post

O alumnado do curso de Acondicionamento de Mobiliario Urbano e Xardíns pasa á acción

O mantemento de zonas verdes e a rehabilitación de material urbano centran a actividade formativa dos/as 12 alumnos/as do obradoiro subvencionado pola Fundación ONCE e co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) e a asociación Íntegro.

O obradoiro de Acondicionamento de Mobiliario Urbano e Xardíns que a asociación Íntegro está a desenvolver na Casa do Oleiro de Buño (Malpica) marcha a bo ritmo. Os/as 12 alumnos/as con diversidade funcional da Costa da Morte que participan nesta acción formativa, subvencionada pola Fundación ONCE no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social 2014-2020 e co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) e a nosa entidade, están a facelo tan ben que xa comezaron a verse os primeiros resultados. E son espectaculares!

Ademais das clases teóricas, impartidas de luns a venres -de 09:30 a 14:30 horas- pola empresa de xestión social +Porvir, o alumnado está realizando as prácticas correspondentes tanto no taller de carpintería de Anos (Cabana) como nas zonas verdes e axardinadas, cedidas polo Concello de Malpica. Neste sentido, esta semana, xunto ás labores de limpeza e mantemento en parques, xardíns e paseos, procederon á instalación de novas papeleiras e á reparación e rehabilitación dalgunhas balaustradas que se atopaban en mal estado.  

Con esta iniciativa, posta en marcha o pasado 1 de marzo, preténdese promover a igualdade, o benestar e a inclusión social das persoas con diversidade funcional, e incrementar o número de contratacións para mellorar a empregabilidade dun colectivo en situación de vulnerabilidade e/ou risco de exclusión. A clausura do curso está prevista para o próximo 15 de xuño.

post

O PIMD Rural volve a Malpica con novas accións formativas e un servizo de asesoramento continuo

O Alcalde e a concelleira de Servizos Sociais asinaron onte o convenio de colaboración con Íntegro tras visitar as instalacións de Nantón

O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade no ámbito Rural (PIMD Rural), promovido por Íntegro,  volve a estar de actualidade. Onte asinouse no Centro de Recursos de Nantón un convenio de colaboración co Concello de Malpica para a posta en funcionamento do novo servizo de asesoramento e intervención integral a persoas con diversidade funcional, especialmente mulleres, co-financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE).

En presencia da directora do centro, Noelia Barreira, o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco, formalizaron a súa adhesión, por terceiro ano consecutivo, ao PIMD Rural co obxectivo de promover a autonomía e a independencia das mulleres con disCapacidade que residen no rural de cara a súa plena integración na sociedade.

 

Para elo, levaranse a cabo unha serie de accións formativas dirixidas a mellorar a capacitación profesional e o emprego dun colectivo en situación de especial vunerabilidade. Ademais, as usuarias deste servizo disporán de asesoramento continuo, información sobre recursos individualizados e específicos, apoio e acompañamento na tramitación de xestións burocráticas así como atención individualizada sobre aspectos relacionados coa diversidade, ao igual que as familias con membros en situación de dependencia. As persoas interesadas deberán dirixirse ao punto de intervención que estará situado no departamento municipal de Servizos Sociais.

Visita ás instalacións

Antes da sinatura do convenio, os representantes municipais tiveron tempo de realizar un minucioso percorrido polas instalacións de Nantón para coñecer de primeira man algunas das melloras realizadas no centro e visitar os obradoiros ocupacionais nos que estaban a traballar os nosos usuarios e usuarias. Tanto o Alcalde como a Concelleira foron agasallados con xabóns de glicerina da colección Bicos de Amora.

Os representantes municipais levaron cadanseu xabón de glicerina da colección Bico de Amora

 

 

 

 

Desde Íntegro tamén queremos agradecer a participación do Concello de Malpica no obradoiro de Acondicionamento de Mobiliario Urbano e Xardíns, mediante a cesión dun aula na Casa do Oleiro de Buño para as clases teóricas e a dispoñibilidade de diferentes zonas verdes e axardinadas do municipio para a realización das prácticas. Unha nova acción, co-financiada pola Fundación ONCE e o Fondo Social Europeo (FSE),  que vén a refozar o seu compromiso coa integración social, educativa e laboral das persoas con diversidade funcional da contorna.

post

Estudantes do CEIP Canosa-Rus protagonizan unha nova edición da campaña de lesións medulares

Varios membros de Íntegro visitaron o centro coristanqués para conversar cos alumnos/as de 6º de primaria  

Esta semana os alumnos e alumnas do CEIP Canosa Rus de Coristanco foron os protagonistas dunha nova edición da campaña de lesións medulares que Íntegro está a impartir nos centros educativos da Costa da Morte coa finalidade de informar e concienciar aos escolares de primaria e secundaria sobre as principais causas e consecuencias de sufrir un accidente medular así coma da importancia da súa prevención.

