post

Íntegro achega a diversidade a máis de 200 escolares da Costa da Morte

 Esta semana a campaña de lesións medulares, a Diversescola e o Visítanos promoveron numerosas actividades de sensibilización en varios colexios e institutos da zona

Onte foi un día de intensa actividade na asociación Íntegro, tanto dentro como fóra das nosas instalacións. Mentres que o Centro de Recursos abría as súas portas para recibir a un grupo de alumnos/as do CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso, dentro do programa Visítanos, varios responsables da entidade desprazáronse ata o IES Terra de Soneira de Vimianzo para manter unha xuntanza co alumnado de 4º da ESO e 1º de bacharelato no marco da campaña de prevención de lesións medulares.

Esta semana en Nantón imos de aula en aula! A primeira cita foi cos alumnos e alumnas de 3º da ESO do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco, cos que mantivemos unha charla informativa o pasado martes para falarlles sobre a prevención de lesións medulares e a importancia de evitar prácticas de risco en puntos de alta sinistralidade como praias, piscinas e estradas. Dentro desta campaña, que Íntegro está a impartir nos centros de primaria e secundaria da Costa da Morte, o segundo encontro tivo lugar onte no IES Terra de Soneira de Vimianzo. 60 escolares de 4º da ESO e 1º de bacharelato participaron nunha animada e moi concorrida xuntanza con varios membros da entidade na que ademais da proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar”, houbo unha charla informativa e un improvisado coloquio sobre as principais causas e consecuencias das lesións medulares e a importancia da súa prevención.

Os que estes días tamén se achegaron de cheo á diversidade foron os máis pequenos/as. Concretamente onte,  máis de 30 nenos e nenas de 5º e 6º de primaria do CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso estiveron de visita en Íntegro para coñecer por dentro as nosas instalacións e o funcionamento dos obradoiros.  Da man de Visítanos, unha iniciativa do programa Capacíta-T promovida por Íntegro, e xunto aos nosos usuarios e usuarias percorreron un a un os talleres do Centro de Día e do Centro Ocupacional con parada obrigada na cociña, no ximnasio e na sala de artes manuais, onde tiveron a oportunidade de elaborar tanto xabóns de glicerina como pulseiras de macramé que tamén levaron como recordo. A xornada rematou coa confección dun mural no que recolleron as súas impresións sobre a experiencia vivida no centro.

Diverescola e Medulares

Pero as actividades de sensibilización nos centros educativos da comarca continuarán ata mañá. Sen ir máis lonxe, hoxe a Diverescola, a versión máis peque do programa Capacíta-T, viaxou ata as aulas de infantil do CPI As Revoltas de Cabana para achegar a diversidade a preto de 40 nenos/as, con idades comprendidas entre os 3 e os 5 anos, a través do xogo e o entretemento. Mañá venres será a quenda dos alumnos e alumnas do CEIP Milladoiro de Malpica, ata onde se trasladará a campaña de prevención de lesións medulares poñendo o punto e final así a unha semana frenética e de intensa actividade nos colexios e institutos da Costa da Morte, reflexo da aposta por unha educación inclusiva e en igualdade. Grazas!