post

Íntegro inaugura a Semana Cultural do IES Maximino Romero de Lema cunha charla sobre lesións medulares

O presidente Adolfo López Baña desprazouse ata o centro educativo de Baio (Zas) acompañado por un vogal da entidade e unha voluntaria

Ante a inminente chegada da temporada estival, a campaña de prevención de lesións medulares está a percorrer os centros educativos da Costa da Morte a un ritmo vertixinoso coa finalidade de concienciar e reeducar ao maior número de mozos e mozas posible, xa que durante as vacacións de verán é cando se produce un maior incremento de accidentes medulares por imprudencias en praias, piscinas e estradas.

Durante a charla, Adolfo, David e Teresa falaron das súas vivencias personais

Para informar sobre as causas e consecuencias de realizar prácticas de risco, o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, desprazouse ata o IES Maximino Romero de Lema de Baio (Zas) xunto ao vogal da nosa entidade, David Pombo, e unha voluntaria da asociación, Teresa Fuentes, abrindo así o programa de actividades da XII Semana Cultural do centro zacense.  Os tres poñentes mantiveron unha xuntanza con alumnos e alumnas de 3º da ESO para explicarlles a necesidade de coñecer e evitar riscos innecesarios que poden causar a morte ou deixar secuelas incurables- como as zambullidas de cabeza en praias e piscinas ou viaxar sen o cinto de seguridade- ao tempo que relataron as súas propias vivencias e as dificultades de vivir sobre unha cadeira de rodas, momento que suscitou gran curiosidade entre os/as estudantes por saber como era o seu día a día.

A xornada chegou ao seu punto máis álxido cando tocou poñer en práctica o aprendido na charla informativa. Os e as participantes tiveron a oportunidade de poñer a proba a súa destreza sobre unha cadeira de rodas e o seu grao de empatía para poñerse no lugar de quen ten a mobilidade reducida. E todos/as coincidiron en sinalar que sobre as dúas rodas, todo se ve diferente. Facendo gala dunha gran capacidade de adaptación e moitas gañas de superación, os alumnos/as animáronse a lanzar algúns tiros á canastra de baloncesto e realizar un circuíto de mobilidade polo pavillón escolar. O resultado foi espectacular! Seguro que a partir de hoxe todos e todas teñen un pouco máis claro que as imprudencias sempre pasan factura e nunca pagan a pena.

Esta actividade está subvencionada pola Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña e nela colaboran tamén varios concellos e entidades privadas da Costa Morte. Vémonos moi pronto!