post

SOS SOIDADE, EU TAMÉN CONTO

DÍA INTERNACIONAL E EUROPEO DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

Con motivo do Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade, que cada ano celébrase o día 3 de decembro, no correspondente ao ano 2019, o movemento social CERMI fai público o seguinte

MANIFESTO

A soidade non desexada é unha das secuelas das sociedades chamadas a si mesmas avanzadas. As mulleres e homes con discapacidade enfróntense no seu día a día a situacións de illamento social, de separación da vida en comunidade, que provocan maiores doses de soidade forzosa. As causas desta soidade son moitas e acumulativas: a falta de accesibilidade das contornas, produtos e servizos; a imposibilidade ou a dificultade extrema de exercer os dereitos fundamentais; a inactividade obrigada; a ausencia estendida de apoios para unha autonomía persoal efectiva; residir en medios con escaseza de recursos pola deficiente e non equitativa distribución dos mesmos, como é o rural; a pervivencia no imaxinario social de actitudes reticentes e negativas sobre o valor das persoas con discapacidade, etc. En definitiva, a exclusión e a discriminación estruturais cara a este grupo cidadán intensifican a soidade forzosa.

A soidade non querida neste grupo social non é uniforme. As persoas con discapacidade en maior risco de exclusión son quen máis expostas están á soidade non desexada: persoas maiores, infancia vítima de violencia, persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento, ou con problemas de saúde mental, con discapacidades adquiridas na vida adulta ou na idade avanzada; e en xeral aquelas con grandes necesidades de apoio para a súa autonomía. Factores como o xénero, a idade, o tipo de discapacidade, a procedencia e o lugar de residencia, entre outras, provocan máis soidade. Todo o anterior multiplícase, se se trata de mulleres con discapacidade, consideradas desde calquera perspectiva interseccional: a soidade non desexada ten rostro preferente de muller.

Segundo os estudos sociolóxicos dispoñibles, máis dun 20 por cento das persoas con discapacidade viven soas e un 38 por cento destas persoas viven en soidade non desexada. O 74% das persoas con discapacidade que viven soas son mulleres. A miseria relacional -a ausencia de vínculos e relacións sociais intensas- é un feito agravado respecto das persoas con discapacidade. A soidade non querida/desexada é un fenómeno en crecemento, cun alto custo/prezo humano, social e sanitario, que ha de ser obxecto transversal de acción das políticas públicas, presentes e futuras.

A Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade obriga a eliminar os estereotipos desfavorables cara a este grupo social, para o que os Estados han de accionar percepcións positivas e unha maior toma de conciencia sobre o valor intrínseco das persoas con discapacidade e da súa contribución á sociedade. Este tratado de dereitos humanos xira ao redor de dous valores irrenunciables, a inclusión e a vida en comunidade, ferramentas ambas as das máis poderosas para mitigar o illamento e a soidade non desexada das persoas con discapacidade. Ademais, a Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable de Nacións Unidas impoñen que ningunha persoa quede á marxe nin atrás.

SOS SOIDADE

Porque vivo encerrada na miña casa sen ascensor…
Porque me quedei sen amizades ao ter que abandonar a miña vivenda por non reunir condicións de accesibilidade adecuadas á miña nova situación de discapacidade… Porque quedo illada nas conversacións, non podo acceder á información nin comunicarme…
Porque non podo traballar…
Porque son unha muller maior con discapacidade e non me permiten ter o control da miña vida…
Porque nunca se conta comigo, xamais se me pregunta que me gusta ou que me apetece…
Porque son maior e teño unha discapacidade e non dispoño de apoios para desenvolverme como me gustaría…
Porque dependo doutros para todas as actividades da vida e a miña vontade é negada… Porque non dispoño de asistente persoal…
Porque na miña escola sufro acoso escolar por razón de discapacidade…
Porque non podo ou non me deixan practicar o meu deporte favorito…
Porque teño que renunciar ao lecer e á cultura por falta de accesibilidade, non só dos recintos, senón tamén das películas e o teatro…
Porque vivo nunha contorna rural e non teño acceso a ningún recurso…
Porque teño unha discapacidade e vivo na rúa…
Porque a xente non sabe e non quere relacionarse comigo…
Porque lles parezo unha persoa rara…
Porque teño unha discapacidade e por iso póñense en cuestión as miñas decisións…

