post

Íntegro clausurará o martes 19 o obradoiro de Acondicionamento de Mobiliario Urbano e Xardíns

A Casa do Oleiro de Buño acollerá o acto de entrega de diplomas aos 12 alumnos/as con diversidade funcional da Costa da Morte que participaron na acción formativa subvencionada pola Fundación Once e co-financiada polo Fondo Social Europeo

O obradoiro de Acondicionamento de Mobiliario Urbano e Xardíns,  organizado pola asociación Íntegro dentro da Convocatoria de Axudas Económicas da Fundación ONCE, chegou hoxe a súa fin. Dende o pasado 1 de marzo, 12 homes e mulleres con diversidade funcional da Costa da Morte participaron nesta acción formativa, impartida pola entidade e a empresa de xestión social MáisPorvir, encamiñada a promover a igualdade, o benestar e a inclusión social das persoas con discapacidade en situación ou risco de exclusión social, e mellorar a súa empregabilidade a través do incremento de contratacións. O acto de clausura terá lugar o martes 19, ás 12h, na Casa do Oleiro de Buño (Malpica) coa entrega de diplomas aos asistentes. 

Despois de tres meses e medio e 365 horas de aprendizaxe, aos participantes desta acción formativa, incluída no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social 2014-2020 co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE), só lles queda un último reto: atopar un traballo estable e con garantías para a consecución dunha vida plena e autónoma. E méritos non lles faltan!

Ademais das clases teóricas realizadas na Casa do Oleiro de Buño, o alumnado puido completar a súa formación con varias sesións prácticas levadas a cabo tanto no taller de carpintería de Anos (Cabana) como en numerosas zonas verdes e axardinadas do casco urbano e dos núcleos rurais do Concello de Malpica. Así, ás labores de limpeza e mantemento en parques, xardíns e paseos, súmanse os traballos de rehabilitación, reparación e construción de equipamento urbano como a instalación de novas papeleiras e o arranxo de balaustradas en mal estado. 

Desde a asociación Íntegro queremos agradecer o apoio e a colaboración desinteresada dos concellos de Malpica e Cabana a través da cesión de instalacións municipais e zonas verdes para a realización das clases teórico-prácticas. Unha mostra máis da súa aposta pola capacitación profesional e a mellora do emprego para as persoas con diversidade funcional e/ou en risco de exclusión social.

 

 

 

 

 

 

 

 

post

O alumnado do curso de Acondicionamento de Mobiliario Urbano e Xardíns pasa á acción

O mantemento de zonas verdes e a rehabilitación de material urbano centran a actividade formativa dos/as 12 alumnos/as do obradoiro subvencionado pola Fundación ONCE e co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) e a asociación Íntegro.

O obradoiro de Acondicionamento de Mobiliario Urbano e Xardíns que a asociación Íntegro está a desenvolver na Casa do Oleiro de Buño (Malpica) marcha a bo ritmo. Os/as 12 alumnos/as con diversidade funcional da Costa da Morte que participan nesta acción formativa, subvencionada pola Fundación ONCE no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social 2014-2020 e co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) e a nosa entidade, están a facelo tan ben que xa comezaron a verse os primeiros resultados. E son espectaculares!

Ademais das clases teóricas, impartidas de luns a venres -de 09:30 a 14:30 horas- pola empresa de xestión social +Porvir, o alumnado está realizando as prácticas correspondentes tanto no taller de carpintería de Anos (Cabana) como nas zonas verdes e axardinadas, cedidas polo Concello de Malpica. Neste sentido, esta semana, xunto ás labores de limpeza e mantemento en parques, xardíns e paseos, procederon á instalación de novas papeleiras e á reparación e rehabilitación dalgunhas balaustradas que se atopaban en mal estado.  

