O alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga; a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, e o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, clausuraron hoxe o curso de técnicas de colocación de pladur e pintura que viña impartindo dende principios de novembro a nosa asociación e no que participaron persoas con diversidade funcional e/ou en risco de exclusión social.
A concelleira de Servizos Sociais agradeceu a colaboración da Asociación Íntegro no desenvolvemento do programa de formación específica para estes colectivos que vén desenvolvendo o seu departamento nos últimos anos, e que ten como fin último lograr a integración das persoas participantes. “Dende a área de Servizos Sociais e Igualdade consideramos a inclusión social como un obxectivo prioritario, e nese sentido planificamos actividades que fomentan a participación de todos os nosos usuarios e usuarias e que nos permiten ir dando pasos cara a súa inclusión”, manifestou Marisol Blanco. Pola súa banda, o presidente de Íntegro destacou o importante labor de visibilización destes colectivos que desenvolve o Concello de Malpica, que neste sentido cualificou coma un concello exemplar.
O obradoiro, subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña, foi fundamentalmente práctico. As persoas participantes aprenderon as técnicas básicas de colocación de pladur e pintura e acondicionaron unha aula situada no primeiro andar da Casa do Oleiro que a partir de agora poderá ser utilizada polas alumnas e alumnos de manualidades.