post

A Diverescola enche de xogos e contacontos as aulas do CPI Xosé Pichel de Coristanco

Máis de 60 nenos e nenas participaron nunha xornada de sensibilización incluída no programa Capacíta-T

Os alumnos/as de infantil e primaria do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco convertéronse onte nos protagonistas dunha nova edición da Diverescola, unha iniciativa promovida por Íntegro, no marco do programa Capacíta-T, para achegar aos máis cativos/as a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento.

Durante algo máis de dúas horas, as aulas do centro educativo mudaron o seu aspecto para converter os pupitres dos alumnos/as de 1º de primaria en improvisados circuítos de obstáculos e os libros en leccións orais e contacontos de vida e superación, no caso dos/as escolares de infantil. Así, a primeira hora da mañá a nosa monitora de ocio e tempo de lecer Lucía Blanco, acompañada por dous dos nosos usuarios/as, iniciaba unha xornada de sensibilización, incluída na Semana Cultural do centro, repleta de xogos na que participaron 62 nenos e nenas que agardaban ansiosos/as e con expectación a visita da asociación Íntegro.

Aínda que moitos/as aseguraron coñecer a persoas con diversidade funcional na súa contorna, moi poucos sabían do seu día a día. E para descubrilo, nada mellor que poñerse na súa propia pel poñendo a proba as súas habilidades e a súa destreza a través da realización dunha serie de xogos de barreiras que consistiron en escribir coa man que non empregan habitualmente e descubrir obxectos cos ollos tapados. Pese á dificultade das probas, todos os/as participantes lograron superalas con nota facendo gala dunha excelente capacidade de adaptación e empatía.

Desde Íntegro queremos agradecer a participación de todos os centros educativos da Costa da Morte neste proxecto, encamiñado a promover unha aprendizaxe en valores e unha aposta pola educación inclusiva dende a infancia. 

 

 

post

Estudantes do CEIP Labarta Pose de Baio percorren en Íntegro o camiño da diversidade

39 alumnos/as de 5º e 6º de primaria participaron esta semana nunha nova edición de Visítanos! 

O pasado martes recibimos coas portas abertas, e os brazos tamén, a un grupo de alumnos e alumnas do CEIP Labarta Pose de Baio (Zas) nunha nova edición de Visítanos!, unha actividade formativa destinada a educar, concienciar e capacitar aos máis pequenos/as en materia de diversidade, incluída no programa Capacíta-T. Un total de 39 nenos e nenas de 5º e 6º de primaria percorreron as instalacións de Nantón, acompañados polos seus mestres/as e os nosos usuarios/as e traballadores/as, decididos/as a coñecer de preto o noso día a día e descubrir algunhas das actividades que se realizan nos obradoiros do Centro Ocupacional e do Centro de Día.

E foi precisamente nos talleres que visitaron ao longo da mañá onde xurdiron algunhas das preguntas máis curiosas relacionadas coa inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional. Moitos/as deles/as recoñeceron posuír ideas preconcibidas e en materia de discapacidade e comprometéronse a aportar o seu gran de area para camiñar con paso firme cara unha sociedade máis inclusiva, xusta e igualitaria onde todos e todas teñamos os mesmos dereitos e as mesmas oportunidades.

Durante a súa estancia en Íntegro, os alumnos/as tiveron tempo de pasar polo ximnasio e comprobar en primeira persoa o que custa manterse en forma na sala de fisioterapia: bicicleta elíptica, cinta de correr, traballo de musculatura,….todo vale cando se trata de gañar en benestar e saúde. Tamén amosaron gran interese na aula de informática e na de artes manuais onde puxeron en práctica algúns consellos dos nosos usuarios/as. A confección de pulseiras de macramé foi unha das actividades máis aplaudidas polos rapaces/as xunto co obradoiro de cociña, no que realizaron unhas riquísimas galletas de manteiga. Pero un dos momentos máis alegres e divertidos tivo lugar no departamento de logopedia durante a sesión de risoterapia onde aprenderon a importancia de rir e de rirse de si mesmos/as para gañar en felicidade e optimismo.

Hidroponía

Xa nos invernadoiros, os/as estudantes foron testemuñas dunha excelente masterclass sobre cultivos hidropónicos, un método innovador que tamén empregamos en Íntegro utilizando-en vez de terra- un medio acuoso e os nutrientes necesarios para proporcionar alimento ás plantas. Tras a explicación dos nosos técnicos, seguida con gran entusiasmo e expectación, a curiosidade dos nenos/as deu paso á imaxinación cunha interminable batería de preguntas para as que non sempre había fácil resposta.

Como xa é costume, houbo xogos con barreiras para poñer a proba a destreza dos alumnos/as superando obstáculos sobre unha cadeira de rodas e poñéndose, por uns intres, no lugar das persoas con mobilidade reducida. Finalmente, compartimos as experiencias vividas ao longo da xornada e as súas impresións sobre o centro. E, coma sempre, deixáronnos sen palabras. Agora, todos/as teñen máis claro que a diversidade é cuestión de capacidades, non de disCpacidades. Para nota!

Grazas pola visita. Ata a próxima!