Por estas situacións e outras parecidas que vivimos diariamente, as mulleres e os homes con discapacidade, e as nosas familias, alzamos as voces para gritar:

SOS SOIDADE, eu tamén conto

E reclamamos a mobilización pública e cidadá para que coas estratexias adecuadas mitigar o gran mal do illamento social que devasta ás persoas con discapacidade, a través de iniciativas como:

• Dotar de accesibilidade universal ás contornas, produtos e servizos, comezando pola vivenda, para que as persoas con discapacidade non teñan dificultades engadidas de relación e participación sociais. Sen barreiras, a ameaza da soidade non querida reduciríase moito.
• Medidas vigorosas para diminuír a inactividade e o desemprego entre as persoas con discapacidade. A máis da inclusión laboral e traballo digno, os vínculos e as relacións aumentan.
• Adopción dunha Estratexia Estatal de Inclusión na Comunidade que permita ás persoas institucionalizadas vivir segundo os seus propios desexos e preferencias, acolléndose a fórmulas de vida inclusivas na comunidade.
• Ofrecer ás persoas con discapacidade e ás súas familias prestacións e servizos suficientes que promovan a autonomía persoal e potencien o desenvolvemento dunha vida independente.
• Impulso de campañas de toma de conciencia pública dirixidas a eliminar os estereotipos negativos cara ás persoas con discapacidade, cun enfoque colaborativo entre a sociedade civil organizada, os poderes públicos e os medios de comunicación e as propias persoas con Discapacidade.
• Contar con programas de apoio e acompañamento a familias de persoas con discapacidade, especialmente no momento da aparición ou coñecemento da discapacidade e durante a primeira infancia, se esta adquírese ao principio da vida.
• Posta en práctica real de iniciativas e programas de prevención das situacións de abuso e acoso escolar cara ao alumnado, especialmente se este presenta algunha discapacidade.
• Despregamento de programas activos dirixidos a persoas con discapacidade con obxecto de favorecer e reforzar as redes sociais e veciñais.
• Establecemento de solucións que apliquen a transformación dixital ao acompañamento e empoderamento das persoas maiores con discapacidade, cun enfoque colaborativo interxeracional.
• Medidas para fomentar o voluntariado activo das mulleres e os homes con discapacidade, estimulando o seu espírito de axentes de voluntariado por si mesmas e de participación social plena, como vías de tecer relacións sociais e abandonar a soidade.
• Aprobación dunha Estratexia Nacional de Desenvolvemento Rural Inclusivo que teña en conta ás persoas con discapacidade que residen na contorna rural en España, mellorando a súa participación, acceso a dereitos e benestar social.
• Formación de equipos profesionais dos servizos públicos que facilite a detección e intervención nas situacións de soidade non querida das persoas con discapacidade.
• Contar con información plenamente accesible sobre os recursos dispoñibles no ámbito da soidade non desexada para as persoas con discapacidade.
• Confección de estudos e investigacións sobre a soidade non desexada nas persoas con discapacidade.

En conclusión, o movemento CERMI apela á toma de conciencia deste crecente problema social, o da soidade non desexada, e convoca á acción pública e cívica para que coa achega de todas as persoas, incluíndo as que presentamos unha discapacidade, fagamos da vida en comunidade, sen restricións, unha experiencia rica, decente, intensa e extensa. Coa participación das mulleres e homes con discapacidade, sen illamento nin soidade forzosa, facendo realidade a inclusión, producirase unha enorme mellora persoal e colectiva.

