post

A Diverescola encheu de inclusión e diversidade as aulas de infantil e primaria do CPI As Revoltas de Cabana

75 nenos e nenas participaron na xornada de sensibilización, incluída no programa Capacíta-T, que promove a asociación Íntegro

Os alumnos/as de infantil e 1º e 2º de educación primaria do CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños convertéronse esta mañá nos/as protagonistas dunha nova edición da Diverescola, unha iniciativa promovida por Íntegro, no marco do programa Capacíta-T, para achegar aos máis cativos/as a diversidade e a inclusión a través dos contos, o xogo e o entretemento.

Durante algo máis de dúas horas, as aulas do centro educativo mudaron o seu aspecto para converter os tradicionais pupitres en improvisados circuítos de obstáculos e os libros en leccións orais de vida e superación. A primeira hora da mañá, a nosa monitora de ocio e tempo de lecer Lucía Blanco e varios  usuarios/as da entidade, chegaron ao centro educativo cargados de historias e divertidísimos xogos infantís para desenvolver unha xornada de sensibilización, na que participaron 75 nenos e nenas que xa agardaban ansiosos/as e o comezo das actividades. 

Aínda que moitos/as aseguraron coñecer a persoas con diversidade funcional na súa contorna, moi poucos sabían do seu día a día. E para descubrilo, nada mellor que poñerse na súa propia pel. Os máis pequenos/as fixérono a través dun contacontos inclusivo con historias nas que os protagonistas suman capacidades a prol da diversidade. E os/as estudantes de primaria  puxeron a proba a súa habilidade e destreza cunha serie de xogos de obstáculos que debían sortear cos ollos tapados ou coa mobilidade reducida. Todos os/as participantes superaron con nota a actividade facendo gala da súa naturalidade e espontaneidade.  

Desde Íntegro queremos agradecer a colaboración de todo o alumnado e profesorado do centro durante o desenvolvemento da xornada e trasladarlles os nosos parabéns por promover con este proxecto unha aprendizaxe en valores e unha aposta pola educación inclusiva dende a infancia.


post

Íntegro achega a diversidade a máis de 200 escolares da Costa da Morte

 Esta semana a campaña de lesións medulares, a Diversescola e o Visítanos promoveron numerosas actividades de sensibilización en varios colexios e institutos da zona

Onte foi un día de intensa actividade na asociación Íntegro, tanto dentro como fóra das nosas instalacións. Mentres que o Centro de Recursos abría as súas portas para recibir a un grupo de alumnos/as do CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso, dentro do programa Visítanos, varios responsables da entidade desprazáronse ata o IES Terra de Soneira de Vimianzo para manter unha xuntanza co alumnado de 4º da ESO e 1º de bacharelato no marco da campaña de prevención de lesións medulares.

Esta semana en Nantón imos de aula en aula! A primeira cita foi cos alumnos e alumnas de 3º da ESO do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco, cos que mantivemos unha charla informativa o pasado martes para falarlles sobre a prevención de lesións medulares e a importancia de evitar prácticas de risco en puntos de alta sinistralidade como praias, piscinas e estradas. Dentro desta campaña, que Íntegro está a impartir nos centros de primaria e secundaria da Costa da Morte, o segundo encontro tivo lugar onte no IES Terra de Soneira de Vimianzo. 60 escolares de 4º da ESO e 1º de bacharelato participaron nunha animada e moi concorrida xuntanza con varios membros da entidade na que ademais da proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar”, houbo unha charla informativa e un improvisado coloquio sobre as principais causas e consecuencias das lesións medulares e a importancia da súa prevención.

Os que estes días tamén se achegaron de cheo á diversidade foron os máis pequenos/as. Concretamente onte,  máis de 30 nenos e nenas de 5º e 6º de primaria do CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso estiveron de visita en Íntegro para coñecer por dentro as nosas instalacións e o funcionamento dos obradoiros.  Da man de Visítanos, unha iniciativa do programa Capacíta-T promovida por Íntegro, e xunto aos nosos usuarios e usuarias percorreron un a un os talleres do Centro de Día e do Centro Ocupacional con parada obrigada na cociña, no ximnasio e na sala de artes manuais, onde tiveron a oportunidade de elaborar tanto xabóns de glicerina como pulseiras de macramé que tamén levaron como recordo. A xornada rematou coa confección dun mural no que recolleron as súas impresións sobre a experiencia vivida no centro.