Na xornada de sensibilización o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña; a traballadora social, Sandra Reimúndez, e Teresa Alvarellos, socia e voluntaria da entidade, foron os encargados de achegar aos nenos e nenas de 6º de primaria o día a día de quen padece unha doenza medular facendo especial fincapé na necesidade de evitar a práctica de actividades de risco como os mergullos en praias e piscinas, principal causa deste tipo de lesións entre os máis pequenos.

Ao longo da sesión, os/as escolares tamén tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man algúns testemuños reais como o de Teresa Alvarellos, colaboradora da campaña de prevención e lesionada medular por mor dun accidente de tráfico. Un exemplo de superación e forza que espertou o interese e a curiosidade do alumnado con preguntas relacionadas co seu día a día. A accesibilidade universal e as dificultades coas que se atopan a cotío as persoas con mobilidade reducida foron outros dos asuntos que espertaron o interese dos/as escolares.

 

Esta iniciativa, que se está levando a cabo con gran éxito dende hai anos en numerosos colexios e institutos da nosa contorna, está co-financiada pola Xunta de Galicia e a Deputación de A Coruña. Así mesmo, tamén conta coa colaboración de numerosos concellos da Costa da Morte e varias empresas de carácter privado.

 

A seguinte parada da campaña de prevención terá lugar mañá e o vindeiro venres no IES Agra de Leborís (Laracha). Ademais da habitual charla- coloquio cos alumnos/as, proxectarase o último vídeo editado pola entidad “A ti tamén che pode pasar”, no que profesionais médicos e testemuñas reais analizan as causas e consecuencias de sufrir un accidente medular.  

 

 

post

Íntegro ofrecerá este venres unha charla sobre lesións medulares no Centro de Día de Cabana

Con esta actividade, de balde e aberta á cidadanía, a entidade amplía o seu programa de sensibilización social a outros ámbitos e colectivos de risco

Esta semana a campaña de prevención de lesións medulares de Íntegro traspasará as aulas dos centros educativos da Costa da Morte para informar e concienciar a novos colectivos sociais sobre a importancia de evitar prácticas de risco que poidan derivar en doenzas irreparables. E é que as estatísticas falan por si soas! Mentres que o número de lesións por sinistros de tráfico e/ou mergullos en praias e piscinas está diminuíndo nos últimos anos entre a mocidade grazas, en boa parte, ás accións de sensibilización que se están levando a cabo en colexios e institutos, os accidentes domésticos e as caídas fortuítas no ámbito do traballo estanse a cobrar cada vez máis vítimas, especialmente entre a poboación adulta. Por iso, desde a entidade de Nantón decidimos ampliar o programa de re-educación social poñendo en marcha novas actividades dirixidas ao público en xeral. A primeira delas terá lugar o vindeiro venres a partir das 11h no Centro de Día de Cabana de Bergantiños, situado na parroquia de Neaño (Estrada do Bosque, 69).

A xornada comezará cunha charla informativa para dar a coñecer as principais causas e consecuencias de sufrir un accidente medular facendo especial fincapé na importancia da prevención. Ademais, proxectarase o novo vídeo da campaña deste ano que leva por título “A ti tamén che pode pasar” (dispoñible no noso canal de Youtube e en www.integro.es), no que un médico, unha enfermeira e un terapeuta ocupacional da Unidade de Lesionados do CHUAC analizan as situacións de perigo que orixinan estas doenzas e as medidas que debemos tomar para evitalas. Na proxección tamén interveñen testemuñas reais que relatan en primeira persoa as súas experiencias. Entre outros, varios membros de Íntegro, colaboradores habituais da campaña e protagonistas involuntarios aos que un día unha lesión medular lles cambiou a vida. Algúns deles/as acudirán á cita para expoñer as súas vivencias e amosar os seus exemplos de loita, fortaleza e superación. Tamén os/as acompañarán a educadora social Tania Bartucca e o presidente da entidade, Adolfo López Baña.