Coruña, a 3 de decembro de 2019

 

 

post

Íntegro celebrará o Día da Diversidade en Carballo cun espectáculo de Mamá Cabra para todos os públicos

Os convites para asistir á actuación, que terá lugar na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo,  poden retirarse a partir do mércores 27 na biblio ata completar o aforo

O Día Internacional da Diversidade vense celebrando dende o ano 1992 co obxectivo de promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidades en todos os ámbitos da sociedade e o desenvolvemento, pero tamén de concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida política, social, económica e cultural. O 3 de decembro é, polo tanto, unha data para a reivindicación, pero tamén para a visibilización das diversidades e para a celebración. A Asociación Íntegro aposta este ano por unha conmemoración en clave festiva, tratando de achegar á cativada a ese modelo de sociedade inclusiva polo que levamos tantos anos traballando.

O Día da Diversidade celebrarase na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo cun espectáculo de Mamá Cabra, protagonizado por Gloria Mosquera e Diego Maceiras ao acordeón. Cos “Contos para un mundo mellor” queremos seguir avanzando na eliminación dos prexuízos sobre as persoas con discapacidade, e por iso convidamos ás familias a participar con nós dunha tarde de música e diversión.

A actuación comezará ás 18.00 horas, e ao remate teremos a oportunidade de compartir con todas as persoas asistentes unha merenda saudable elaborada polos usuarios e as usuarias de Íntegro. Tamén contaremos cun pequeno stand no que poderedes ver algún dos traballos que facemos no noso centro ocupacional. E, sobre todo, teremos a ocasión de cantar e bailar con dous dos artistas máis queridos polo público infantil.

A asistencia ao espectáculo é de balde, pero por cuestións de aforo é preciso recoller convite na propia Biblioteca Rego da Balsa. As familias interesadas poderán achegarse a partir de mañá mércores, 27 de novembro, e ata fin de existencias.

post

A deputada de benestar social Ana Lamas realizou unha visita a Íntegro acompañada por un grupo de representantes políticos de Ponteceso, Cabana e Malpica

  • A concelleira de Servizos Sociais de Ponteceso e o portavoz do Psoe de Cabana tamén se sumaron á comitiva, que foi recibida polo presidente e a directora da entidade ademais da xerente de Máis Porvir
  • Logo dun percorrido polas instalacións, celebrouse unha xuntanza para conversar sobre as necesidades máis urxentes en materia de formación e emprego e dar a coñecer o proxecto “Vivenda Comunitaria”

O pasado venres a deputada provincial de Benestar Social, Ana Lamas, realizou a súa primeira visita institucional a Íntegro para coñecer de primeira man as nosas instalacións de Nantón (Cabana) e o seu funcionamento, e manter unha reunión cos responsables de Íntegro coa intención de analizar as necesidades actuais e futuras dos nosos usuarios/as e as súas familias. Xunto a ela, acudiron tamén os alcaldes de Ponteceso, Cabana e Malpica así como a concelleira de Servizos Sociais pontecesá e o portavoz do Psoe cabanés. A comitiva foi recibida polo noso presidente, Adolfo López Baña; a directora do centro, Noelia Barreira e a xerente de Máis Porvir, Sandra Caamaño.

A xornada deu comezo cunha visita guiada polas instalacións para coñecer polo miúdo o funcionamento diario dos diferentes departamentos e poñer en valor o labor que desempeñan as persoas usuarias do Centro de Dia e do Centro Ocupacional a través dos diferentes programas e obradoiros que levamos a cabo ao logo do ano co apoio e a financiación institucional, entre outras, da administración provincial desde a súa área de benestar social e inclusión.