Diverescola e Medulares

Pero as actividades de sensibilización nos centros educativos da comarca continuarán ata mañá. Sen ir máis lonxe, hoxe a Diverescola, a versión máis peque do programa Capacíta-T, viaxou ata as aulas de infantil do CPI As Revoltas de Cabana para achegar a diversidade a preto de 40 nenos/as, con idades comprendidas entre os 3 e os 5 anos, a través do xogo e o entretemento. Mañá venres será a quenda dos alumnos e alumnas do CEIP Milladoiro de Malpica, ata onde se trasladará a campaña de prevención de lesións medulares poñendo o punto e final así a unha semana frenética e de intensa actividade nos colexios e institutos da Costa da Morte, reflexo da aposta por unha educación inclusiva e en igualdade. Grazas!

post

Visítanos recibe a 47 estudantes do CPI As Revoltas

Os talleres de artes manuais e cociña tiveron gran aceptación entre os alumnos/as do centro educativo de Cabana

Esta semana o Centro de Recursos de Nantón volveu a abrir as súas portas para acoller unha nova edición de Visítanos!, unha actividade educativa incluída no programa Capacíta-T que está dirixida a concienciar e sensibilizar aos escolares en materia de diversidade e inclusión. Onte os/as protagonistas foron os alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria do CPI AS Revoltas de Cabana que, xunto aos nosos usuarios e usuarias, gozaron dunha xornada moi didáctica, lúdica e chea de curiosidades.

As preguntas comezaron case nada máis chegar. A primeira hora da mañá as aulas de Íntegro comezaron a encherse de alumnos/as coas pilas ben cargadas e a lección aprendida, como xa demostraron durante a xuntanza de grupo que tivo lugar antes de dar comezo a visita polas instalacións. Aínda que case todos/as aseguraron coñecer a persoas con discapacidade, a maioría recoñeceu saber moi pouco sobre a realidade do seu día a día ou como relacionarse. E para amosárllelo proxectouse un vídeo titulado “Lo incorrecto” que, a través de situacións tan absurdas como divertidas, intenta cambiar a ollada da sociedade rompendo moitas ideas preconcibidas e falsos estereotipos.

O momento máis agardado por todos/as os/as participantes chegou coa visita aos obradoiros. Se o aprendizaxe é un proceso sinxelo a estas idades, xogando aínda o é máis. Porque iso é o que fixeron ao longo da mañá os 47 alumnos/as do centro cabanés. Entre risas e caras de asombro polos logros acadados, foron percorrendo as diferentes aulas e talleres.

 

 

 

 

 

Actividades

Entre as actividades preferidas dos/as estudantes destacaron as de artes manuais (elaboración de xabóns de glicerina e bixutería) e o taller de cociña. Nesta ocasión, ademais de descubrir habilidades que tiñan ocultas, os escolares levaron para a casa cadansúa pulseira de macramé, feita por eles/as mesmos/as, e a satisfacción de ter elaborado unhas riquísimas rosquillas que tamén tiveron ocasión de degustar. Na sala de logopedia e ximnasia as risas estiveron garantidas cos xogos de coordinación e equilibrio así como nas probas de mobilidade reducida amosando gran destreza sobre a cadeira de rodas e unha capacidade de empatía e adaptación sobresaínte.

Ao remate da xornada tocou valoración e exposición de todo o aprendido. E o resultado foi espectacular! Os/as estudantes confeccionaron un mural no que plasmaron as súas experiencias no centro e algún que outro segredo de taller que nos deixaron como recordo do seu paso polo centro e co que nos animaron a non deixar nunca de voar, e de soñar porque a diversidade, como podedes ver, é cuestión de capacidades. Parabéns chicos/as!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Desde Íntegro animamos a todos os centros educativos da Costa da Morte a participar nos diferentes programas educativos que temos en marcha (Diverescola, Visítanos, Prevención de lesións medulares) apostando por unha educación inclusiva, rica en valores e comprometida coa diversidade. Chama ao 981 734 985 e infórmate! 

post

A campaña de prevención de lesións medulares chega ao CPI As Revoltas de Cabana

45 alumnos/as de 3º e 4º da ESO amosaron a súa destreza nas probas de mobilidade reducida

“A ti tamén che pode pasar” é o título do vídeo elaborado pola asociación Íntegro para informar e sensibilizar á poboación sobre os accidentes medulares. E, este curso académico, os responsables da entidade decidiron incorporalo á campaña de prevención de lesións medulares que están a levar a cabo nos centros educativos da Costa da Morte para achegar aos máis novos/as o día a día das persoas que padecen esta doenza e conciencialos/as sobre as importancia de previr riscos innecesarios.