 

 

 

 

Desde os seus inicios, asociación Íntegro desenvolveu unha importante e extensa labor divulgativa en favor de prevención de lesións medulares. Durante máis dun cuarto de século puxéronse en marcha numerosos proxectos de sensibilización social co único propósito de informar, primeiro, e concienciar, despois, á cidadanía e especialmente aos máis novos, por ser o colectivo máis vulnerable. Neste sentido, durante a presentación da campaña deste ano, López Baña aseguraba que “se en todos estes anos evitamos un só caso, xa pagou a pena”.

Agora este ambicioso proxecto, co-financiado pola Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña ademais da colaboración das administracións locais e algunhas empresas privadas, traspasará as aulas dos centros de primaria e secundaria da Costa da Morte para estenderse a outros ámbitos como o do fogar ou o do traballo, e a outros grupos en situación de risco como o dos/as profesionais do campo ou da construción e as persoas de idade avanzada.

Desde Íntegro queremos convidar á cidadanía a asistir á charla informativa do vindeiro venres e participar activamente na mesma aportando as súas propias experiencias e/ou propoñendo as dúbidas ou suxestións que considere oportunas e de interese. A entrada será de balde.    

post

A Diverescola aterra no CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso con xogos e obradoiros de habilidade

Máis de 40 alumnos/as de 3º e 4º de primaria experimentaron a diversidade na súa propia pel   

Esta mañá as aulas de 3º e 4º de primaria do CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso abriron as súas portas a unha nova edición da Diverescola, a versión máis infantil de Capacíta-T, un programa de sensibilización e concienciación social en materia de diversidade e inclusión.

Unha vez máis, os máis madrugadores foron os máis pequenos/as. Preto de 20 alumnos e alumnas de terceiro curso recibiron ansiosos/as e con gran expectación a visita dos representantes de Íntegro. Nesta ocasión, unha educadora social e unha monitora de ocio e tempo libre foron as encargadas de achegar aos estudantes conceptos como a diversidade funcional, a inclusión e a igualdade, sobre os que xa tiñan ideas preconcibidas. E aínda que o resultado foi moi positivo e a gran maioría aseguraron coñecer de preto a persoas con discapacidade, moi poucos/as eran conscientes das dificultades e os obstáculos do seu día a día. O mesmo aconteceu cos 26 alumnos/as de 4º de primaria cos que se reuniron a continuación para abordar, a través do xogo e o entretemento, valores como a empatía e o respecto.

A xornada, que transcorreu entre actividades lúdicas e obradoiros de habilidade, deixou momentos divertidos e moi simpáticos nos que os/as nenos/as volveron a sorprender facendo gala da súa naturalidade e espontaneidade. Tras unha pequena rolda de presentacións, os/as cativos/as pasaron á acción para poñer a proba a súa destreza e meterse de cheo na pel das persoas que padecen algunha discapacidade. Pese a que os retos eran complicados, todos foron superados con éxito grazas á súa constancia, esforzo e tesón, unha mostra máis da capacidade de asimilación e adaptación dos máis pequenos/as.

Actividades sen mans!

Ademais do tradicional circuíto de obstáculos, que nesta ocasión percorreron coa visión reducida, tamén realizaron un taller de pintura sen mans, empregando só os pés ou a boca. Pero o exercicio máis difícil e anecdótico chegou cando tocou facer o bocadillo, unha acción cotiá e sinxela se non fose porque só podían usar unha man, algo que a máis de un/ha lle fixo suar a camiseta e, sobre todo, os dedos. Finalmente, proba superada e con recompensa!

 

Desde Íntegro queremos agradecer aos alumnos/as, mestres/as e equipos de dirección de todos os centros educativos a súa participación e implicación neste proxecto, que ademais de ser unha experiencia moi positiva e enriquecedora, supón unha aprendizaxe en valores e unha aposta pola educación inclusiva dende a infancia. Confiamos en que a Diverescola siga medrando entre a comunidade educativa ata chegar a todos os colexios da Costa da Morte como un complemento á formación dos máis pequenos/as.

 

 

 

 

 

 

 

Os colexios que estean interesados en acollerse a este programa non teñen máis que poñerse en contacto coa asociación Íntegro chamando ao 981 734 985 e concretar a data que máis lles conveña.

