post

O alumnado de 3º e 4º do CPI As Revoltas de Cabana participou nunha xornada de sensibilización en Íntegro

Os 28 alumnos/as, que formaron parte desta nova edición do Visítanos, percorreron unha a unha as aulas de Nantón na procura de xogos, diversión e aprendizaxe

Un grupo de escolares de 4º e 5º de primaria do CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños achegáronse esta semana ata o Centro de Recursos Íntegro para participar nunha nova edición do Visítanos, unha actividade de sensibilización incluída no programa Capacíta-T, destinada a concienciar aos máis pequenos en materia de diversidade e inclusión.

A visita deu comezo a primeira hora da mañá cunha recepción e unha pequena charla sobre o funcionamento do centro e o día a día dos nosos usuarios e usuarias para continuar coa proxección dunha curtametraxe, de 5 minutos de duración, na que persoas con diversidade funcional relataban diferentes experiencias da súa vida cotiá. A continuación, os 28 alumnos/as participantes iniciaron o seu particular percorrido polas diferentes aulas tanto do Centro de Día como do Centro de Recursos para coñecer de preto cada unha das actividades que desenvolvemos ao longo do ano.

Os obradoiros de artes manuais, como o de confección de xabóns de glicerina e pulseiras de macramé, foron algúns dos que máis sorprenderon aos escolares, que non dubidaron en poñerse mans á obra para elaborar as súas propias creacións e levalas para as súas casas como recordo do seu paso polo centro.

 

Na cociña e no ximnasio tamén tiveron oportunidade de poñer a proba as súas habilidades coa axuda dos nosos usuarios/as. Ademais de realizar circuítos de mobilidade sobre unha cadeira de rodas, tamén se achegaron á sala de logopedia onde tiveron tempo para xogar e rir a gargalladas con algunhas probas que semellaban resistirse ao principio pero que finalmente superaron sen problema.

Finalmente, os/as estudantes elaboraron un mural conxunto no que plasmaron as súas impresións dunha xornada divertida, emotiva e moi didáctica que rematou cunha fermosa foto de grupo como colofón a unha experiencia gratificante, que agardamos poder repetir canto antes. Grazas a todos e a todas por vir!