Varios centros de ensino de Carballo, A Laracha e Zas foron os destinatarios das últimas accións formativas levadas a cabo pola entidade antes do remate do curso académico
Coa chegada do bo tempo e o inminente remate do curso escolar, as campañas de sensibilización, promovidas pola asociación Íntegro ao longo do ano, sucédense case a diario nos centros de ensino de toda a Costa da Morte. E non é para menos! Ano tras ano, as estatísticas seguen a reflexar un incremento de accidentes medulares durante a temporada estival. Estradas, praias e piscinas continúan a ser os principais puntos de sinistralidade e os nosos mozos e mozas, o colectivo máis vulnerable. Para loitar con esta lacra, a entidade que preside Adolfo López Baña vén de reforzar ao logo deste mes a súa presencia nos centos educativos da zona con charlas informativas e actividades lúdicas e didácticas, organizadas en colaboración coa comunidade escolar para lograr unha educación inclusiva e responsable, capaz de transmitir coñecemento, diversión e maior concienciación social como aconteceu nas últimas visitas levadas a cabo en Carballo, A Laracha e Baio (Zas).
Así, nas últimas semanas, a campaña de prevención de lesións medulares cobrou especial protagonismo na capital de Bergantiños, onde fixo a súa primeira parada para visitar aos alumnos/as de 2º curso do IES Isidro Parga Pondal mentres que a última tivo lugar hai escasos días nas aulas de Formación Profesional Básica do IES Monte Neme, onde se puxo o punto e final á temporada. Entre ambos centros, un total de 145 estudantes participaron activamente, tanto nas conferencias ofrecidas polos representantes de Íntegro como nas posteriores sesións prácticas, que lle permitiron a todos e a todas, poñerse por uns intres na pel dun usuario/a de cadeira de rodas.
Os/as que tamén tiveron que sortear obstáculos e, por certo, con gran habilidade e destreza, foron os alumnos/as de 1º e 2º da ESO do IES Maximino Romero de Baio (Zas), que formaron parte dunha xornada de educación viaria, organizada pola Policía Local da localidade, coa que colaborou a asociación Íntegro a través da realización dun circuíto de mobilidade e varias probas que serviron para conciencialos/as sobre a importancia de evitar prácticas de risco nas estradas como peóns como futuros condutores de vehículos.
Diverescola
Este mes tamén nos deixou unha nova edición da Diverescola, unha iniciativa enmarcada no programa Capacíta-T, promovida para achegar aos máis cativos/as a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento. Nesta ocasión, os destinatarios/as foron 150 nenos e nenas de 5º e 6º curso do CEIP Ramón Otero Pedrayo de A Laracha. Ao longo da mañá, o alumnado cambiou as aulas e os pupitres polo patio e o pavillón escolar para poñer a proba os seus coñecementos e habilidades en materia de diversidade. E os resultados foron sorprendentes! Despois de realizar un percorrido cos ollos vendados e nunha cadeira de rodas, todos/as demostraron que a empatía, a destreza e a sensibilidade son materias que dominan á perfección. Parabéns a todos!
Desde Íntegro queremos agradecer a implicación e a colaboración de toda a comunidade educativa na posta en marcha dos diferentes programas de prevención e sensibilización nos centros de ensino co obxectivo de fomentar entre o alumnado un maior coñecemento da súa contorna e unha educación responsable e inclusiva. Grazas e a gozar do verán, con precaución!!