post

Máis PORVIR Xestión Social imparte un curso de limpeza de inmobles para persoas con discapacidade

Dita acción, na que participan 9 alumnos/as, estase a desenvolver no Concello de Zas coa colaboración de Inserta Empleo, da Fundación Once.

Máis PORVIR Xestión Social e o Centro Especial de Emprego da Asociación Íntegro están a impartir en Zas un curso de “Experto en limpeza de inmobles”, no que participan 9 persoas con discapacidade. Ademais, dita acción estase a desenvolver en colaboración con Inserta Empleo, unha entidade pertencente á Fundación ONCE orientada á formación e o emprego.

A través desta actividade formativa, de 150 horas lectivas, preténdese proporcionar ao alumnado as destrezas profesionais necesarias para un rendemento competitivo no mercado de traballo así como o desenvolvemento de aptitudes e habilidades persoais coas que lograr a plena participación no entorno social e laboral. As clases, divididas en dous módulos teórico-prácticos, impártense dende o pasado mes de novembro e prolongaranse ata o vindeiro 19 de xaneiro.

Esta formación lévase a cabo baixo a co-financiación do Fondo Social Europeo, no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social, e da iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo, no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil, de ámbito plurirrexional e correspondente ao período de programación 2014-2020.