post

Íntegro amplía o seu cadro de persoal coa contratación dunha psicóloga

Xunto coa educadora e a traballadora social, a nova profesional prestará atención especializada a persoas usuarias e familias da entidade ademais de desenvolver o servizo de atención psicolóxica do PIMDRural

A asociación Íntegro das Persoas con Diversidade  Funcional da Costa da Morte vén de ampliar o seu cadro de persoal coa contratación dunha psicóloga que prestará atención especializada, tanto de xeito individualizado como en intervencións grupais, a persoas usuarias e familias, ademais de desenvolver o servizo de atención psicolóxica do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural (PIMDRural).

Desde este mes de novembro, a entidade de Nantón suma así unha nova profesional ao seu equipo, integrado xa por unha educadora e unha traballadora social. Entre as súas novas funcións destaca a súa participación na planificación, elaboración, desenvolvemento e avaliación dos Plans Individuais de Atención (PIA) das persoas usuarias, así como ofrecer asesoramento e apoio psicolóxico ás familias que o precisen. Así mesmo,  facilitará ás persoas profesionais de atención directa, pautas e estratexias de intervención sobre os problemas emocionais ou de conduta detectados, ademais de informar, de xeito individualizado, sobre a evolución e necesidades de cada usuario/a aos familiares que así o soliciten.  Outra das facetas a desenvolver será a de  participar na elaboración de proxectos que requiran dun estudo psicolóxico para avaliar posibles beneficios sobre as persoas usuarias.

PIMD Rural

Desde o ano 2015 a asociación Íntegro conta cun Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural (PIMDRural). Trátase dun programa de atención personalizada e especializada,  co-financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade a través da Secretaría Xeral de Igualdade e o Fondo Social Europeo (FSE), dirixido a mulleres en situación de especial vulnerabilidade que residen na zona rural da Costa da Morte.

Durante o período comprendido entre o 1 outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021, desde o PIMDRural prestouse atención a preto de medio centenar de mulleres, a maioría delas con disCapacidade. Entre os servizos máis demandados polas usuarias destacan o de información e orientación sobre recursos singularizados de atención e asesoramento persoal e social, así como apoio directo  nas relacións con outras entidades, organismos e servizos que lles faciliten ás persoas o seu proceso de integración social; mediación  intercultural e/ou familiar, a través da posta en marcha de habilidades persoais e sociais básicas ou de competencias para a mellora da empregabilidade, e orientación laboral e de acompañamento na busca de emprego, así como a prospección do mercado de traballo, a intermediación e a titorización laboral. Ademais do acompañamento, ás persoas usuarias tamén dispoñen dun servizo de transporte gratuíto para os seus desprazamentos.

 

Por outra banda, desde o Punto de Intervención para Mulleres leváronse a cabo numerosos acompañamentos na xestión de trámites administrativos, xestións económicas, citas médicas, etc. O desenvolvemento de accións formativas, dirixidas a grupos reducidos para ofrecer unha atención máis personalizada e adaptada ao protocolo COVID, é outro dos piares fundamentais para acadar a igualdade de oportunidades. Neste último ano, leváronse a cabo diversos talleres relacionados coas habilidades sociais e pre-laborais, autocoidado e hixiene persoal, e o manexo do teléfono intelixente, un dos máis demandados polas persoas usuarias do servizo.