Peticións urxentes

Tras o percorrido, os responsables de Íntegro mantiveron unha xuntanza coa titular provincial, na que tamén estiveron presentes os representantes políticos da contorna, para trasladarlle as necesidades máis urxentes e prioritarias do centro en materia de educación, formación e emprego, “tres áreas sobre as que debemos actuar de maneira conxunta para lograr unha inclusión plena e real na sociedade”, asegurou o presidente da entidade ao tempo que salientou a importancia de ofrecer novas oportunidades laborais ás persoas con diversidade funcional e/ou en risco de exclusión social a través de centros de emprego, como o de Máis Porvir, nos que ademais de orientar, formar e especializar a futuros traballadores/as, ofrécense novas oportunidades de acceso ao mercado laboral que posibilitarán unha notable mellora da empregabilidade en igualdade de condicións.

Por outra banda, Adolfo López Baña aproveitou a ocasión para presentar publicamente o novo proxecto de Íntegro denominado “Vivenda Comunitaria”, unha iniciativa que xorde para dar resposta a aquelas familias que, chegado o momento, non poidan proporcionar aos seus seres queridos os apoios e coidados necesarios para o seu benestar e desenvolvemento cotiá. Neste senso, tras unha excelente acollida, todos os/as asistentes coincidiron en sinalar a necesidade da existencia dun programa destas características na Costa da Morte e expresaron o seu compromiso e apoio para convertelo nunha realidade capaz de mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional.

 

 

post

Íntegro amplía o seu servizo de transporte cun novo vehículo adaptado de nove prazas

Para a adquisición da furgoneta, valorada en máis de 42.000 €, a entidade contou coa financiación do AGADER, o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e a Xunta de Galicia, a través dos fondos do 0,7% do IRPF 2018

A asociación Íntegro das persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte vén de adquirir un novo vehículo adaptado que permitirá mellorar o servizo de transporte dos nosos usuarios e usuarias e incrementar o actual parque móbil, posibilitando así o desdobramento dalgunhas rutas e a incorporación de novas prazas.

O novo vehículo, valorado en máis de 42.000 €, ten capacidade para nove persoas e está dotado cunha plataforma e un chanzo eléctricos para facilitar o acceso ao mesmo ás persoas que se desprazan en cadeira de rodas.

Dita adquisición foi posible grazas á implicación de diversos organismos que contribuíron á súa financiación cunha aportación pública que ascende a un total de 36.665,55 €, importe sufragado en parte polo AGADER (GDR Costa da Morte), o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco da medida 19 (Leader) do PDR de Galicia 2014-2020 e dentro da prioridade ou área focal 6B, dirixida a promover o desenvolvemento local nas zonas rurais, e coa financiación da Xunta de Galicia, xestionada por COGAMI, a través de fondos do 0,7% do IRPF 2018.

O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, amosou a súa satisfacción por dispoñer dunha flota ampla e renovada, adaptada ás necesidades das persoas con diversidade funcional e salientou “a necesidade de dotar ás entidades sociais dos medios e recursos necesarios para contribuír a eliminar os atrancos que existen á hora de facilitar ás persoas usuarias a súa chegada aos centros”.

post

17 concellos da Costa da Morte participaron nun almorzo informativo organizado por Cegasal sobre contratación pública de centros especiais de emprego

O encontro, que forma parte da Rede Eusumo, celebrouse en Carballo coa colaboración de Máis Porvir

Esta semana, a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal) organizou, coa colaboración da nosa empresa de xestión social Máis Porvir, un almorzo informativo en Carballo co obxectivo de promover o desenvolvemento dunha cultura empresarial inclusiva na Costa da Morte. A xornada, que resultou todo un éxito de participación, contou coa presenza de máis de cincuenta representantes políticos e preto dunha vintena de técnicos dos concellos da contorna que se achegaron para coñecer polo miúdo a contratación pública reservada a este tipo de centros.    

Ademais da xerente do centro especial de emprego de Íntegro, Sandra Caamaño, tamén asistiu ao evento o presidente da nosa entidade e administrador único de Máis Porvir, Adolfo López Baña, xunto a outros membros da asociación como o tesoureiro, Silvestre Couto; a directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira; a traballadora social, Sandra Reimúndez, persoal do centro e usuarios/as.

