post

O Concello de Carballo e Íntegro conciencian sobre o aparcamento en prazas de mobilidade reducida

Usuarios/as e representantes da entidade ocuparon varias prazas con cadeiras de rodas e carteis para concienciar á cidadanía sobre a importancia de respectar este tipo de estacionamentos

“Son só 5 minutiños”, “Será só un momentiño”, “Volvo nun santiamén”, “Non teño tarxeta… pero non pasa nada, non?”, “Non sabía que aquí non podía aparcar”… Estas son algunhas das “escusas” máis empregadas polos condutores/as que ocupan as prazas de aparcamento reservadas para persoas con mobilidade reducida. E estas foron, precisamente, as frases que hoxe utilizaron os nosos usuarios e usuarias durante a xornada de sensibilización, levada a cabo en colaboración co Concello de Carballo, para poñer de manifesto a necesidade de respectar os estacionamentos reservados.

Acompañados polo concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, e a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, usuarios/as e representantes de Íntegro ocuparon varias prazas de aparcamento da avenida do Ambulatorio de Carballo, con cadeiras de rodas e algúns carteis coas “escusas” máis utilizadas, coa intención de “simbolizar como se sente un cidadá cando lle ocupan unha praza de aparcamento e non pode aparcar como moitas veces nos pasa a nós”, explicaron. Con esta acción, enmarcada na Semana Mundial das Nacións Unidas para a Seguridade Viaria que se celebra do 17 ao 23 de maio, ademais de reivindicar que o tempo das persoas con diversidade funcional vale o mesmo que o das demais, tamén se recalcou que estas prazas non son un capricho, senón unha necesidade. Así mesmo, desde a asociación púxose o foco sobre o uso indebido das tarxetas de aparcamento por parte de usuarios/as que non teñen discapacidade.

Imaxe da rúa Cervantes durante a celebración do Día da Accesibilidade en setembro de 2020

Esta iniciativa, que non é a primeira nin será a última que se realiza no municipio carballés, é froito do compromiso e a implicación do Concello de Carballo para mellorar a accesibilidade e a mobilidade das persoas con diversidade funcional. Desde Íntegro, queremos agradecer a súa permanente colaboración e dispoñibilidade en todas as actividades que realizamos conxuntamente, e que seguro repetiremos moi pronto. 

 

post

Íntegro participará en Carballo na Semana Europea da Mobilidade coa celebración do Día da Accesibilidade  

  • Levarase a cabo o luns 21 para dar visibilidade aos problemas que sofren a diario ás persoas con mobilidade reducida
  • A entidade súmase así, un ano máis, ao programa de actos que organiza a Concellería de Mobilidade, do 16 ao 22 deste mes, coa colaboración ademais da área de Igualdade, o Club Ciclista Carballo e a Asociación Ambiental Senda Nova

O presidente de Íntegro, Adolfo López  Baña, e a Educadora Social Tania Bartucca Nión, asistiron onte en Carballo á presentación do programa de actividades que o consistorio carballés vai poñer en marcha do 16 ao 22 de setembro con motivo da conmemoración da Semana Europea da Mobilidade. Trátase dunha programación ampla e variada, deseñada desde a Concellaría de Mobilidade coa colaboración da área municipal de Igualdade, o Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino, Senda Nova e a nosa entidade, que non quixo faltar, un ano máis, a esta importante cita para aportar o noso gran de area na organización de varias accións encamiñadas a sensibilizar e implicar á cidadanía no difícil reto de converter as nosas rúas en espazos seguros e accesibles para todos e todas. No acto, celebrado nas inmediacións do Fórum,  tamén estiveron presentes o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane; a concelleira de Igualdade, Maica Ures, e Eva Cameán, da asociación ambiental Senda Nova.

Juan Seoane, Eva Cameán, Adolfo López, Tania Bartucca e Maica Ures durante a presentación na contorna do Fórum

Desde a asociación Íntegro colaboraremos, nesta ocasión, na organización do Día da Accesibilidade, que terá lugar o luns 21 nunha xornada con marcado carácter reivindicativo e repleta de actividades tan singulares como novidosas, orientadas a dar visibilidade aos problemas cos que se atopan a diario as persoas con mobilidade reducida. A primeira delas, denominada “Son só 5 minutiños”, desenvolverase pola mañá, entre as 11.00 e as 13.00 horas, e consistirá na ocupación de varias prazas de aparcamento da rúa Cervantes con cadeiras de rodas, muletas e carteis coas desculpas máis empregadas cando se utilizan prazas PMR sen tarxeta “para que a xente que ocupa as prazas para persoas con mobilidade reducida vexa o mal que se sentiría se lle pasase a eles. Non hai prazas para persoas con mobilidade reducida porque queiramos, senón porque as precisamos”, aclarou Adolfo López. Xa pola tarde celebrarase a segunda, unha ruta en cadeira de rodas polas rúas da contorna do Fórum para avaliar as melloras feitas en accesibilidade e detectar posibles novos puntos nos que sexa preciso actuar. Será das 17.00 ás 18.30 horas.

Este ano, debido ás restricións impostas pola COVID-19 e para garantir a seguridade dos/as participantes, formaranse grupos reducidos nas diferentes actividades e extremarase as medidas de prevención (uso de tapabocas, distanciamento social e desinfección de obxectos), segundo detallou Juan Seoane, encargado de debullar toda a programación, na que figuran propostas tan atractivas como o “Día sen Coches”, unha iniciativa que se desenvolverá por primeira vez e que consistirá en cortar ao tráfico rodado varias rúas para que as usen os peóns  con xogos e actividades co obxectivo de dar visibilidade á transformación urbana da vila. Esta acción, que se realizará de forma simultánea en diferentes barrios da vila, coincidirá tamén coa celebración de “Pedaleando pola igualdade”, unha actividade que a Concellaría de Igualdade tivo que suspender no mes de marzo e que agora retoma, en colaboración co Club Ciclista Carballo, para “darlles recursos ás mulleres para poder andar en bicicleta e que se sintan libres”, manifestou Maica Ures. O programa complétase cunha ruta a pé pola beira do Anllóns para poñer en valor as marxes dos ríos da man de Senda Nova, e unha morea de actividades máis que non podes perder. Bótalle un ollo e participa!