Con esta iniciativa, posta en marcha o pasado 1 de marzo, preténdese promover a igualdade, o benestar e a inclusión social das persoas con diversidade funcional, e incrementar o número de contratacións para mellorar a empregabilidade dun colectivo en situación de vulnerabilidade e/ou risco de exclusión. A clausura do curso está prevista para o próximo 15 de xuño.

post

Íntegro achega a diversidade a máis de 200 escolares da Costa da Morte

 Esta semana a campaña de lesións medulares, a Diversescola e o Visítanos promoveron numerosas actividades de sensibilización en varios colexios e institutos da zona

Onte foi un día de intensa actividade na asociación Íntegro, tanto dentro como fóra das nosas instalacións. Mentres que o Centro de Recursos abría as súas portas para recibir a un grupo de alumnos/as do CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso, dentro do programa Visítanos, varios responsables da entidade desprazáronse ata o IES Terra de Soneira de Vimianzo para manter unha xuntanza co alumnado de 4º da ESO e 1º de bacharelato no marco da campaña de prevención de lesións medulares.

Esta semana en Nantón imos de aula en aula! A primeira cita foi cos alumnos e alumnas de 3º da ESO do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco, cos que mantivemos unha charla informativa o pasado martes para falarlles sobre a prevención de lesións medulares e a importancia de evitar prácticas de risco en puntos de alta sinistralidade como praias, piscinas e estradas. Dentro desta campaña, que Íntegro está a impartir nos centros de primaria e secundaria da Costa da Morte, o segundo encontro tivo lugar onte no IES Terra de Soneira de Vimianzo. 60 escolares de 4º da ESO e 1º de bacharelato participaron nunha animada e moi concorrida xuntanza con varios membros da entidade na que ademais da proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar”, houbo unha charla informativa e un improvisado coloquio sobre as principais causas e consecuencias das lesións medulares e a importancia da súa prevención.

Os que estes días tamén se achegaron de cheo á diversidade foron os máis pequenos/as. Concretamente onte,  máis de 30 nenos e nenas de 5º e 6º de primaria do CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso estiveron de visita en Íntegro para coñecer por dentro as nosas instalacións e o funcionamento dos obradoiros.  Da man de Visítanos, unha iniciativa do programa Capacíta-T promovida por Íntegro, e xunto aos nosos usuarios e usuarias percorreron un a un os talleres do Centro de Día e do Centro Ocupacional con parada obrigada na cociña, no ximnasio e na sala de artes manuais, onde tiveron a oportunidade de elaborar tanto xabóns de glicerina como pulseiras de macramé que tamén levaron como recordo. A xornada rematou coa confección dun mural no que recolleron as súas impresións sobre a experiencia vivida no centro.

Diverescola e Medulares

Pero as actividades de sensibilización nos centros educativos da comarca continuarán ata mañá. Sen ir máis lonxe, hoxe a Diverescola, a versión máis peque do programa Capacíta-T, viaxou ata as aulas de infantil do CPI As Revoltas de Cabana para achegar a diversidade a preto de 40 nenos/as, con idades comprendidas entre os 3 e os 5 anos, a través do xogo e o entretemento. Mañá venres será a quenda dos alumnos e alumnas do CEIP Milladoiro de Malpica, ata onde se trasladará a campaña de prevención de lesións medulares poñendo o punto e final así a unha semana frenética e de intensa actividade nos colexios e institutos da Costa da Morte, reflexo da aposta por unha educación inclusiva e en igualdade. Grazas!

post

O CEIP de Buño transfórmase nunha Diverescola para os/as estudantes de infantil e primaria

Preto de 30 nenos e nenas participaron nunha xornada de sensibilización incluída no programa Capacíta-T

Os alumnos/as de infantil e primaria do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño (Malpica) convertéronse onte nos protagonistas dunha nova edición da Diverescola, unha iniciativa promovida por Íntegro, no marco do programa Capacíta-T, para achegar aos máis cativos/as a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento.

Durante algo máis de dúas horas, as aulas do centro educativo mudaron o seu aspecto para converter os tradicionais pupitres en improvisados circuítos de obstáculos e os libros en leccións orais de vida e superación. Así, a primeira hora da mañá a nosa monitora de ocio e tempo de lecer, Lucía Blanco, iniciaba unha xornada de sensibilización repleta de xogos na que participaron preto de trinta nenos e nenas que agardaban ansiosos/as e con expectación a visita da asociación Íntegro.