Hoxe tocoulle a quenda a un grupo de 45 alumnos e alumnas do CPI As Revoltas, en Cabana de Bergantiños. E parece que o dito máis vale unha imaxe que mil palabras calou fondo entre os adolescentes de 3º e 4º da ESO que seguiron con gran atención o contido dun documental que lles fixo ver de fronte como unha imprudencia che pode cambiar a vida. Tras a proxección do vídeo, o presidente de Íntegro Adolfo López Baña insistiu, durante a charla informativa,  na necesidade de evitar prácticas de risco, especialmente ao volante e en praias e piscinas, principais causantes da maioría dos accidentes irreversibles entre a mocidade da nosa contorna.

Xunto a López Baña tamén estiveron outros membros da asociación como o vogal David Pombo e Teresa Fuentes, voluntaria e socia. Ambos relataron as súas experiencias sobre unha cadeira de rodas e explicaron as dificultades que han de superar cada día para o desempeño das súas actividades cotiás. Uns testemuños que, sen dúbida, espertaron o interese e a curiosidade dos/as escolares que non perderon detalle das intervencións como ben demostraron máis tarde cando tocou pasar á acción. Porque despois da teoría, chegou a práctica e, axudados por unha monitora do centro e varios usuarios/as, os e as estudantes foron poñendo a proba a súa habilidade nun circuíto de obstáculos coa mobilidade reducida. Mestres/as e alumnos/as decidiron subirse á cadeira de rodas para poñerse na pel das persoas con discapacidade e ser quen de ver as barreiras que a diario nos resultan invisibles. Un exercicio que foi superado con nota pola súa destreza e, sobre todo, pola súa sensibilidade e a incrible capacidade de empatía e adaptación.

Esta actividade está co-financiada pola Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña e conta ademais coa colaboración das administracións locais e de numerosas empresas privadas.

post

Íntegro entra nas aulas do CPI As Revoltas para concienciar sobre a diversidade

O colexio cabanés acolleu unha xornada de sensibilización dirixida a estudantes da ESO e de infantil  

Onte en Íntegro saímos á rúa para levar a cabo novas accións formativas de sensibilización incluídas no programa Capacíta-T e o escenario elixido para facelo foi  o CPI As Revoltas, en Cabana de Bergantiños. Nesta ocasión, os alumnos e alumnas de 3º e 4 da ESO foron, xunto cos máis cativos/as, os e as protagonistas dunha xornada destinada a xogar, educar e concienciar sobre a diversidade. E o resultado foi espectacular!

la foto 4Pola súa banda, os estudantes de secundaria participaron nunha sesión informativa sobre prevención de lesións medulares, dentro da campaña que estamos a levar a cabo en numerosos centros educativos de primaria e secundaria da Costa da Morte. O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, e o vicepresidente, Ramón Pombo, foron os encargados de explicar as principais causas e consecuencias de sufrir unha lesión medular durante a charla teórica que impartiron aos alumnos/as co obxectivo, ademais, de concila foto (6)encialos sobre a importancia de previr prácticas de risco en praias e piscinas ou en accidentes de tráfico para evitar así danos irreparables. O relato das súas propias experiencias persoais deu paso á posta en práctica da destreza dos escolares sobre unha cadeira de rodas comprobando así o difícil que resulta desprazarse coa mobilidade reducida. Aínda así houbo quen se atreveu a botar unha carreira!

Mestúra-T en infantil

la foto 5

Pero os momentos máis simpáticos e sorprendentes viñeron da man de Mestúra-T, unha versión infantil do noso programa de sensibilización dirixido a concienciar aos máis pequenos mediante o xogo e o entretemento. E foron, precisamente, os alumnos de 6º de infantil os que, unha vez máis, nos deixaron impresionados/as coa súa naturalidade, espontaneidade e gran capacidade de asimilación. A directora do Centro de Recursos de Íntegro, Noelia Barreira, e a nosa psicóloga, Begoña Rial, achegaron a diversidade e a inclusión aos escolares de 5 anos mediante contacontos de sensibilización e diferentes actividades lúdicas nas que se empregaron técnicas tan divertidas como a caracterización para representar escenas cotiás da vida das persoas con diversidade funcional.  Unha experiencia moi enriquecedora que ven a reforzar a nosa aposta por unha educación inclusiva dende a infancia e unha aprendizaxe en valores. Por iso confiamos en que este programa de educación infantil dea os seus froitos e comece a implantarse nos centros de ensino como un complemento á formación dos máis cativos/as.

Se queredes que Capacíta-T ou Mestúra-T visiten o voso colexio ou instituto, non tedes máis que poñervos en contacto con nós chamando ao 981 734 985. Estaremos encantados/as de coñecervos! Vémonos na próxima e grazas a todos/as por participar!