post

As campañas de sensibilización de Íntegro percorren de novo os centros educativos da Costa da Morte  

A entidade de Nantón vén de poñer en marcha unha nova edición da Diverescola, orientada á cativada, e da campaña de prevención da Lesión Medular para a mocidade

Unha nova edición da campaña de prevención da Lesión Medular de Íntegro botou a andar esta mesma semana na Costa da Morte co obxectivo de seguir informando e concienciando neste 2023 aos nosos mozos e mozas. O CPI As Revoltas, en Cabana de Bergantiños, foi o centro elixido para celebrar as primeiras xornadas de sensibilización, nas que participaron arredor dunha trintena de estudantes de 4º da ESO.

A sesión informativa, ofrecida o pasado martes pola educadora social de Íntegro Tania Bartucca, contou tamén coa participación do presidente da entidade de Nantón Adolfo López Baña, que se encargou de explicar ao alumnado os motivos que se agochan tras os accidentes medulares ademais de incidir na necesidade de evitar prácticas de risco en estradas, praias e piscinas, principais focos de sinistralidade entre a mocidade. A xornada completouse coa proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar” e un breve coloquio que os alumnos/as aproveitaron para despexar dúbidas e coñecer o día a día dunha persoa con lesión medular.

No mes de marzo, a campaña de prevención da lesión medular continuará co seu percorrido pola Costa da Morte. A falta de novas confirmacións, a primeira parada prevista será o vindeiro día 14 no IES Alfredo Brañas de Carballo. A continuación, aterrará no CPI Cabo da Area de Laxe o mércores 22, e o martes 28 será a quenda co CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco.

Os centros educativos que estean interesados en adherirse a esta campaña ou a calquera dos programas de sensibilización postos en marcha pola entidade, deberán poñerse en contacto co centro a través do enderezo electrónico formacion@integro.es ou nos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649.

Diverescola

Por outra banda, preto de 100 alumnos veñen de participar durante o mes de febreiro nunha nova edición da Diverescola, unha iniciativa do programa Capacíta-T coa que a asociación Íntegro pretende achegar aos máis cativos e cativas da Costa da Morte a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento.

A primeira sesión deste 2023 celebrouse o pasado día 14 e tivo como protagonistas a 40 nenos e nenas de 1º e 2º de educación primaria do CPI Plurilingüe Cabo da Area de Laxe, mentres que a segunda levouse a cabo este mesmo martes 28 no CPI AS Revoltas de Cabana coa participación de 51 cativos/as de 6º de educación infantil e 1º e 2º de primaria. En ambos casos, o alumnado asistiu á representación dun contaconto guiado e realizaron diversos xogos de barreiras para afianzar conceptos relacionados coa inclusión e a diversidade. Unha experiencia, sen dúbida, moi enriquecedora na que diversión e aprendizaxe foron da man. As escolas unitarias de Torrexallóns e Traba, en Laxe, e o CEIP O Areal de Camariñas serán os vindeiros destinos da nosa Diverescola.

Desde Íntegro queremos agradecer a implicación e colaboración da comunidade educativa na difusión das campañas de sensibilización que temos en marcha co obxectivo de crear conciencia entre os máis novos/as apostando por unha educación en valores, máis responsable e inclusiva.