Aínda que moitos/as aseguraron coñecer a persoas con diversidade funcional na súa contorna, moi poucos sabían do seu día a día. E para descubrilo, nada mellor que meterse na súa propia pel poñendo a proba as súas habilidades e destreza a través da realización dunha serie de probas coa mobilidade reducida e os ollos tapados.  Os primeiros en apuntarse ao circuíto de obstáculos foron os/as 17 estudantes de educación infantil, que superaron con nota a actividade, dando exemplo da súa capacidade de empatía. De seguido, 11 nenos e nenas de diferentes ciclos de primaria tamén tiveron a oportunidade de comprobar cales son algunhas das barreiras que han de sortear as persoas que posúen algún tipo de discapacidade. Unha vez máis, os/as máis pequenos da casa volvéronnos a sorprender facendo gala da súa naturalidade e espontaneidade.  

Desde Íntegro queremos agradecer a participación de todos os centros educativos da Costa da Morte neste proxecto co que se pretende promover unha aprendizaxe en valores e unha aposta  pola educación inclusiva dende a infancia.

post

Estudantes do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño achéganse á diversidade con Visítanos

O pasado mércores 31 escolares de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria gozaron dunha xornada de convivencia e sensibilización en Íntegro dentro do programa Capacíta-T 

Esta semana a asociación Íntegro volveu a abrir as súas portas a escolares da Costa da Morte para acoller a celebración dunha nova edición de Visítanos!, unha actividade educativa integrada no programa Capacíta-T dirixida a concienciar, educar e capacitar aos máis pequenos/as en materia de diversidade e inclusión.

Tras a recente visita dos/as estudantes do CPI de Zas, o mércores tocoulle a quenda aos alumnos e alumnas do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño, en Malpica.  E a

experiencia, novamente, resultou ser un éxito! Ademais de gozar dunha xornada de convivencia, xogos e diversión xunto aos nosos usuarios e usuarias, tamén houbo tempo para a aprendizaxe achegándose ao día a día das persoas con diversidade funcional e descubrindo algunhas das súas múltiples habilidades.

 

A visita deu comezo arredor das 10:30h cunha breve charla explicativa sobre o funcionamento do centro e os diferentes servizos que nel se prestan. E quen mellor para contalo que os seus propios destinatarios/as, auténticos protagonistas dunha iniciativa encamiñada á sensibilización e á interacción dos estudantes.

Nesta ocasión, 31 nenas e nenos de 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria foron distribuídos en varios grupos para realizar o percorrido polas instalacións e participar nos diferentes obradoiros. Exercitación mental, logopedia e ximnasia foron as actividades que arrincaron os primeiros sorrisos e xestos de admiración entre os cativos/as que non dubidaron en subirse a unha cadeira de rodas para poñer a proba a súa destreza coa mobilidade reducida. Os talleres de artes manuais e cociña lograron espertar a faceta máis artística e creativa dos participantes, dando renda solta á imaxinación para elaborar receitas orixinais ou novidosos artigos de cara ao Nadal. Sen dúbida, a confección de pulseiras e a colección de xabóns de glicerina Bicos de Amora acapararon o interese de alumnos/as e mestres/as.

Ao rematar a xornada, os/as estudantes confeccionaron un mural, que exporán no seu colexio, coas súas impresións sobre o centro e as experiencias vividas nel. Ogallá sexan tan positivas e gratificantes como as nosas.

 

post

Máis Porvir e o Concello de Zas asinan un contrato para a prestación de servizos públicos

Con esta xa son tres as accións sociais de emprego postas en marcha en varios municipios da Costa da Morte no último ano  

Máis Porvir Xestión Social-a empresa de economía social de Íntegro- e o Concello de Zas veñen de dar esta semana un novo paso na inserción laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte grazas á sinatura dun contrato para a xestión e o mantemento do servizo de “Limpeza de edificios públicos destinados a centros de saúde e centros de ensino” do municipio. No acto, que tivo lugar onte na Casa do Concello estiveron presentes o administrador da entidade concesionaria, Adolfo López Baña; a xerente, Sandra Caamaño e o alcalde de Zas, Manuel Muíño. Ao rematar, ambas partes coincidiron en destacar a necesidade de que as Administracións públicas se impliquen na inclusión social dos colectivos máis desfavorecidos comezando por mellorar a súa empregabilidade en condicións de igualdade.

