post

O Programa Operativo de Emprego Xuvenil posibilita a contratación dunha técnica en Educación Infantil

A subvención concedida polo Fondo Social Europeo e a Xunta de Galicia terá unha duración de sete meses

Nos últimos anos, tanto o Centro de Día como o Centro de Recursos de Íntegro están a experimentar un crecemento constante no volume de actividades e programas dirixidos a persoas con diversidade funcional da Costa da Morte para contribuír así a mellorar a súa calidade de vida e acadar a súa plena inclusión na sociedade. Pero a ampliación da oferta formativa leva parella, ademais dun notable incremento de contidos en materia de capacitación, emprego ou  sensibilización social, a ampliación do noso cadro de persoal co obxectivo de atender unha demanda cada vez maior, máis esixente e con novas necesidades. Así, desde a entidade de Nantón (Cabana) apostamos pola formación continuada dos nosos traballadores/as e a adhesión a  programas de cooperación que promovan a contratación de novos profesionais destinados a favorecer a diversidade social dos colectivos máis vulnerables e/ou en risco de exclusión.   

Neste sentido, desde o pasado día 1 o noso cadro de persoal viuse ampliado grazas á incorporación dunha nova traballadora. Trátase dunha técnica especialista en Educación Infantil contratada a través dun programa de cooperación posto en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e as entidades sen ánimo de lucro, coa finalidade de mellorar a empregabilidade e a inserción profesional daqueles mozos e mozas inscritos/as no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, dentro do ámbito do Programa Operativo de Emprego Xuvenil. Dita subvención está co-financiada nun 91,89% polo Fondo Social Europeo (FSE) e a Iniciativa de Emprego Xuvenil.

Ao longo dos próximos sete meses, a nova experta en Educación Infantil encargarase, por unha banda, de levar a cabo a planificación, deseño e desenvolvemento dalgúns dos talleres do Centro de Día e do Centro Ocupacional e, pola outra, da formación das persoas con diversidade funcional que asisten de forma regular aos nosos obradoiros ocupacionais e das que participan esporadicamente nalgunha acción formativa concreta ao longo do ano. Ademais, participará activamente no noso programa de ocio e tempo de lecer para complementar e ampliar os servizos prestados polo equipo de monitores/as. Un axuda extra que será ben recibida tendo en conta que nos últimos meses incrementouse o número de usuarios/as chegando a situarse na actualidade en 40 persoas.

Funcións:

  • Organización e desenvolvemento de talleres de artes manuais (bixutería, elaboración de xabóns, pintura…).
  • Realización de obradoiros de formación e capacitación (escola de adultos, novas tecnoloxías, formación especifica para a ESA, competencias clave…).
  • Programa e avalía os procesos educativos.
  • Desenvolvemento de actividades destinadas á creación de novos hábitos para o fomento da autonomía.
  • Realización de metodoloxías de xogo para estimular a creatividade, a iniciativa e a disciplina.
  • Deseñar saídas de ocio e lecer adaptadas ás preferencias e necesidades dos usuarios/as do centro.

Con esta nova contratación, englobada no Programa Operativo de Emprego Xuvenil, esperamos poder mellorar e incrementar a atención ás persoas con diversidade funcional da Costa da Morte e ás súas familias para a consecución dunha vida independente e autónoma.

 

post

Íntegro contará cunha educadora social grazas ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil

Dita contratación está subvencionada polo Fondo Social Europeo e a Xunta de Galicia

Cada vez son máis as persoas con diversidade funcional da Costa da Morte que solicitan os servizos especializados do Centro de Recursos e do Centro de Día da asociación Íntegro. Coa finalidade de atender esta incesante demanda, dende a entidade de Nantón (Cabana) estase a incrementar o volume de actividades e programas dirixidos a tal fin. A ampliación da oferta formativa non só pasa pola ampliación de contidos en áreas como a formación, o emprego ou a sensibilización social senón que tamén require da contratación de novos/as profesionais orientados/as á programación e desenvolvemento de iniciativas que favorezan a inclusión e a diversidade social dos colectivos máis vulnerables e/ou en risco de exclusión.

Neste senso, este mes o cadro de persoal de Íntegro veuse ampliado coa incorporación dunha nova traballadora. Trátase dunha educadora social contratada dende o pasado día 19 a través dun programa de cooperación entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e as entidades sen ánimo de lucro, coa finalidade de mellorar a empregabilidade e a inserción profesional de persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito do Programa Operativo de Emprego Xuvenil. Dita subvención está cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE) e a Iniciativa de Emprego Xuvenil nun 91,89%, a través do Programa Operativo de Emprego Xuvenil.

Entre as funcións a desempeñar pola nova educadora social nos vindeiros sete meses destaca a de potenciar as habilidades sociais e a inclusión laboral dos usuarios e usuarias do Centro Ocupacional Íntegro así como das persoas con diversidade e/ou con especial necesidade de atención en áreas ou servizos específicos. Para elo, poranse en marcha accións encamiñadas a favorecer o desenvolvemento persoal e social e de apoio en campañas de sensibilización ou actividades de ocio así como na realización dos diferentes obradoiros que se leven a cabo na entidade. Así mesmo, cómpre facer mención especial ao programa integral de emprego que se levará a cabo tanto a nivel grupal como individual e que consistirá nunha atención educativa e formativa especializada, permanente orientación e acompañamento ao emprego e a prospección e intermediación no mercado laboral coa finalidade de adecuar oferta ás necesidades da demanda.

Funcións

  • Favorecer o desenvolvemento persoal e social pleno das persoas con diversidade funcional (potenciando a súa capacidade de decisión e de resolución de problemas).
  • Dar apoio nas actividades da comunidade (execución de talleres de habilidades sociais, acompañamento en ocio, …).
  • Atención educativa e formación especifica para o emprego (cursos de alfabetización, preparación de oposicións, obradoiros especificos…).
  • Orientación e acompañamento ao emprego (análise de postos de traballo e busca de seguemento, interacción cos equipos de RRHH, compromiso coas políticas de Responsabilidade Social Corporativa e apoio na xestión da diversidade).
  • Prospección e intermediación no mercado laboral ( labor de prospección do mercado de traballo e das ofertas de emprego, ao tempo que se ofrece un sistema de intermediación ás empresas co obxectivo de encaixar oferta e demanda. Bolsa de Emprego con perfís adaptados as necesidades de cada empresa).
  • Apoio nas campañas de Sensibilización levadas a cabo pola entidade (Capacíta-T, Visítanos! Campaña de prevención de lesións medulares…).

Grazas a esta nova acción de contratación, englobada no Programa Operativo de Emprego Xuvenil, confiamos en poder seguir proporcionando novos servizos ás persoas con diversidade funcional da Costa da Morte e ás súas familias para lograr a súa inclusión social e a consecución dunha vida independente e autónoma.