulares de Íntegro traspasará as aulas dos centros educativos da Costa da Morte para informar e concienciar a novos colectivos sociais sobre a importancia de evitar prácticas de risco que poidan derivar en doenzas irreparables. E é que as estatísticas falan por si soas! Mentres que o número de lesións por sinistros de tráfico e/ou mergullos en praias e piscinas está diminuíndo nos últimos anos entre a mocidade grazas, en boa parte, ás accións de sensibilización que se están levando a cabo en colexios e institutos, os accidentes domésticos e as caídas fortuítas no ámbito do traballo estanse a cobrar cada vez máis vítimas, especialmente entre a poboación adulta. Por iso, desde a entidade de Nantón decidimos ampliar o programa de re-educación social poñendo en marcha novas actividades dirixidas ao público en xeral. A primeira delas terá lugar o vindeiro venres a partir das 11h no Centro de Día de Cabana de Bergantiños, situado na parroquia de Neaño (Estrada do Bosque, 69).

A xornada comezará cunha charla informativa para dar a coñecer as principais causas e consecuencias de sufrir un accidente medular facendo especial fincapé na importancia da prevención. Ademais, proxectarase o novo vídeo da campaña deste ano que leva por título “A ti tamén che pode pasar” (dispoñible no noso canal de Youtube e en www.integro.es), no que un médico, unha enfermeira e un terapeuta ocupacional da Unidade de Lesionados do CHUAC analizan as situacións de perigo que orixinan estas doenzas e as medidas que debemos tomar para evitalas. Na proxección tamén interveñen testemuñas reais que relatan en primeira persoa as súas experiencias. Entre outros, varios membros de Íntegro, colaboradores habituais da campaña e protagonistas involuntarios aos que un día unha lesión medular lles cambiou a vida. Algúns deles/as acudirán á cita para expoñer as súas vivencias e amosar os seus exemplos de loita, fortaleza e superación. Tamén os/as acompañarán a educadora social Tania Bartucca e o presidente da entidade, Adolfo López Baña.

 

 

 

 

Desde os seus inicios, asociación Íntegro desenvolveu unha importante e extensa labor divulgativa en favor de prevención de lesións medulares. Durante máis dun cuarto de século puxéronse en marcha numerosos proxectos de sensibilización social co único propósito de informar, primeiro, e concienciar, despois, á cidadanía e especialmente aos máis novos, por ser o colectivo máis vulnerable. Neste sentido, durante a presentación da campaña deste ano, López Baña aseguraba que “se en todos estes anos evitamos un só caso, xa pagou a pena”.

Agora este ambicioso proxecto, co-financiado pola Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña ademais da colaboración das administracións locais e algunhas empresas privadas, traspasará as aulas dos centros de primaria e secundaria da Costa da Morte para estenderse a outros ámbitos como o do fogar ou o do traballo, e a outros grupos en situación de risco como o dos/as profesionais do campo ou da construción e as persoas de idade avanzada.

Desde Íntegro queremos convidar á cidadanía a asistir á charla informativa do vindeiro venres e participar activamente na mesma aportando as súas propias experiencias e/ou propoñendo as dúbidas ou suxestións que considere oportunas e de interese. A entrada será de balde.    

post

+Porvir xestiona o Programa de Envellecemento Activo do Concello de Malpica no que participan 50 persoas

Xa está en marcha o Programa de Envellecemento Activo promovido pola Concellería de Servizos Sociais de Malpica e subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña.  Por segundo ano consecutivo, a xestión do programa correspóndelle a + Porvir, a empresa de economía social da Asociación Íntegro. Con esta actividade preténdese dotar ás persoas maiores das ferramentas necesarias para poder manter a súa autonomía, ademais de evitar o seu illamento e favorecer a súa participación social. Este ano participan un total de 50 persoas, repartidas practicamente a partes iguais entre Buño e Malpica. Os obxectivos fixados para esta segunda edición son os seguintes:

envellecemento-malpica-1

Presentación en Malpica

  • Previr o deterioro cognitivo a través de exercicios prácticos, favorecendo así a autonomía persoal.
  • Ofrecer estratexias para un envellecemento feliz, para a mellora das relacións persoais e sociais de xeito que se optimicen as relacións das persoas participantes no obradoiro co seu entorno.
  • Aprender novas formas de comunicación e participación a través das TIC’s.
  • Previr o deterioro físico e ensinar unha serie de exercicios sinxelos para o mantemento físico que as persoas participantes poidan reproducir con facilidade no seu fogar.
  • Realizar pequenos traballos manuais cos que estimular e mellorar a coordinación motora fina.
  • Fomentar o consumo saudable.
  • Previr o deterioro físico a través do exercicio ao tempo que se fomenta o coñecemento das diferentes músicas típicas dos países escollidos.
  • envellecemento-buno-1

    Presentación en Buño

    Dotar ás persoas participantes de ferramentas coas que mellorar o seu autoconcepto e as súas relacións persoais.

  • Dar a coñecer os beneficios da lectura para manter a mente activa.
  • Ofrecer os beneficios das augas termais para a mellora das diferentes patoloxías das persoas participantes.

 

Para acadar eses obxectivos desenvolverase unha serie de actividades de estimulación cognitiva, xogos de mesa e campionatos, corpo e mente en movemento, taller afectivo sexual, obradoiro de mantemento físico con pilates, cachibol, elaboración de xabóns, recuperación de receitas tradicionais, elaboración menú e degustación conxunta, charla de reumatoloxía, balneario e festa de clausura. “É un Programa de Envellecemento Activo que, como se pode comprobar, favorece a participación activa dos/das veciños e veciñas dun xeito dinámico e lúdico”, explicou Marisol Blanco na presentación do programa, na que tamén participou o administrador de + Porvir e presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, acompañado polo alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e o tenente de alcalde, Miguel Fernández.