Este contrato terá unha vixencia de dous anos e posibilitará a continuidade laboral dos nove traballadores/as que na actualidade conforman o Centro Especial de Emprego, creado e xestionado por Íntegro para a prestación de servizos e a xestión de novos recursos para persoas con discapacidade, que a partir do luns asumirá a limpeza da escola infantil de Zas, os centros de saúde de Baio e Zas e o CEIP Labarta Pose de Baio.

Sinatura entre Máis Porvir-Combina Social e o Concello de Malpica en xullo de 2016

Con esta xa son tres as accións de emprego postas en marcha. A primeira delas en xullo do ano pasado mediante a sinatura dun convenio entre a UTE formada por Máis Porvir-Combina Social, de Cogami, e o Concello de Malpica para a realización das tarefas de conserxería e limpeza do CEIP Milladoiro e do pavillón polideportivo municipal por un período de dous anos. E a segunda hai apenas dous meses no Concello de Cabana, onde a nosa empresa de economía social está a acometer o mantemento do mobiliario urbano do municipio cunha duración dun ano.

Unha listaxe que vai en aumento grazas ao compromiso e á implicación social das entidades públicas locais. Ogallá tomen nota as empresas e organismos do ámbito privado e aposten pola igualdade de oportunidades tamén a nivel laboral..

post

clubEmprego, o novo espazo de encontro para a inserción laboral da muller

Trátase dunha acción formativa englobada no PIMD Rural que botará a andar o 1 de abril en Íntegro e nos concellos de Malpica, Laxe, Cabana e Ponteceso

As interesadas poderán inscribirse a partir de mañá no Centro de Recursos de Nantón, coincidindo co Día da Muller

Mañá conmemórase o Día da Muller e en Íntegro queremos celebralo dándolle, unha vez máis, todo o protagonismo a elas. Por iso, o día 8 poñemos en marcha unha nova acción formativa dentro do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional no ámbito Rural (PIMD Rural) que consistirá na creación dun clubEmprego, o novo espazo de encontro para a inserción laboral da muller.

CARTEL PIMD XERALEsta novidosa experiencia está dirixida a mulleres, preferentemente con disCapacidade e residentes nalgúns dos 4 concellos adheridos ao plan (Cabana, Malpica, Laxe e Ponteceso), activas e con ganas de incorporarse ao mercado de traballo. Tamén poderán anotarse aquelas que, sen cumprir estes requisitos, estean interesadas en participar.

_MG_3993

O clubEmprego posibilitará a busca de emprego en grupo e a prestación de asesoramento individual e grupal para dotar de ferramentas útiles e necesarias a un dos colectivos en maior situación de vulnerabilidade social. Para elo, en cada sesión haberá grupos reducidos de traballo aos que se lles facilitará apoio formativo individualizado relacionado con Tic´s, trámites administrativos ou empoderamento, así como accións grupais dirixidas á realización de  procuras dixitais, entrega de currículos, rastrexos a pé de rúa, creación de bolsas de emprego ou intermediación laboral con empresas, entre outras. Ademais, faranse prospeccións de mercado periódicas para coñecer, a curto e medio prazo, as necesidades de mercado da zona e adecuar a formación das alumnas ás mesmas.

Así mesmo, en caso que a demanda o requirise, tamén se poría en marcha un clubEmprendemento para mulleres emprendedoras, interesadas no autoemprego, coa finalidade de poñer ao seu alcance as medidas, coñecementos e axudas necesarias para crear o seu propio negocio ou empresa.     _mg_0981

Para garantir o éxito e a viabilidade das novas accións traballaremos cóbado con cóbado cos departamentos de orientación laboral e desenvolvemento local ademais de continuar colaborando cos servizos sociais dos municipios implicados.

Inscricións

Os encontros levaranse a cabo na sede que a asociación Íntegro ten en Nantón e nos concellos que forman parte do programa PIMD Rural, co-financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta e o Fondo Social Europeo (FSE).
Pimd malpicaO prazo de inscrición para formar parte do noso clubEmprego abrirase mañá no Centro de Recursos de Nantón coincidindo co Día da Muller. Se estás interesada en participar ou desexas recibir información, non dubides en chamar ao 981 734 985 e contarémosche todo o que precises saber. Os primeiros encontros ceebraranse o 1 de abril en Íntegro e nos concellos de Malpica, Laxe, Ponteceso e Cabana. Anímate e participa!

