post

Estudantes de 5º de primaria do CEIP Bergantiños achéganse á diversidade con Visítanos!

Durante a visita os alumnos e alumnas realizaron divertidos obradoiros ocupacionais

Se hai uns días eramos nós os que visitabamos a un grupo de escolares do IES Monte Neme de Carballo, o pasado venres foron os alumnos e alumnas do CEIP Bergantiños, tamén de Carballo, os que se desprazaron ata as nosas instalacións de Nantón para participar nunha nova edición de Visítanos!, unha actividade englobada no programa Capacíta-T destinada a educar, concienciar e capacitar aos máis pequenos/as en materia de diversidade.

A xornada comezou cunha breve proxección sobre a historia da entidade e as actividades realizadas ao longo do ano 2016. Unha primeira toma de contacto para coñecer o día a día dos nosos usuarios e usuarias que logrou espertar a curiosidade dos/as escolares, que non dubidaron en preguntar e comentar todo canto se lles ocorría e amosándose moi interesados/as e participativos/as ao longo de toda a mañá.

 

 

 

 

 

A elaboración de pulseiras causou gran expectación

Da man dos nosos usuarios/as, os 57 estudantes de 5º de primaria do CEIP Bergantiños realizaron un percorrido de case dúas horas visitando os diferentes departamentos e os obradoiros do Centro Ocupacional e do Centro de Día. E que ben o pasaron! Dende os invernadoiros ata a cociña, pasando pola aula de informática, tiveron oportunidade de poñer en práctica o aprendido e moitas habilidades ocultas, con trucos e consellos incluídos. Un dos momentos máis divertidos tivo lugar na aula de logopedia, onde aprenderon a importancia de rir e de rirse dun mesmo. Tamén houbo charlas grupais sobre inclusión e diversidade, actividades con globos e talleres de artes manuais nos que aprenderon a facer xabóns de glicerina e pulseiras de macramé cun resultado máis que satisfactorio, sobresaínte.

Arte e deporte

Ninguén quixo perderse a visita ao ximnasio

Pero neste Visítanos! os/as participantes demostraron que, ademais de bos artistas, son bos deportistas. E así o deixaron claro durante a súa visita ao ximnasio de Íntegro. Aínda que non tiveron reparo algún en probar cada un dos aparatos que atoparon ao seu paso, a bicicleta elíptica e a cinta de correr- recentemente adquiridas coa recadación do calendario solidario 2017-  acapararon a atención e as olladas de todos e todas, que non puideron resistirse a probalas. Unha vez máis quedou patente que a diversidade é cuestión de capacidades, non de discapacidades, e que nin a idade nin o tamaño importan. Grazas pola visita! Ata outra!