 

 

post

Aberta a inscrición para o curso de Acondicionamento de Mobiliario Urbano e Xardíns

  • Trátase dunha acción formativa subvencionada pola Fundación ONCE dentro do Programa Operativo de Inclusión e Economía Social co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE)
  • O obradoiro está dirixido a persoas con diversidade funcional que estean inscritas como demandantes de emprego

En Íntegro estamos de parabéns porque a partir de hoxe unha nova acción formativa vai a sumarse ao plan de capacitación posto en marcha pola asociación para dotar ás persoas con diversidade funcional da Costa da Morte das ferramentas necesarias para a mellora do emprego e o desenvolvemento dunha vida plena e autónoma.

A Fundación ONCE, a través da súa Convocatoria Xeral de Axudas Económicas,  vén de conceder á entidade con sede en Nantón unha subvención para a realización dun curso de Acondicionamento de Mobiliario Urbano e Xardíns, enmarcado no Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social 2014-2020 co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE).

O curso, que se desenvolverá entre o 1 de marzo e o 15 de xuño, constará dun máximo de 12 prazas, un número moi reducido para garantir unha atención individualizada e adaptada ás necesidades de cada alumno/a e facilitar a realización da formación práctica.

Con esta acción formativa, especializada e acorde á demanda do mercado actual, preténdese acadar a inserción laboral dunha elevada porcentaxe de participantes, ao igual que xa sucedeu en ocasións anteriores noutros cursos destas características.

Inscrición

Dende hoxe e ata o vindeiro 28 de febreiro procederase á selección de candidatos/as para formar parte deste obradoiro.  As persoas que desexen participar só deberán cumprir dous requisitos: ter recoñecida algunha discapacidade e estar inscritos/as como demandantes de emprego. Se estás interesado/a en recibir máis información non dubides en poñerte en contacto con nós chamando ao 981 734 985, de luns a venres en horario de 09 a 17h. Anímete e aposta pola túa formación. Poida que o teu futuro dependa diso. Agardámoste!

post

A campaña de prevención de lesións medulares chega ao CPI As Revoltas de Cabana

45 alumnos/as de 3º e 4º da ESO amosaron a súa destreza nas probas de mobilidade reducida

“A ti tamén che pode pasar” é o título do vídeo elaborado pola asociación Íntegro para informar e sensibilizar á poboación sobre os accidentes medulares. E, este curso académico, os responsables da entidade decidiron incorporalo á campaña de prevención de lesións medulares que están a levar a cabo nos centros educativos da Costa da Morte para achegar aos máis novos/as o día a día das persoas que padecen esta doenza e conciencialos/as sobre as importancia de previr riscos innecesarios.

Hoxe tocoulle a quenda a un grupo de 45 alumnos e alumnas do CPI As Revoltas, en Cabana de Bergantiños. E parece que o dito máis vale unha imaxe que mil palabras calou fondo entre os adolescentes de 3º e 4º da ESO que seguiron con gran atención o contido dun documental que lles fixo ver de fronte como unha imprudencia che pode cambiar a vida. Tras a proxección do vídeo, o presidente de Íntegro Adolfo López Baña insistiu, durante a charla informativa,  na necesidade de evitar prácticas de risco, especialmente ao volante e en praias e piscinas, principais causantes da maioría dos accidentes irreversibles entre a mocidade da nosa contorna.

Xunto a López Baña tamén estiveron outros membros da asociación como o vogal David Pombo e Teresa Fuentes, voluntaria e socia. Ambos relataron as súas experiencias sobre unha cadeira de rodas e explicaron as dificultades que han de superar cada día para o desempeño das súas actividades cotiás. Uns testemuños que, sen dúbida, espertaron o interese e a curiosidade dos/as escolares que non perderon detalle das intervencións como ben demostraron máis tarde cando tocou pasar á acción. Porque despois da teoría, chegou a práctica e, axudados por unha monitora do centro e varios usuarios/as, os e as estudantes foron poñendo a proba a súa habilidade nun circuíto de obstáculos coa mobilidade reducida. Mestres/as e alumnos/as decidiron subirse á cadeira de rodas para poñerse na pel das persoas con discapacidade e ser quen de ver as barreiras que a diario nos resultan invisibles. Un exercicio que foi superado con nota pola súa destreza e, sobre todo, pola súa sensibilidade e a incrible capacidade de empatía e adaptación.