post

Íntegro reforma o seu PIMD Rural coa incorporación da traballadora social da asociación e a apertura de novas canles de inserción laboral

  • A secretaria xeral de Igualdade da Xunta, que visitou hoxe as instalacións de Nantón, destacou a importancia de traballar na mellora das capacidades das mulleres usuarias
  • Representantes dos concellos de Cabana, Ponteceso, Laxe e Malpica asinaron un novo convenio de colaboración para o desenvolvemento do programa

Coa experiencia acumulada no período 2015-2016, Íntegro inicia o 2017 co firme propósito de reforzar o seu Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional no Ámbito Rural (PIMD Rural). A incorporación da traballadora social da asociación ao equipo de profesionais que xestionan o proxecto é un primeiro paso, pero este ano pretendemos centrarnos moi especialmente no ámbito laboral, e nese sentido está previsto iniciar contactos cos axentes de emprego e intermediadores laborais dos catro concellos implicados.

_MG_3976

Acto de presentación do PIMD Rural 2016-2017

Cabana, Malpica, Ponteceso e Laxe, de feito, renovaron hoxe o seu compromiso con Íntegro e co PIMD Rural, nun acto ao que tamén asistiu a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, e que se celebrou hoxe pola mañá no Centro de Recursos de Nantón. A secretaria xeral louvou o traballo que está a facer Íntegro pola inclusión da muller rural, destacou a importancia de traballar “na mellora das capacidades” para facilitar a súa inserción laboral e pediu unha atención especial para as mulleres vítimas de violencia de xénero.

IMG_6012

Susana López visitou os obradoiros ocupacionais en compañía dos responsables municipais

O PIMD Rural está cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo. No primeiro ciclo permitiu atender a 108 mulleres dos catro concellos, prioritariamente con disCapacidade, que se beneficiaron dos diferentes servizos que presta o equipo de profesionais responsable do programa. Neste primeiro bienio incidiuse na formación como unha ferramenta imprescindible para a mellora laboral das mulleres, e, de feito, o ano pasado xa se acadaron seis insercións laborais, e esta mesma semana empezarán a traballar outras tres usuarias en prácticas. Íntegro está en contacto con varias empresas da zona, e agora quere implicar aos servizos municipais relacionados co emprego para poder seguir avanzando.

Os catro concellos bergantiñáns amosáronse satisfeitos cos resultados acadados.

_MG_3998

Usuarios/as de Íntegro elaboraron xabóns de glicerina personalizados para a ocasión

                                                                              

 

post

A Secretaria Xeral de Igualdade visita Íntegro para asistir á presentación do PIMD Rural 2016-2017

Susana López acudirá o vindeiro luns á firma dos novos convenios de colaboración coas entidades locais  

A Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, visitará o vindeiro luns o Centro de Recursos de Íntegro para asistir, xunto aos alcaldes e representantes dos concellos de Cabana,  Ponteceso, Malpica e Laxe, á presentación do novo Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional no ámbito Rural (PIMD Rural) 2016-2017, co-financiado polo ente autonómico e o Fondo Social Europeo (FSE). Ao remate, realizarase un percorrido polas instalacións para coñecer de primeira man os diferentes obradoiros ocupacionais.

IMG_20160308_121417

Sinatura do primeiro convenio de colaboración cos 4 concellos participantes

O acto dará comezo ás 12h coa exposición do balance relativo ao período 2015-2016, no que se analizarán polo miúdo os resultados obtidos durante o primeiro ciclo do PIMD Rural, no que 108 mulleres- prioritariamente con disCapacidade- se beneficiaron das accións formativas levadas a cabo nos catro municipios adheridos ao plan coa finalidade de erradicar a discriminación e a desigualdade de oportunidades mediante o desenvolvemento de actividades que facilitan o empoderamento das mulleres e reforzan o seu papel no ámbito rural. Ademais, daranse a coñecer outros datos de interese relacionados coa formación, o emprego e o número de intervencións realizadas.

A continuación, procederase á firma dos novos convenios de colaboración do PIMD Rural 2016-2017 coas entidades locais. Na grafico-todossinatura estarán presentes alcaldes e representantes dos municipios de Malpica, Laxe, Ponteceso e Cabana, que renovan así o seu compromiso cun dos colectivos sociais máis desfavorecidos.

