- A asociación Integro executou en 2022 as obras de reforma e adecuación do almacén–garaxe do seu Centro de Recursos para utilizalo como taller de reciclaxe e valorización de plásticos, que forma parte dunha iniciativa de economía circular encamiñada á inclusión socio-laboral das persoas con discapacidade
- Dito proxecto, que beneficiou directamente a 45 persoas con discapacidade da Costa da Morte, forma parte do Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), financiado pola Fundación ONCE, cunha aportación económica de 10.000 €
Un total de 45 persoas con diversidade funcional na Costa da Morte están a participar neste 2022, e continuarán facéndoo en anos sucesivos, no proxecto DIVERSIPLAS, +Diverso –Plástico, executado pola Asociación Integro das Persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte. Ademais das persoas usuarias do noso Centro de Recursos, os integrantes da nosa Rede de Entidades Colaboradoras (confrarías de pescadores, mariscadoras, concellos…) e a poboación en xeral están a beneficiarse deste innovador proxecto, orientado a facilitar a inserción socio-laboral das persoas con discapacidade, a través da posta en valor dos residuos plásticos mariños, e o deseño de proxectos de economía circular co obxectivo de reforzar o dinamismo social, económico e ambiental da zona costeira.
A viabilidade de dito proxecto pasou pola creación dun espazo para o aproveitamento e tratamento dos residuos plásticos na sede da asociación Integro en Nantón (Cabana), financiado pola Fundación ONCE, a través da convocatoria do Plan de Prioridades 2022, cunha aportación de 10.000€. Os traballos, executados de xaneiro a outubro deste ano, consistiron na reforma e adecuación do almacén–garaxe do Centro de Recursos ata convertelo nun taller de reciclaxe, capaz de albergar a maquinaria empregada no proceso de transformación dos residuos (trituradora, extrusora, inxectora e compresora) e un pequeno aseo para uso das persoas traballadoras.
Con este proxecto, presentado a través da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), conseguíronse realizar actividades ocupacionais, laborais ou terapéuticas no centro, mediante a valorización dos residuos xerados polo plástico, obtendo así un beneficio social, económico e ambiental. Así mesmo, logramos promover a inclusión laboral das persoas con diversidade funcional, mediante a realización de novas actividades produtivas e/ou laborais na entidade, ademais de contribuír, a través da formación e a ocupación, a unha maior e efectiva participación na vida social, ao desenvolvemento da súa autonomía e á mellora da autoestima.
Por outra banda, tamén foi posible aumentar as capacidades das persoas da asociación mediante actividades de formación relacionadas co aproveitamento e valorización dos plásticos; sensibilizar á sociedade sobre a problemática dos residuos mariños e o aproveitamento sostible dos mesmos con actividades de sensibilización e formación en materia de preservación ambiental, aproveitamento dos refugallos e economía circular, e incrementar a colaboración dos concellos e do sector pesqueiro en favor dunha sociedade máis inclusiva, promovendo a sinerxía entre ambos para realizar actividades de posta en valor dos residuos e promoción da cohesión social da zona costeira.
Inspirado na iniciativa PreciousPlastic, Diversiplás contribuíu á redución do lixo mariño e á mellora da biodiversidade e dos ecosistemas mariños en boa parte da Costa da Morte (Laracha, Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Vimianzo, Camariñas, Laxe e Muxía), incidindo na xestión e redución do impacto medioambiental do plástico.
Este proxecto forma parte do Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), financiado pola Fundación ONCE. A Confederación xestiona esta subvención para a financiación dos proxectos prioritarios das súas entidades, proporcionándolles asesoramento e realizando un seguimento pormenorizado durante todo o proceso.
A Asociación Integro das Persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte é unha Organización non Gobernamental, constituída no ano 1992, coa misión de acadar a inclusión das persoas con diversidade funcional. Ademais, somos membros da COGAMI.