Esta actividade está co-financiada pola Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña e conta ademais coa colaboración das administracións locais e de numerosas empresas privadas.

post

Axudante de cociña e peón de xardinaría, novas oportunidades para o emprego en Íntegro

  •  Ambas accións formativas, destinadas á mellora do emprego, están subvencionadas pola Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE) dentro do Programa Operativo de Galicia 2014-2020
  • As clases están formadas por un máximo de dez alumnos/as con diversidade funcional para ofrecer unha atención individualizada e adaptada ás súas necesidades

En Íntegro temos claro os nosos propósitos para o 2018 e sabemos como conseguilos. Unha das nosas prioridades é acadar a inserción laboral das persoas con diversidade funcional e, especialmente, das que residen no medio rural. Para logralo, dende a entidade apostamos por unha formación de calidade, individualizada e adaptada ás súas necesidades. O Centro Especial de Emprego e o Centro de Recursos, situados na localidade cabanesa de Nantón, desenvolven numerosas acción formativas, co-financiadas pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE) dentro do Programa Operativo de Galicia 2014-2020, coa finalidade de mellorar a empregabilidade dun dos colectivos máis vulnerables da sociedade actual e garantir a igualdade de oportunidades e acceso ao mercado de traballo.

Na actualidade, son varios os cursos que conforman o programa de formación integral e inclusivo elaborado para este ano. Un dos máis avanzados é o de Axudante de Cociña que se está a impartir nas nosas instalacións dende o pasado 11 de decembro. Este obradoiro, de 78 horas de duración, está formado por un total de dez persoas, 4 homes e 6 mulleres, con diversidade funcional e procedentes de diferentes municipios da Costa da Morte.

E contra todo prognóstico, a eles non se lles está dando nada mal! Mentres que elas se mostran máis rápidas e resolutivas entre os fogóns, eles semellan máis ordenados e tranquilos, aínda que igual de eficientes tanto na elaboración dos pratos como na presentación dos mesmos. A manipulación dos alimentos e a hixiene e limpeza na cociña son outras das materias que xa dominan tamén á perfección.

Ademais das sesións teórico-prácticas, impartidas por persoal cualificado, tamén se inclúen competencias transversais e prácticas en empresas unha vez rematadas as clases, previsto para o 23 de marzo. Esperemos que tanto esforzo, ilusión e bo facer teña a súa recompensa e se traduza en postos de traballo estable e de calidade. Sorte a todos/as!

E quen está de sorte son os/as amantes da xardinaría porque mañá dará comezo unha nova acción de formación co-financiada pola Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo (FSE), e especializada no coidado e mantemento de zonas verdes. Poderán participar ata un máximo de dez persoas con diversidade funcional coa finalidade de ofrecer unha atención individualizada e adaptada ás necesidades de cada alumna/o. Se estás interesada/o en formar parte do curso de Peón de Xardinaría, que se impartirá ata o 28 de marzo (104 horas), consulta a dispoñibilidade de prazas no 981 734 985.

post

A Diverescola de Íntegro visita o CPI de Zas

Preto de 40 alumnos e alumnas de infantil e primaria participaron no programa de sensibilización e visibilidade de persoas con diversidade funcional

Tras as vacacións de Nadal e coas aulas dos colexios da Costa da Morte repletas de escolares, a asociación Íntegro botou a andar unha nova edición do programa de sensibilización e visibilidade de persoas con diversidade funcional, Diverescola. Nesta ocasión, a versión máis infantil de Capacíta-T trasladouse ata o CPI de Zas para visitar aos alumnos e alumnas dos primeiros ciclos educativos e conciencialos/as en materia de diversidade e á inclusión. E para elo, nada mellor que o xogo e o entretemento.

O pasado venres, 26 escolares de infantil e 12 de primaria participaron na primeira sesión de 2018 do programa Diverescola, unha iniciativa que achega aos máis cativos/as o día a día das persoas con diversidade. A xornada, que deixou momentos simpáticos e sorprendentes, desenvolveuse entre contacontos de sensibilización e diferentes actividades lúdicas nas que se empregaron técnicas de caracterización para representar algunhas das escenas máis cotiás da vida de quen padece algún tipo de discapacidade. Tamén se levaron a cabo pequenos circuítos de obstáculos para poñer a proba a destreza e habilidade dos nenos e nenas coa mobilidade reducida. E foron, precisamente, os/as máis pequenos/as quen, unha vez máis, nos deixaron impresionados/as coa súa naturalidade, espontaneidade e gran capacidade de asimilación.

