O proxecto contou cun orzamento total de 69.937,08 euros, dos cales 26.145 € foron subvencionados pola administración provincial
A asociación Íntegro vén de completar unha serie de actuacións de mellora e adaptación das súas instalacións en Nantón (Cabana de Bergantiños), no marco do proxecto “Redistribución de espazos e equipamento para Centro de Día”. Estas intervencións foron posibles grazas ao co-financiamento da Deputación Provincial da Coruña a través do Programa FOIE 2025, destinado a subvencións para entidades sen ánimo de lucro que desenvolven investimentos en servizos sociais.
O proxecto contou cun orzamento total de 69.937,08 euros, dos cales 26.145€ euros foron subvencionados pola Deputación.
Entre as melloras realizadas destacan a reubicación e ampliación da aula de centro de día e do comedor, que agora conta con maior luminosidade natural, ventilación e accesibilidade, así como a creación dun novo espazo destinado a ximnasio terapéutico.
Ademais, acometéronse outras actuacións como a substitución de portas exteriores, a instalación de novo mobiliario adaptado e a adquisición de maquinaria e material específico para a actividade física e rehabilitación.
Con este proxecto, a asociación dá un novo paso na súa misión de mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade da Costa da Morte, adaptando espazos ás necesidades actuais das persoas usuarias e reforzando os servizos que presta no seu centro de día ocupacional.
Desde Íntegro queremos agradecer á Deputación da Coruña o seu apoio constante e decidido ao tecido asociativo e ás entidades sociais que traballan a prol da inclusión, a igualdade e o benestar das persoas con diversidade funcional no rural galego.




