Hoxe é día de reflexión tras a concorrida Xornada Diversidade e Familia organizada por Íntegro xusto cando se cumprían 24 anos daquelas outras xornadas celebradas no Couto e que foron o xermolo da asociación. “A historia repítese 24 anos despois”, sinalou o presidente, Adolfo López Baña. Porque aínda que teñen cambiado moitas cousas dende aquela e a sociedade ten dado pasos importantes cara a integración das persoas con diversidade funcional, “hai que seguir avanzando cara a inclusión”. Ese é o obxectivo estratéxico que pretende acadar a nova xunta directiva a través do programa Capacíta-t, dentro do cal enmárcase a xornada celebrada en Ponteceso coincidindo co Día Internacional das Persoas con Discapacidade.
Igual que no 1991 comezou a escribirse a historia de Íntegro, o 3 de decembro do 2015 “comezamos o camiño para promover visións que cambien miradas”, manifestou Adolfo López. Pero o obxectivo que se pretende acadar require un cambio de mentalidade que “debe empezar dende a escola” e un maior activismo social.
Na I Xornada Diversidade e Familia xa se deron pasos, algún tan decisivo como o compromiso explícito do alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, de incrementar cada ano a colaboración do Concello para levar a educación en diversidade ás aulas. “É unha honra que Íntegro estea nesta comarca e estea colaborando con este Concello, porque Íntegro é coma unha fábrica, unha fábrica de integración, que é o mellor produto para que a nosa sociedade mellore cada día”, manifestou no seu discurso inaugural.
Un cento de persoas reuníronse nas Escolas da Trabe, nunha tarde de choiva intensa, para conmemorar con Íntegro o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Os usuarios e usuarias foron os encargados de facer de fío condutor e introducir as distintas intervencións. Comezou Noelia Barreira, directora do Centro de Recursos, explicando o labor que se desenvolve nos centros ocupacional e de día, o seu funcionamento, as condicións de acceso e os programas educativos e ocupacionais que se desenvolven. Pero non se trata só, dixo, de “capacitalos só a eles, senón que necesitamos capacitar á sociedade en xeral”.
A psicóloga da asociación, Begoña Rial, acompañou con vídeos moi ilustrativos a súa intervención, centrada nos obxectivos do programa Capacíta-t. “Debemos mirarnos a nós mesmos e ver cales son as barreiras que podemos romper cada un de nós. Se esas barreiras se destrúen non serían necesarias xornadas coma esta”, declarou. Begoña Rial destacou a importancia de traballar pola inclusión dende a infancia. E, de feito, na xornada de onte xa se fixo. Íntegro organizou unha actividade paralela na que participaron 25 nenos e nenas de diferentes idades, que abordaron o tema dende unha perspectiva lúdica.
María Luisa Fernández, autora do libro “La mirada de Ángel”, e coñecida xa polos usuarios e usuarias de Íntegro, foi outra das convidadas da tarde cunha intervención cargada de emoción e de esperanza para as familias. Houbo momentos para a lembranza a través da proxección fotográfica da actividade cotiá de Íntegro, e tamén para a aprendizaxe. A charla de Martina González, psicóloga sanitaria e sexóloga, resultou especialmente interesante.
Martina González destacou a importancia da celebración deste tipo de xornadas para romper cos tabús e os prexuízos existentes. “Esta é a mellor maneira de adquirir normalidade e relativizar as cousas”. Dende o seu punto de vista, precisamos dedicarlle máis tempo ás relacións afectivas, tratalas con máis respecto e tendo en conta os sentimentos dos demais, porque ademais, dixo, son importantes para a autoestima. Pero é preciso, engadiu, dotar de recursos ás persoas con diversidade, e nese sentido reivindicou máis intimidade e máis espazos que a propicien.
A xornada continuou coa entrega de premios aos gañadores do concurso O noso mundo, no que participaron os alumnos de infantil e primaria dos coles de Ponteceso e Corme. Os seus traballos, expostos na entrada das Escolas da Trabe, serviron coma un enorme photocall polo que pasaron decenas de persoas durante toda a tarde. O Concello de Ponteceso entregou o premio na categoría individual, que correspondeu a Uxía Villar, de 5º B do CEIP Eduardo Pondal. Na categoría de grupos fixo a entrega a Asociación de Empresarios aos grupos de 3º e 4º do CEIP As Forcadas, gañadores do certame.
Os emotivos testemuños de Ramón Pombo Castro e David Pombo, que narraron en primeira persoa a súa vida nunha cadeira de rodas e a importancia de contar cos apoios necesarios para saír adiante, centraron a parte final da tarde. Ambos destacaron o importante papel que desempeña a familia neses duros momentos, no caso de Ramón hai xa 18 anos por mor dun accidente de tráfico, e no de David hai apenas dous por un accidente laboral en Malpica.
Coa entrega de agasallos aos conferenciantes, o agradecemento ás persoas asistentes e o desexo de que o 3 de decembro do 2015 se dese un paso máis cara a inclusión, a Asociación Íntegro pechou a I Xornada Diversidade e Familia. E xa estamos pensando na próxima!