A xornada xirou arredor da Lei de Integración Social do Minusválido, a Lei de Contratos do Sector Público e a contratación de persoas con discapacidade, cuestións que abordaron Elena Barba Pan, secretaria da Xunta Consultiva de Contratación da Xunta de Galicia; Concepción Campos Acuña, secretaria do Concello de Vigo; Adolfo López Baña e Sandra Caamaño, administrador e xerente de Máis Porvir; Ramón Sestayo, vicepresidente de Cogami, e José Antonio Vázquez, presidente de Cegasal.

A Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego integra xa a 30 centros de emprego e conta ademais con varias empresas colaboradoras como Construcciones Ramón Vázquez y Reino, que tamén estivo presente neste primeiro encontro, incluído na Rede Eusumo.

 

 

post

O alcalde de Laxe visita Íntegro para coñecer de primeira man a actividade do centro

José Luís Pérez, que acudiu acompañado pola concelleira de Servizos Sociais Sandra Mouzo, foi recibido polos responsables de Íntegro e Máis Porvir

A semana arrincou en Íntegro coa visita institucional do alcalde de Laxe, José Luís Pérez, que se achegou ata o Centro de Recursos de Nantón para coñecer de primeira man as instalacións e comprobar “in situ” as necesidades actuais da nosa entidade. O rexedor, que acudiu acompañado pola concelleira de Servizos Sociais Sandra Mouzo, foi recibido polo presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, e a directora Noelia Barreira. Durante o percorrido que realizaron tamén estiveron presentes o tesoureiro, Silvestre Couto, e a xerente da empresa de xestión social Máis Porvir, Sandra Caamaño.

Unha das paradas obrigadas da visita tivo lugar no exterior do Centro de Recursos para contemplar a remodelación da fachada da edificio, executada hai uns meses con cargo ao programa FOIE da Deputación da Coruña, que lle confire un aspecto máis moderno e actual ademais de mellorar substancialmente a calidade de vida dos usuarios/as grazas ao illamento térmico e acústico da fachada de cara á obtención dun maior aforro enerxético e unha ventilación natural máis eficaz.

Tras realizar un minucioso percorrido polas aulas do Centro de Día e do Centro Ocupacional, a comitiva tamén se achegou ata Centro Especial de Emprego para interesarse polo traballo que desenvolven a diario os nosos usuarios e usuarias nos diferentes obradoiros que temos en marcha. Sen dúbida, un dos que máis chamou a súa atención foi o taller de elaboración de xabóns de glicerina Bicos de Amora. Ao longo da mañá, tamén mantiveron un encontro de traballo cos responsables de Íntegro para coñecer en profundidade as actividades e os novos programas de acción social da entidade de cara aos vindeiros anos. Así mesmo, tamén se celebrou unha entrevista coa xerente da empresa de xestión social Máis Porvir, Sandra Caamaño, coa que conversaron sobre os servizos que presta actualmente na contorna.

Durante a xuntanza, o presidente de Íntegro aproveitou a ocasión para trasladar ás autoridades locais ás novas necesidades do centro ao tempo que agradeceu a colaboración do Concello de Laxe no desenvolvemento de accións conxuntas que contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. Neste senso, o alcalde de Laxe comprometeuse a seguir traballando con Íntegro e Máis Porvir para favorecer a inclusión laboral e social dos colectivos máis desfavorecidos e, especialmente, das persoas que residen na zona rural.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

post

Rematado o curso de creación de perfís en webs de emprego para achegar ao mercado laboral ás mulleres con diversidade funcional do rural

No último ano, 36 persoas beneficiáronse do Punto de Intervención para Mulleres, co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020

O mes de setembro deixounos un balance máis que positivo no Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMDRural), unha iniciativa promovida pola asociación Íntegro e co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, para fomentar a igualdade de oportunidades e contribuír a diminuír a triple discriminación na que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

Tras un ano de intensa actividade formativa para dotar ás mulleres do rural dunha maior autonomía e independencia, necesarias para mellorar a súa situación persoal, social e laboral, o pasado mes de setembro puxemos en marcha unha novidosa acción, totalmente de balde baseada na creación de perfís en webs de emprego, coa finalidade de mellorar a formación das participantes de cara a aumentar a súa empregabilidade ata lograr a plena integración socio-laboral.

