Durante a visita, os/as cativos tiveron a oportunidade de elaborar xabóns de glicerina e pulseiras de macramé xunto aos usuarios/as da entidade
Un grupo de alumnos e alumnas de infantil da escola unitaria Torrexallóns de Laxe achegouse esta semana ata as nosas instalacións de Nantón para participar nunha nova edición do programa Visítanos, co que se pretende sensibilizar aos máis pequenos en materia de diversidade e inclusión. Tras unha distendida charla, protagonizada polos nosos usuarios/as e monitoras, na que se abordou o significado destes conceptos, realizaron unha visita polo centro, xunto á directora Noelia Barreira, para coñecer de preto o seu funcionamento e o traballo que se desenvolve nos diferentes talleres.
Sen dúbida, os obradoiros de artes manuais foron os que máis chamaron a súa atención. Despois dunha breve explicación sobre o proceso de elaboración dos nosos xabóns de glicerina, todos/as se animaron a probar facendo cadanseu deseño. A fabricación de pulseiras de macramé tamén espertou a curiosidade dos nenos e nenas, que non quixeron marchar sen aprender esta divertida e sinxela técnica.
Na sala de ximnasia puxeron a proba a súa habilidade e destreza con diversos xogos, que lles serviron para comprobar a dificultade de realizar labores cotiás desde unha cadeira de rodas. Ao remate, os/as estudantes empregaron toda a súa creatividade e imaxinación na realización dun mural no que plasmaron as súas impresións sobre a xornada vivida no centro e no que, a bo seguro, non deberon faltar palabras como diversión e aprendizaxe. Grazas a todos/as!