Responsables de Irisbond e Logovida deron a coñecer un innovador sistema de comunicación aumentativa e alternativa para mellorar a vida das persoas con discapacidade
Aplicar as novas tecnoloxías á saúde é fundamental para seguir avanzando na mellora da calidade de vida das persoas con necesidades especiais. En Íntegro sabémolo e por iso vimos de celebrar no noso centro de Nantón (Cabana) unha xornada formativa para as nosas profesionais sobre Comunicación Aumentativa e Alternativa (CAA) e tecnoloxía eye-tracking, dúas ferramentas que posibilitan a comunicación de persoas con diferentes afeccións na fala.
As limitacións físicas ou disfuncións da fala poden ser un obstáculo para a comunicación de persoas con parálise cerebral, Síndrome de Rett, dislexia, autismo ou ELA, entre outras. Pero, na actualidade, darlles voz para que poidan comunicarse e expresar as súas necesidades, opinións e emocións é posible empregando tan só a mirada. Grazas á tecnoloxía asistida, cada usuario/a pode expresarse a través do sistema que mellor se adapte á súa situación: mirada, táctil, pulsador…
Ainoa, de Irisbond, e Tatiana, de Logovida, foron as encargadas de amosarnos os novos sistemas aumentativos e alternativos de comunicación (SCAA), capaces de aumentar e compensar as capacidades comunicativas das persoas para lograr unha comunicación oral funcional, que permita a súa participación activa na sociedade e a interacción plena e autónoma coa súa contorna: familia, colexio, amizades, entorno social e laboral…
Sen dúbida, unha excelente solución para posibilitar a comunicación das persoas con discapacidade e un paso máis cara a eliminación de barreiras e limitacións. Seguimos formándonos!
Se precisas esta o calquera outra axuda técnica sanitaria, lembra que podes solicitala no teu médico de familia. Achégate ao teu centro de saúde e infórmate sobre os requisitos e condición de solicitude.