Balance

Durante o período 2018/2019, un total de 36 mulleres en situación de especial vulnerabilidade beneficiáronse do noso servizo de mediación familiar e de apoio e orientación laboral, postos en marcha hai xa catro anos. Moitas delas, formaron parte tamén dun extenso e variado programa formativo, no que se impartiron cursos relacionados coa procura de emprego a través do teléfono móbil, formación básica en prevención de riscos laborais e confección de currículos e cartas de presentación.

Así mesmo, leváronse a cabo numerosas accións de acompañamento na busca de emprego, promoción do emprendemento e prospección do mercado de traballo, intermediación e tutorización laboral e profesional logrando 4 insercións laborais, unha cifra moi positiva tendo e conta a triple discriminación que padece este colectivo (muller con diversidade funcional que reside no medio rural).

Ademais das sesións teóricas, as participantes tiveron a oportunidade de achegarse á realidade actual dalgunhas das empresas máis importantes e punteiras de Galicia como é o caso de Aluman, Inditex e Cerdeimar, entre outras. Nos vindeiros meses, está previsto continuar con este ciclo de visitas para adquirir novos itinerarios de inserción profesional.

 

post

Íntegro celebra o Día da Inclusión cunha andaina accesible en Camariñas

A xornada dará comezo cun percorrido desde o Club Náutico ata a Casa do Concello e a lectura pública dun manifesto, á que seguirán diversas actividades e un xantar popular na praia de Ariño

A asociación Íntegro celebrará este venres 20 o Día da Inclusión cunha andaina accesible, aberta á participación de toda a cidadanía, que partirá ás 12:00 horas do Club Náutico de Camariñas en dirección á Praza do Concello. Será un percorrido de 750 metros ata chegar á Casa Consistorial, onde se procederá á lectura dun manifesto reivindicativo en prol da inclusión das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. No acto está previsto que participen, ademais de usuarios, traballadores e membros da directiva da nosa entidade, varios representantes da administración local, que tamén colabora activamente na organización desta xornada de sensibilización.

A continuación, realizaranse diversas actividades para concienciar á poboación en materia de diversidade e inclusión a través do xogo e a aprendizaxe. De seguido, e se o tempo o permite, celebrase un xantar popular na praia de Ariño. En caso de choiva, a comida terá lugar no pavillón municipal. Quedades todos convidados/as!

post

O PIMDRural de Íntegro regresa en setembro cun novo curso sobre creación de perfís en webs de emprego

No último ano, 24 persoas beneficiáronse do Punto de Intervención para Mulleres, co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020

O mes de setembro arrinca con importantes novidades no Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMDRural), unha iniciativa promovida polo Centro de Recursos Íntegro e co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, para fomentar a igualdade de oportunidades e contribuír a diminuír a dobre discriminación na que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

Tras un ano de intensa actividade formativa para dotar ás mulleres do rural dunha maior autonomía e independencia, necesarias para mellorar a súa situación persoal, social e laboral, este mes poremos en marcha unha novidosa acción, totalmente de balde baseada na creación de perfís en webs de emprego, que ten como obxectivo aumentar a empregabilidade de todas as participantes no curso e lograr a súa plena integración socio-laboral. Para elo, ofrecerase unha atención personalizada e especializada, orientada á realidade actual do mercado de traballo.

