post

Estudantes do CEIP Labarta Pose de Baio percorren en Íntegro o camiño da diversidade

39 alumnos/as de 5º e 6º de primaria participaron esta semana nunha nova edición de Visítanos! 

O pasado martes recibimos coas portas abertas, e os brazos tamén, a un grupo de alumnos e alumnas do CEIP Labarta Pose de Baio (Zas) nunha nova edición de Visítanos!, unha actividade formativa destinada a educar, concienciar e capacitar aos máis pequenos/as en materia de diversidade, incluída no programa Capacíta-T. Un total de 39 nenos e nenas de 5º e 6º de primaria percorreron as instalacións de Nantón, acompañados polos seus mestres/as e os nosos usuarios/as e traballadores/as, decididos/as a coñecer de preto o noso día a día e descubrir algunhas das actividades que se realizan nos obradoiros do Centro Ocupacional e do Centro de Día.

E foi precisamente nos talleres que visitaron ao longo da mañá onde xurdiron algunhas das preguntas máis curiosas relacionadas coa inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional. Moitos/as deles/as recoñeceron posuír ideas preconcibidas e en materia de discapacidade e comprometéronse a aportar o seu gran de area para camiñar con paso firme cara unha sociedade máis inclusiva, xusta e igualitaria onde todos e todas teñamos os mesmos dereitos e as mesmas oportunidades.

Durante a súa estancia en Íntegro, os alumnos/as tiveron tempo de pasar polo ximnasio e comprobar en primeira persoa o que custa manterse en forma na sala de fisioterapia: bicicleta elíptica, cinta de correr, traballo de musculatura,….todo vale cando se trata de gañar en benestar e saúde. Tamén amosaron gran interese na aula de informática e na de artes manuais onde puxeron en práctica algúns consellos dos nosos usuarios/as. A confección de pulseiras de macramé foi unha das actividades máis aplaudidas polos rapaces/as xunto co obradoiro de cociña, no que realizaron unhas riquísimas galletas de manteiga. Pero un dos momentos máis alegres e divertidos tivo lugar no departamento de logopedia durante a sesión de risoterapia onde aprenderon a importancia de rir e de rirse de si mesmos/as para gañar en felicidade e optimismo.

Hidroponía

Xa nos invernadoiros, os/as estudantes foron testemuñas dunha excelente masterclass sobre cultivos hidropónicos, un método innovador que tamén empregamos en Íntegro utilizando-en vez de terra- un medio acuoso e os nutrientes necesarios para proporcionar alimento ás plantas. Tras a explicación dos nosos técnicos, seguida con gran entusiasmo e expectación, a curiosidade dos nenos/as deu paso á imaxinación cunha interminable batería de preguntas para as que non sempre había fácil resposta.

Como xa é costume, houbo xogos con barreiras para poñer a proba a destreza dos alumnos/as superando obstáculos sobre unha cadeira de rodas e poñéndose, por uns intres, no lugar das persoas con mobilidade reducida. Finalmente, compartimos as experiencias vividas ao longo da xornada e as súas impresións sobre o centro. E, coma sempre, deixáronnos sen palabras. Agora, todos/as teñen máis claro que a diversidade é cuestión de capacidades, non de disCpacidades. Para nota!

Grazas pola visita. Ata a próxima!

post

A Copa Galicia de Baloncesto Adaptado reunirá en Ponteceso aos mellores equipos da comunidade

Esta mañá presentouse na sala de plenos do Concello de Ponteceso a Copa Galicia de Baloncesto Adaptado, que se disputará o vindeiro sábado no pavillón municipal pontecesán. Trátase dun evento deportivo organizado pola asociación Íntegro en colaboración coa Federación Galega de Deporte Adaptado (FGDA) e subvencionado pola Consellería de Política Social, a Deputación da Coruña e o Concello de Ponteceso.

2No acto de hoxe estiveron presentes o alcalde da localidade, Lois García Carballido; o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña; o vicepresidente, Ramón Pombo; o tesoureiro, Silvestre Couto; o vogal David Pombo, e a directora do Centro de Recursos de Nantón, Noelia Barreira. López Baña destacou a importancia desta celebración “porque permite dar a coñecer ao público o deporte adaptado e a complexidade, esforzo e superación que implica a súa práctica a nivel competición”. Ademais, subliñou a necesidade de que “os nosos mozos e mozas teñan outros referentes nos que mirarse e novos deportistas aos que admirar”. Finalmente, agradeceu a participación de todas as empresas e entidades colaboradoras neste proxecto e animou aos cidadáns a participar activamente na xornada do vindeiro sábado. O rexedor municipal, Lois García, tamén se sumou a este chamamento convidando á cidadanía a apoiar este evento coa súa asistencia.

Programa

A xornada do sábado será unha xornada deportiva de alto nivel deseñada para gozar cos cinco sentidos e meterse ao público no peto. Competición, deporte, diversión e moitas sorpresas serán os protagonistas dun evento co que se pretende dar a coñecer esta modalidade e poñer en valor o deporte inclusivo na sociedade.

O espectáculo e o bo xogo estarán asegurados coa participación de destacados equipos da Liga Gallega de Baloncesto FGDA e da Liga de BSR (Baloncesto en Cadeira de Rodas). A competición dividirase en dúas categorías: cadeira de rodas e competición intelectuais, esta última dirixida a deportistas con discapacidade intelectual que participarán en sección masculina e feminina.

san-xeromeAs primeiras en saltar á cancha serán as xogadoras do San Xerome, que se medirán ante as Esclavas na final da Competición Intelectuais, prevista para as 11h. Ás 12:30 h disputarase o primeiro encontro en cadeira de rodas da xornada entre o Amfiv Más Visión e o Basketmi, que volverán a enfrontarse pola tarde, a partires das 18h. Para as 16:30h está previsto o comezo do partido Aspanaex-San Rafael (categoría masculina). Finalmente, procederase á correspondente entrega de premios.

amfiv-getafe2-348

Pero esta Copa Galicia non só é para ver, tamén é para xogar! A diversión e o entretemento estarán garantidos para os asistentes antes, durante e despois dos partidos coa celebración de diversas actividades nas que poderán participar para poñer a proba a súa destreza sobre unha cadeira de rodas. Xogos de habilidade, tiros libres e mini-partidos para todos e todas coa intención de descubrir a complexidade desta práctica deportiva e pasar un día moi, moi divertido. Esperámosvos!