post

Manifesto do CERMI no Día Nacional en España da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade

A Convención da ONU, a mellor aliada das persoas con discapacidade

O pasado 22 de febreiro, o Consello de Ministros do Goberno de España, acollendo unha proposta do CERMI Estatal, declaraba oficialmente a xornada do 3 de maio de cada ano como Día Nacional en España da Convención Internacional sobre os Dereitos da Persoas con Discapacidade de 2006. Esta Convención é o tratado internacional que promove, protexe e asegura os dereitos humanos das persoas con discapacidade en todo o mundo.

A data do 3 de maio foi elixida por ser o día no que a Convención entrou en vigor, no ano 2008, tras lograr o número exixido mínimo de ratificacións de Estados parte, entre eles España.

Con esta declaración do Día 3 de maio, trátase de contribuír ao coñecemento, a difusión e a toma de conciencia acerca desta Convención e os seus principios, valores e mandatos, estendendo a cultura e a práctica dos dereitos humanos na esfera das persoas con discapacidade.

Este ano 2019 é, pois, o primeiro no que se celebra este día oficial, ocasión que o movemento social organizado da discapacidade desexa aproveitar para resaltar a relevancia da Convención como a mellor e máis firme aliada das persoas con discapacidade, mulleres e homes, nenas e nenos, e como o dispositivos xurídico, político e social máis apropiado para facer efectivos os seus dereitos, inclusión e benestar.

O potencial transformador da Convención, marco referencial e prescritor ineludible de todas as políticas públicas e lexislacións que se leven a cabo en España no dominio das persoas con discapacidade, intensifícase se este tratado internacional se pon en conexión cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e a Axenda 2030 das Nacións Unidas.

Interpretar, despregar e aplicar a Convención en clave de ODS e estes en clave de Convención de 2006, redobrarán os efectos de cambio social que necesitan as persoas con discapacidade para lograr contornas, relacións e comunidades plenamente inclusivas, sostibles humana e socialmente, respectuosas e valedoras da diversidade como ben de primeira magnitude, digno de promoción e protección.

A Convención de 2006 e os ODS, mutuamente combinados, marcan, polo tanto, a axenda política da discapacidade dos próximos anos, que pasa sen dúbida de modo prioritario por atender e materializar as recomendacións que o Comité dos Dereitos das Persoas con Discapacidade de Nacións Unidas formulou a España, trala segunda revisión do grao de cumprimento deste tratado realizada os días 18 e 19 de marzo de 2019, e feitas públicas o pasado 9 de abril (https://www.cermi.es/es/actualidad/novedades/observaciones-finales-sobre-los-informes-periódicos-segundo-y-tercero).

As recomendacións deste Comité referidas a mulleres e nenas con discapacidade, grupo maioritario dentro das persoas con discapacidade e máis exposto á violación estrutural e sistemática dos seus dereitos, son particularmente exixibles e urxentes, polo que deben constituír obxectivo preferente tanto das políticas públicas de igualdade como das de discapacidade.

O programa político e social para que a Convención de 2006 e os ODS sexan unha realidade práctica nun período razoable é inxente e o movemento cívico de dereitos humanos das persoas con discapacidade e as súas familias estará vixilante para que os poderes públicos, os axentes sociais, os operadores económicos, os medios de comunicación e toda a sociedade encamiñen a súa actuación con estes postulados.

post

3 de decembro, Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade

Con motivo do Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade, instaurado pola Organización de Nacións Unidas (ONU) e a Unión Europea, a escala mundial e europea, e que cada ano se celebra o día 3 de decembro, desde Íntegro, e como entidade membro de COGAMI queremos trasladar o seguinte:

MANIFESTO

As mulleres e os homes con discapacidade que residen en áreas e zonas rurais constitúen un grupo de poboación numeroso (que supera en Galicia as 100.000 persoas e no conxunto de España ascende ao millón) con índices de exclusión social moito maiores e carencia de apoios e recursos en relación á poboación urbana con discapacidade, o que supón unha presión constante e crecente para abandonar este medio. As persoas con discapacidade e as súas familias deben ser consideradas como axentes clave na transformación do medio rural nunha contorna inclusiva, na que todas as persoas poidan despregar o seu potencial humano.

Reclamamos a necesaria aprobación dunha Estratexia Estatal de Desenvolvemento Rural Inclusivo, con enfoque de xénero e transversal, que posibilite a participación, acceso a dereitos e benestar social, das persoas con discapacidade e as súas familias, favorecendo o seu arraigamento e a continuidade en contornas rurais que actualmente corren perigo de despoboamento e abandono. Todo iso con arranxo ao marco de referencia da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable das Nacións Unidas.

É preciso promover o empoderamento das mulleres e nenas con discapacidade residentes no rural, de forma que ningunha quede atrás. Un desenvolvemento rural inclusivo non pode entenderse sen a dimensión de xénero, que baixo un enfoque interseccional, teña presentes e dea resposta ás necesidades das mulleres e nenas con discapacidade residentes no medio rural, as máis invisibles, actualmente sometidas a índices máis elevados de exclusión, pobreza e violencia, así como das mulleres coidadoras de persoas con discapacidade.

 

As políticas públicas deben potenciar a xeración de novos xacementos de emprego no mundo rural, incluído o emprendemento, que permitan a súa transformación e a creación de riqueza e emprego inclusivo de calidade.

Cómpre adecuar a lexislación vixente ao financiamento de medidas e servizos dirixidos a dar atención ás persoas con discapacidade no medio rural, de forma que se poidan impulsar medidas especiais para evitar a migración e desarraigo do rural.

É determinante a coordinación e o traballo en rede entre entidades- plataformas- institucións representativas da discapacidade e das persoas en risco de exclusión e do desenvolvemento rural dirixidas a atender as necesidades das persoas residentes no medio rural, así como deseñar e implantar apoios e recursos de promoción e atención ás persoas con discapacidade e ás súas familias.

Debe deseñarse unha estratexia conxunta entre as distintas instancias, estruturas, plataformas e entidades na loita contra o despoboamento do medio rural, que mitigue a presión constante á que se ven sometidas as persoas con discapacidade e as súas familias para abandonar o campo e trasladarse de modo non querido a zonas urbanas. O movemento CERMI, do que COGAMI e as súas entidades membro forman parte, achegará ao Foro Nacional de Despoboamento o enfoque do sector social da discapacidade en relación coas estratexias contra o despoboamento do medio rural.

Cómpre dispor de estudos, investigacións e análises estatísticas, sociolóxicas e económicas que permitan coñecer a realidade das persoas con discapacidade e das súas familias residentes no medio rural para sustentar a futura estratexia nacional de desenvolvemento rural inclusivo que reclamamos con urxencia aos poderes públicos.