post

Íntegro amplía a súa oferta formativa con catro novos cursos de capacitación laboral

  • Axudante de cociña, auxiliar de almacén, peón de xardín e limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais son as novas especialidades que se impartirán en 2017-2018
  • O programa está subvencionado pola Consellería de Política Social da Xunta e o Fondo Social Europeo dentro do Programa Operativo de Galicia 2014-2020

A asociación Íntegro está de parabéns porque o plan de formación do Centro de Recursos de Nantón vaise ver notablemente incrementado durante o período 2017-2018. Esta boa nova chega da man da Dirección Xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia que vén de concederlle á entidade un programa de axudas, co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) a través do Programa Operativo de Galicia 2014-2020, para a realización de accións sociais e inclusivas destinadas a promover a igualdade de oportunidades para persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. E que mellor maneira de facelo que a través da formación e o emprego.

Entre o 2017 e o 2018 Íntegro porá en marcha catro novos obradoiros centrados na capacitación laboral dos seus participantes como medida de mellora na procura dun emprego digno e de calidade. Axudante de cociña, auxiliar de almacén, peón de xardín e limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais (este último xa en marcha) son as especialidades dun programa formativo que será impartido nas instalacións do centro por persoal cualificado e cunha ampla traxectoria docente. Íntegro amplía así a súa oferta de formación para facilitar máis recursos aos colectivos máis vulnerables.

 

Curso en marcha

O que si xa comezou é o curso de “limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais”, tamén incluído no novo plan de formación. Nel están a participar, dende o pasado 3 de xullo, 10 persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. As clases teñen unha duración de 208 horas lectivas divididas en catro módulos teóricos, un de prácticas profesionais non laborais e outro de competencias transversais. Entre os obxectivos deste obradoiro, incluído no Programa Operativo de Galicia 2014-2020, está a dotar aos alumnos/as das ferramentas necesarias para realizar as tarefas propias de limpeza e mantemento de superficies, así como mobiliario en edificios e locais, seleccionando as técnicas, produtos e maquinaria necesarios para garantir a súa correcta conservación, hixiene e mantemento, baixo a supervisión do profesional competente, cumprindo coa normativa aplicable en materia de seguridade e saúde.