post

Íntegro solicita a Política Social un servizo residencial propio e melloras no transporte adaptado de usuarios/as

Estas foron algunhas das peticións trasladadas pola entidade ao director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, durante a súa primeira visita a Nantón 

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, asegurou que neste 2022 a Xunta de Galicia destinará máis fondos ca nunca á atención de persoas con discapacidade co fin de promover a igualdade de oportunidades para todos e todas. Á espera de novos investimentos, en 2021 a Consellería de Política Social financiou oito novas prazas públicas (4 para o Centro de Día e 4 para o Ocupacional), completando así as 22 que hai na actualidade.

Entre as prioridades para este ano, desde o centro de Nantón destacaron a necesidade de dispoñer dun servizo residencial propio para prestar apoio inmediato aos usuarios/as e ás súas familias, evitando así desprazamentos a outros concellos, ás veces, situados a centos de quilómetros da súa residencia habitual. Así mesmo, a renovación da flota de vehículos adaptados e o incremento das axudas destinadas ao servizo de transporte foron outros dos asuntos abordados polos responsables de Íntegro durante a visita, na que tamén estiveron presentes o alcalde de Cabana, José Muíño, e o concelleiro de Obras e Servizos, Carlos Allo.

Durante a súa estancia, Fernando González percorreu, unha a unha, as diferentes dependencias da asociación xunto ao presidente de Íntegro, Adolfo López Baña; o tesoureiro, Silvestre Couto Torrado, e a directora da entidade, Noelia Barreira para coñecer de primeira man o seu funcionamento e conversar de forma distendida cos usuarios e usuarias do centro, aos que preguntou polo proceso de elaboración da liña de produtos artesanais Bicos de amora, e concretamente polos xabóns de glicerina 100% vexetal, así como pola confección das muselinas da Cesta Benvida da Xunta de Galicia, á que se referiu dicindo que “é un orgullo que cada bebé que naza en Galicia poida levar un detalle realizado artesanalmente, con tanto cariño e profesionalidade, por persoas con diversidade funcional”.