post

Íntegro e La Caixa de Baio formalizan un convenio de colaboración para o programa Respiro Familiar Vacacional

A asociación Íntegro e La Caixa de Baio (Zas) veñen de asinar un convenio de colaboración entre ambas entidades para cofinanciar o Programa Respiro Familiar Vacacional 2016 para a Diversidade Funcional de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra. Trátase dun proxecto de recente implantación que pretende ofrecer ás familias unhas xornadas de respiro e merecido descanso ao tempo que posibilita aos usuarios e usuarias a realización dunha viaxe de varios días de duración lonxe do seu fogar.

No acto de sinatura participaron a directora da oficina bancaria, Inmaculada Pérez García, e o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña. Ámbolos dous destacaron a importancia de poñer en marcha accións conxuntas de financiamento para posibilitar a realización de proxectos deste tipo, que polo seu coste económico serían inviables para calquera entidade social sen ánimo de lucro. Neste senso, López Baña amosouse moi agradecido a La Caixa de Baio “por contribuír a facer realidade este ansiado soño que acaba de ver a luz e que doutro xeito non sería posible”.

O programa de colaboración arrancou o día 5. O resultado non puido ser mellor, xa que participaron o 90% dos usuarios e usuarias que acoden diariamente tanto ao noso Centro de Día como ao Centro Ocupacional. Nesta ocasión realizouse unha viaxe cultural a Madrid durante a primeira semana de setembro para gozar de catro días de ocio e pracer visitando algúns dos monumentos e áreas culturais máis emblemáticas da capital entre as que non faltaron o Zoo-Acuario, o estadio Santiago Bernabéu ou o Parque do Retiro, onde estiveron acompañados polo Presidente de COCEMFE, Anxo Queiruga. Ademais, houbo tempo para perderse polas céntricas rúas madrileñas e visitar a marabillosa cidade de Segovia.

la-foto-4la-foto-3la foto 4

Sen dúbida, foi unha experiencia inesquecible e moi divertida, chea de actividades, que resultou moi positiva para os/as participantes xa que ademais de desfrutar dun tempo de ocio tamén puideron poñer en práctica capacidades tan importantes como a autonomía e o desenvolvemento persoal.

la foto 4

O grao de satisfacción entre os familiares e os usuarios/as foi tan elevado que xa estamos a pensar no destino do ano que vén, para o que agardamos poder seguir contando coa inestimable colaboración de La Caixa de Baio, unha entidade comprometida coa posta en marcha de iniciativas en favor da igualdade e a inclusión de persoas con diversidade funcional.