post

Alumnado de infantil e primaria de A Laracha, Camariñas e Ponte do Porto protagonizaron as últimas accións de sensibilización promovidas por Íntegro na Costa da Morte

 Programas como a Diverescola e o Visítanos achegaron este mes a diversidade e a inclusión a máis de 150 nenos e nenas da contorna

Máis de 150 alumnos/as de infantil e primaria da Costa da Morte participaron este mes nas últimas xornadas de sensibilización postas en marcha pola asociación Íntegro para concienciar aos máis pequenos/as en materia de diversidade. Unha vez máis, o xogo e o entretemento serviron para achegar á cativada unha nova edición da Diverescola e o Visítanos, dúas iniciativas incluídas no programa Capacíta-T, coas que a entidade, en colaboración cos centros de ensino da contorna, está a promover unha aprendizaxe en valores e unha aposta pola educación inclusiva dende a infancia. Estas foron as accións que pecharon o curso académico 2018-19:

  • CEIP Ramón Otero Pedrayo (A Laracha)

62 nenos e nenas de infantil participaron nunha divertidísima Diverescola, que mudou por uns intres o aspecto das súas aulas para convertelas en improvisados circuítos de obstáculos para ofrecer auténticas leccións de vida e superación. Un contacontos e algúns xogos de mobilidade propostos pola nosa monitora de ocio e tempo libre, foron suficientes para que os máis pequenos/as entenderan conceptos como a diversidade, o respecto e a inclusión.

 

 

  •  
  •  
  •  
  •  
  •  

 

  • CEIP Ponte do Porto – Camariñas

41 alumnos e alumnas protagonizaron a última acción de sensibilización do programa Visítanos cunha visita polas instalacións da asociación Íntegro en Nantón (Cabana de Bergantiños). Como de costume, a xornada comezou coa proxección dunha curtametraxe á que seguiu un pequeno debate sobre o mesmo. De seguido, realizouse un percorrido polas diferentes aulas do Centro de Recursos e do Centro Ocupacional co obxectivo de coñecer de primeira man as actividades que desenvolven día a día os nosos usuarios/as. A elaboración de pulseiras de macramé e a confección dunha exquisita tarta da avoa foron dúas das actividades que máis entusiasmaron aos alumnos/as, que tamén tiveron tempo para realizar exercicios de psicomotricidade no ximnasio e xogos de memoria e habilidade na aula de logopedia. Ao remate, elaboraron un gran debuxo-mural coas impresións da xornada, que expuxeron ante o profesorado que os acompañaba e as monitoras e usuarios/as do noso centro.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

As campañas de sensibilización promovidas pola nosa entidade ao logo do curso escolar que xa remata, despedíronse ata despois do verán cunha última edición da Diverescola nos centros de infantil de Ponte do Porto – Camariñas. Unha historia protagonizada por personaxes que suman capacidades a prol da diversidade e a realización de numerosos xogos infantís arredor da mobilidade lograron espertar a atención e o interese dos máis pequenos/as e, sobre todo, a súa conciencia e sensibilidade. Así que, desde Íntegro damos o curso por aprobado (e con nota) e desexámoslle a todos/as un feliz e inclusivo verán.