Todas as persoas que estean interesadas en participar nesta actividade, prioritariamente mulleres con disCapacidade, deberán inscribirse canto antes no Centro de Recursos Íntegro. Para máis información tamén poden chamar ao 981 734 985.

Balance

Durante o período 2018/2019, un total de 24 mulleres en situación de especial vulnerabilidade beneficiáronse do noso servizo de mediación familiar e de apoio e orientación laboral, postos en marcha hai xa catro anos. Moitas delas, formaron parte tamén dun extenso e variado programa formativo, no que se impartiron cursos relacionados coa procura de emprego a través do teléfono móbil, formación básica en prevención de riscos laborais e confección de currículos e cartas de presentación. Así mesmo, leváronse a cabo numerosas accións de acompañamento na busca de emprego, promoción do emprendemento e prospección do mercado de traballo, intermediación e tutorización laboral e profesional.  

Ademais das sesións teóricas, as participantes tiveron a oportunidade de achegarse á realidade actual dalgunhas das empresas máis importantes e punteiras de Galicia como é o caso de Aluman, Inditex e Cerdeimar, entre outras. Nos vindeiros meses, está previsto continuar co este ciclo de visitas para adquirir novos itinerarios de inserción profesional.

post

Un grupo de nenos e nenas do campamento de verán Xolda Ocio Infantil participou nunha xornada de sensibilización en Íntegro

Tras a visita a Nantón, compartindo xogos e aprendizaxe, os nosos usuarios/as desprazáronse ata Carballo para participar na súa festa de fin de verán

Un grupo de 39 nenos e nenas, de 3 a 12 anos de idade, do campamento de verán de Xolda Ocio Infantil de Carballo achegouse esta semana ata as nosas instalacións de Nantón para participar nunha nova edición do programa Visítanos, co que se pretende sensibilizar aos máis pequenos/as en materia de diversidade e inclusión. Tras unha distendida charla, protagonizada pola directora do Centro de Recursos Noelia Barreira, na que se abordou o significado de ambos conceptos, deu comezo unha xornada de aprendizaxe e diversión polas diferentes aulas para coñecer de preto o funcionamento da nosa entidade e o traballo que se desenvolve nos diferentes talleres, dun xeito ameno, entretido e moi didáctico.

Sen dúbida, os obradoiros de artes manuais foron os que máis chamaron a atención dos participantes xunto co taller de cociña. Se no primeiro aprenderon a elaborar divertidas e coloristas pulseiras de macramé seguindo a técnica que lle explicaron os nosos usuarios e usuarias, no segundo empregáronse a fondo confeccionando uns apetecibles e moi saudables petiscos a base de froitas variadas, que non dubidaron en degustar alí mesmo para repoñer folgos despois de tanta trasfega.

A elaboración de mandalas tamén foi todo un éxito entre a cativada, que apuntou sen dubidalo nin un instante para facer cadanseu deseño. Na sala de ximnasia puxeron a proba a súa habilidade e destreza con diversos xogos de habilidade, que lle serviron para comprobar a dificultade de realizar labores cotiás desde unha cadeira de rodas. Outra das actividades que espertou o interese e a curiosidade dos máis cativos/as foi o taller de fabricación de xabóns de glicerina. Logo de escoitar con moita atención as explicacións dos usuarios/as e monitoras de Íntegro, ningún peque puido resistir a tentación de elaborar o seu propio Bico de Amora. Cunha canteira de artesáns así, o futuro está garantido!

A xornada rematou cunha posta en común de todo o aprendido, que foi moito, e un convite para participar na festa de fin de verán do campamento carballés, á que asistimos o pasado venres 30 e na que tivemos a oportunidade de volver a compartir xogos e diversión, ademais dunha deliciosa merenda en compañía dos nenos e nenas de Xolda Ocio Infantil e de Balonman Xiria. Unha experiencia única e moi enriquecedora que agardamos poder repetir moi pronto.

Moitísimas grazas!