Ademais de tratarse dunha experiencia moi positiva e enriquecedora, a Diverescola ven a reforzar a aposta da entidade por unha educación inclusiva dende a infancia e unha aprendizaxe en valores. Desde Íntegro agardamos que este programa de educación infantil siga medrando entre a comunidade educativa ata implantarse nos centros de ensino da Costa da Morte como un complemento á formación dos máis cativos/as.

 

 

 

Os colexios que estean interesados en acollerse a este programa non teñen máis que poñerse en contacto coa asociación Íntegro chamando ao 981 734 985 e concretar a data que máis lles conveña. Estaremos encantados/as de coñecervos. Ata a próxima!

Lesións medulares

E dunhas aulas pasamos a outras porque a semana que vén Íntegro retomará a campaña de prevención de lesións medulares que está a impartir nos centros de primaria e secundaria da Costa da Morte para concienciar ao alumnado sobre as causas e consecuencias de sufrir un accidente medular. A cita será o vindeiro día 30 no CPI As Revoltas, en Cabana de Bergantiños.

 

post

Íntegro combate o desemprego na Costa da Morte con novas accións formativas

Trátase de cursos de capacitación para persoas con diversidade funcional cofinanciados pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo

Esta semana coñeciamos as demoledoras cifras sobre a inserción laboral de persoas con diversidade funcional na Costa da Morte facilitadas pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI). Das preto de 1.000 persoas que están a buscar emprego tan só 73 o atoparon o ano pasado e 76 en 2016. Datos preocupantes para un colectivo que reclama a igualdade de oportunidades a nivel social e laboral para a súa plena autonomía. Ante esta situación nada optimista o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, subliñou que “as posibilidades para os demandantes do ámbito rural redúcense aínda moito máis debido ás distancias que hai que percorrer e á escaseza de recursos laborais e formativos”. Para el “a inserción sociolaboral require de múltiples apoios especiais interrelacionados entre si para que sexa efectiva e definitiva ou, alomenos, estable no tempo”. E a clave está no acceso á información, o asesoramento e a formación continuada.

Desde Íntegro temos claro como logralo e niso traballamos desde hai anos. Tanto o Centro de Recursos de Nantón como o noso Centro Especial de Emprego desenvolven de forma permanente numerosas accións formativas cofinanciadas pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE), dentro do Programa Operativo de Galicia 2014-2020.

Na actualidade, a entidade está a levar a cabo un amplo programa de formación integral e inclusivo coa finalidade de promover a igualdade de oportunidades, a través da capacitación dos /as alumnos/as, e facilitar os recursos necesarios para mellorar a empregabilidade dun dos colectivos máis vulnerables. Para elo, en cada curso facilítase información específica sobre cada especialidade así como competencias transversais e prácticas en empresas.

E os primeiros froitos non se fixeron esperar. O pasado 29 de novembro remataba o curso de Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais, de 208 horas de duración, cunha boa nova grazas á inserción laboral dun dos/as participantes. Outro dos obxectivos acadados foi lograr que un grupo de persoas, ata ese momento inactivas, tomaran as rendas e pasaran á acción para realizar unha busca activa de emprego como demandantes plenamente cualificados/as.

Tamén os fogóns están a espertar gran interese entre o alumnado do obradoiro de Axudante de Cociña que se imparte nas instalacións de Nantón dende o 11 de decembro. 78 horas teórico-prácticas para aprender, compartir e gozar dunha experiencia formativa que rematará o vindeiro 23 de marzo cunha entrega de diplomas e quen sabe se con algún contrato de traballo xa asinado.

 

Novos cursos

Pero 2018 tamén arrinca con novos cursos, cofinanciados pola Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE). O primeiro deles será o de Peón de Xardinaría, que dará comezo o vindeiro venres e prolongarase ata o 28 marzo, cunha duración de 104 horas lectivas. Do 2 de abril ao 29 xuño terá lugar un obradoiro especializado en Auxiliar de Almacén, de 192 horas. Cada unha das accións formativas desenvólvense en grupos de traballo moi reducidos, integrados por un máximo de 10 alumnos/as, co obxectivo de ofrecer unha atención individualizada e adaptada ás necesidades de cada un/ha.

As persoas interesadas en participar nas vindeiras sesións aínda están a tempo de inscribirse chamando ao 981 734 985 ou achegándose ata as nosas oficinas de Nantón (Cabana) en horario de 9 a 17h. Dáte présa que as prazas son limitadas!