Coa posta en marcha desta segunda etapa, que terá unha duración dun ano, reforzaranse os puntos de intervención municipais posibilitando traballar, man a man, cos servicios sociais de base, axentes de emprego e orientadores laborais co obxectivo de dar continuidade á labor de inclusión laboral e social das mulleres do rural, especialmente das que están en situación de vulnerabilidade e centrándonos nas máis desfavorecidas, como son as que teñen algún tipo de diversidade funcional.

IMG-20160308-WA0016

A xornada rematará cunha visita de todos os asistentes polas instalacións de Nantón que estará protagonizada polos nosos usuarios e usuarias xa que serán os encargados/as de dar a coñecer o traballo que desempeñan día a día tanto nos obradoiros do Centro de Día como do Centro Ocupacional.

post

A asociación Íntegro aposta pola renovación dos convenios de colaboración cos concellos bergantiñáns adheridos ao PIMD Rural

108 mulleres do rural, na súa maioría con diversidade funcional, beneficiáronse deste programa dende xaneiro de 2015  

Nas vindeiras semanas a asociación Íntegro retomará a actividade do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional no ámbito rural (PIMD Rural). Para elo, procederase a contactar cos concellos xa adheridos a este programa dirixido a mulleres, maioritariamente con disCapacidade, que está cofinanciado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE), e deseñado e executado pola entidade ata o pasado día 30 de setembro. O primeiro paso para a posta en marcha da segunda edición pasará pola renovación dos convenios de colaboración cos municipios de Malpica, Laxe, Cabana e Ponteceso, que xa forman parte do mesmo dende comezos de ano.

Grazas á implicación e ao compromiso institucional, o PIMD Rural experimentou un notable crecemento na comarca de Bergantiños chegando a consolidarse como o principal grafico-3servizo de atención e intervención para un dos colectivos máis vulnerables da sociedade. Dende que botou a andar en xaneiro de 2015, 108 mulleres beneficiáronse das diferentes accións formativas levadas a cabo para erradicar a discriminación e a desigualdade de oportunidades mediante o desenvolvemento de actividades que facilitan o seu empoderamento e reforzan o seu papel no ámbito rural ata acadar unha situación de normalidade. Neste sentido, os resultados non poden ser mellores! O 69% das usuarias lograron mellorar a súa situación persoal e/ou laboral mentres que un 18% acadou a súa plena integración en materia de educación e formación e o 7% conseguiu a obtención dalgunha cualificación. Ademais, o 6% das participantes acadou o seu primeiro emprego mellorando así a súa calidade de vida.

 Balance

grafico-1Por outra parte, os servizos de orientación, formación e a busca de emprego foron os máis solicitados polas beneficiarias do PIMD Rural acadando un nivel de participación do 81%. Así, o 36% das mulleres fixo uso do programa de orientación e información individual en materia de diversidade, e un 23% decantouse pola adquisición de competencias e habilidades profesionais. Outra das accións con gran aceptación entre as usuarias foron as encamiñadas á orientación laboral e acompañamento na procura de emprego, demandadas no 22% dos casos. A asistencia psicolóxica (11%) e a mediación familiar (8%) pechan a listaxe de prestacións ofrecidas dende os diferentes puntos de intervención, situados nas concellerías de servizos sociais e no Centro de Recursos de Nantón.

grafico-2

A adhesión de catro concellos bergantiñáns ao PIMD Rural, a primeiros de ano,  posibilitou o achegamento de novos recursos a mulleres con diversidade funcional da zona rural. De feito, Ponteceso e Malpica son os municipios nos que se rexistran un maior nivel de participación, cun 33% e un 27%, respectivamente, seguido de Cabana (16%) e Laxe (14%) fronte ao 5% de Vimianzo ou Zas.

Dada a boa acollida que esta iniciativa está a ter na Costa da Morte e ante a crecente demanda de usuarias procedentes doutras localidades, en Íntegro seguimos traballando para ampliar o ámbito de actuación do PIMD a outros municipios e incrementar así a nosa colaboración cos servizos de proximidade á cidadanía.

Permanecede atentas porque moi pronto estaremos de volta!

grafico-todos